O monte da Peneda constitúe unha área de importante valor patrimonial, cultural e social na comarca que abrangue aos concellos pontevedreses de Soutomaior e Redondela. Nela atópase a Ermida da Peneda, os restos da fortaleza de Castrizán, a sobreira da Peneda recentemente catalogada pola Xunta de Galicia como árbore senlleira, testemuñas de restos castrexos, camiño vello de subida ao alto do monte, restos de canteiras artesanais e unha interesante cova que se adentra no corazón da montaña.
Non menos importante é o valor social con eventos relevantes para a veciñanza que se realizan no torreiro da Peneda, como son a Festa dos Fachos, que se celebra no mes de xuño, ou a celebración da Romaría da Virxe da Peneda que se celebra en dúas datas: o luns de Pascua e o 5 de agosto.
A estes valores hai que engadirlle o paisaxístico, cunhas impresionantes vistas de toda a área da Rede Natura da Enseada de San Simón, vistas á depresión meridiana que atravesa Redondela, ao Val do Verdugo cara a zona de
Soutomaior e unha panorámica do propio castelo de Pedro Madruga. Destaca tamén o valor ambiental pola presenza na aba sur deste monte unha relicta formación de sobreiras que progresivamente, e mentras as respete o lume, vai aumentando coa presenza de novas árbores que van medrando á sombra da sobreira senlleira.
A necesidade de poñer en valor todos estes valores movilizaron ás tres comunidades de montes en man común que aglutinan a maioría da propiedade deste interesante monte: Arcade de Riba, Alxán de Abaixo e O Viso.
Así pois, as tres comunidades veciñais coinciden en que, ou se dan pasos cara adiante e se conforma unidade de acción para realizar os mantementos e melloras necesarias no monte, ou no caso de risco alto de lume, A Peneda podría volver arder como xa aconteceu no ano 2006.
O primeiro paso foi crear unha fronte común das tres comunidades para traballar de xeito conxunto, sen diferenzas á hora de traballar por este monte, sen facer distincións entre as zonas que poidan caer na vertente de Soutomaior ou na de Redondela. As tres comunidades coinciden en que a Peneda é un monte único, tanto polos seus valores como no que se refire á identidade dos diferentes grupos veciñais que habitan en todo o seu entorno.
Primeiros pasos
Ata o momento a liña principal de acción pasou por definir conxuntamente un “Plan de recuperación e restauración ambiental e cultural do monte da Peneda” que sirva de guía dos traballos necesarios ao longo dos vindeiros anos, pero sobre todo, que sexa a base para recabar apoios e fontes de financiación e así sufragar esta tan necesaria recuperación. Nos últimos tempos xa se levan realizado diversos traballos, como son rozas para reducir o risco de incendios, eliminación de elementos indesexados no entorno da árbore senlleira, plantacións de frondosas autóctonas na base do monte ou a corta e control de zonas con eucalipto e acacias. Actualmente acábase de instalar un panel
explicativo dos valores da sobreira da Peneda como árbore senlleira que contou cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente, a cal tamén comprende traballos de roza no entorno da árbore para reducir o risco de danos en caso de incendio. Este traballo realizarase nos vindeiros días, de igual xeito que o rareo do rexenerado de piñeiro que se atopa na base da Peneda e a corta e eliminación de pés de acacia negra.
Outra liña de actuación que se está acometendo consiste en recabar diversos apoios instituacionais. Para elo xa se realizaron contactos con diversas administracións públicas. Por un lado, procedeuse coa petición á Deputación de
Pontevedra da substitución dos quitamentos actuais por uns en madeira respetuosos cos motoristas e máis acordes co valor ambiental e cultural deste monte. Por outro lado, realizáronse senllas reunións tanto co Concello de
Redondela como co Concello de Soutomaior, os cales valoraron positivamente que as tres comunidades traballen de xeito conxunto en prol dun monte cun simbolismo como é o da Peneda. Ambas administracións locais acordaron
traballar conxuntamente para avaliar as fórmulas máis viables de cara a colaborar coas tres comunidades e poder captar recursos e así apoiar a recuperación e restauración ambiental e cultutal do monte da Peneda