Comunidades enerxéticas, un camiño ó aforro eléctrico

Analizamos as posibilidades de impulsar proxectos colectivos de enerxías renovables para autoconsumo. Un dos primeiros proxectos en Galicia é o da comunidade de montes de Tameiga, pero hai tamén iniciativas ligadas a grupos veciñais, como en Moaña

Comunidades enerxéticas, un camiño ó aforro eléctrico

Un exemplo de paneis fotovoltaicos nunha instalación da cooperativa Nosa Enerxía

As comunidades enerxéticas locais son unha vía colectiva para a produción e autoconsumo de enerxías renovables que comezou a impulsarse nos últimos anos en toda Europa. En Alemania hai xa preto de dous milleiros de comunidades enerxéticas,se ben en España o modelo está aínda arrancando, con pouco máis dunha trintena de proxectos en marcha. No caso galego, un dos primeiros proxectos é o da comunidade de montes de Tameiga, que se está a dotar de diversas instalacións de paneis fotovoltaicos.

A comunidade enerxética de Tameiga, que se puxo en marcha co apoio técnico da cooperativa Nosa Enerxía, é un exemplo dun modelo que se podería extender nos próximos anos. “As comunidades enerxéticas son un instrumento que paga a pena. Permiten a autosuficiencia enerxética, aforro e desenvolvemento sustentable”, resume José Eiras, asesor de Nosa Enerxía.

Dez claves das comunidades enerxéticas

1. Que son? As comunidades enerxéticas son pequenos proxectos con instalacións de enerxías renovables impulsados por cooperativas, agrupacións, Concellos ou pemes. O obxectivo principal, segundo detalla o Ministerio de Transición Ecolóxica, “é o beneficio colectivo da enerxía limpa obtida, supoñendo unha mellora da eficiencia enerxética ou un desenvolvemento de sistemas de mobilidade sostible”.

Instalación de paneis fotovoltaicas da cooperativa Nosa Enerxía

Instalación de paneis fotovoltaicas da cooperativa Nosa Enerxía

2. Como é o procedemento de creación?
A creación pode levala a cabo calquera colectivo con personalidade xurídica. “Poden ser persoas físicas ou xurídicas baixo a figura dunha comunidade, unha agrupación, unha cooperativa, etc.”, explica Jose Eiras. A partir da conformación deste colectivo, “deberá existir unha vontade conxunta, seguida por un deseño do proxecto, pola busca de financiamento para levalo a cabo, e pola súa materialización. Unha vez feito isto poderase solicitar unha subvención a comunidades enerxéticas para axudar a cubrir os gastos”.

3. Poden as comunidades de montes ser comunidades enerxéticas?
De xeito directo, non, xa que as comunidades de montes carecen da personalidade xurídica precisa. Terían que constituír unha asociación ou cooperativa paralela para a xestión da comunidade enerxética, coas complicacións burocráticas que iso xenera. Por iso, a Organización Galega de Comunidades de Montes vén de manter un encontro co Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (Idae), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, ó que lle trasladou a necesidade de que modifique a normativa.

Ese cambio facilitaría a posta en marcha de comunidades enerxéticas a cargo de comunidades de montes, favorecendo tamén que poidan acceder de xeito máis sinxelo a axudas para a posta en marcha das iniciativas, como as convocatorias do propio IDAE para proxectos piloto.

4. Que proxectos se están desenvolvendo en Galicia?
A parte da comunidade enerxética do monte veciñal de Tameiga, é público o proxecto da asociación Moaña Solar para constituírse en comunidade enerxética local. Espérase que máis proxectos veciñais, cooperativos ou de comunidades de montes se poñan en marcha nos próximos anos, da liña do que sucedeu noutros países de Europa.

5. Cales son os requisitos para creala?
Trátase de entidades xurídicas “que teñen que ter unha participación totalmente voluntaria e aberta, onde o control o exercen directamente os membros”, destaca o Ministerio. Pola súa parte, Eiras aporta que outro dos requisitos destas comunidades é que “a maior parte da produción debe quedar para o uso interno do colectivo xestor, importándose a mínima enerxía externa posible. Para obter as axudas a este tipo de proxectos, a comunidade enerxética non pode estar orientada a vender enerxía, senón a consumir o que se produce, e facer un intercambio de excedentes coa comercializadora”.

6. Que tipos de comunidades se poden levar a cabo?
O Ministerio fai referencia á “produción e consumo de renovables con recursos locais que teñan ao seu alcance”, sexa enerxía eólica, minihidráulica, solar, biomasa (redes de calor) ou outras.

7. Que axudas e subvencións están dispoñibles?
“Polo momento, a parte das convocatorias estatais, en Galicia hai liñas de axudas para renovables ás que tamén poden acceder as comunidades enerxéticas. Entre as liñas dispoñibles, “hai unha convocatoria do Inega dunha liña de axudas para o impulso de enerxías renovables, o autoconsumo, e o almacenamento enerxético, por valor de 37M€, dentro da cal, existen dous tipos de aportes económicos, un de máis de 11,5 M€, e outro, de 5,6 M€”, detalla José Eiras.

8. Que beneficios aportan?
As comunidades enerxéticas ofrecen amplos beneficios medioambientais e socioeconómicos. “A redución de custos por subministro de enerxía, a dependencia enerxética, ou a seguridade e estabilidade de aprovisionamento enerxético” son algunhas das cuestións que destaca Jose Eiras. Ademais, o tesoureiro de Nosa Enerxía aporta que “todas estas accións encáixanse no marco da transición enerxética do país”, nun segundo plano de necesidade de redución de emisións e substitución de enerxías fósiles por renovables.

As achegas de “autosuficiencia” que Eiras comenta van en paralelo a unha “optimización dos solos”. Segundo afirma o tesoureiro “moitas comunidades enerxéticas que se levan a cabo instalan paneis fotovoltaicos en cubertas e tellados de edificios, o que permite deixar o solo para outros usos e optimizar a superficie das edificacións”.

9. Estas iniciativas, teñen dificultades?
A novidade asociada á recente posta en marcha das comunidades enerxéticas deixa un marco normativo con falta de definición. Outro dos desafíos que Eiras destaca é “o requirimento dun grupo de persoas que se poñan de acordo para levar a cabo o proxecto”. Tamén existen dificultades asociadas a “dimensionar o proxecto para facelo viable, e buscar unha vía de financiamento para levalo adiante”, explica Eiras.

Aínda que moitas convocatorias de subvencións son por concorrencia non competitiva, isto é, por orde de presentación das solicitudes, “é necesario materializar o proxecto de enerxías renovables para optar ás axudas, polo que esta inversión require dun financiamento que algunhas comunidades tardan en conseguir”, recalca Jose Eiras. Eiras apunta ademais como problema á fiscalidade, posto que “a concesión dun crédito demasiado grande é susceptible dun aumento dos tipos de interese”.

10. En conclusión. As comunidades enerxéticas teñen unha serie de riscos e dificultades asociadas á súa posta en marcha, tales como o financiamento ou un correcto dimensionamento do proxecto. Da mesma maneira, son unha das propostas clave para conseguir a transición das enerxías a renovables fixada para 2030, e así frear a dependencia enerxética española que se aproxima ao 70%, segundo datos do Ministerio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información