As comunidades da Cornixa Cantábrica únense para pedir máis hectáreas elixibles na PAC

Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco asinan un documento conxunto no que advirten ó Ministerio de que teñen unha porcentaxe de superficie con dereito a axudas inferior á media estatal

As comunidades da Cornixa Cantábrica únense para pedir máis hectáreas elixibles na PAC

As ganderías galegas contan con menos porcentaxe de superficie con dereitos da PAC que a media estatal. / Arquivo.

A nova Política Agraria Común (PAC), que entrará en vigor no 2023, suporá importantes novidades nas axudas dirixidas ó agro. Un dos principais cambios é a eliminación dos dereitos históricos da PAC, de xeito que as explotacións pasarán a cobrar un pago por hectárea elixible. O problema na Cornixa Cantábrica é que a porcentaxe de hectáreas elixibles sobre o total da superficie agraria útil é inferior á media española.

Os gobernos autonómicos de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco veñen de enviarlle un documento conxunto ó Ministerio no que, entre outras cuestións, lle solicitan unha corrección dese desequilibrio. Así o explicou hoxe en rolda de prensa o conselleiro do Medio Rural, José González, quen considerou “inaceptable” que se estea falando da posible entrada doutros cultivos na PAC, como viñedo, froitas e hortalizas, “mentres as comunidades da Cornixa non cheguen á superficie media española”.

As catro comunidades consideran que o Ministerio ten que establecer un periodo de transición na eliminación de dereitos históricos durante o cal se poidan correxir os actuais desequilibrios. Galicia e o resto da Cornixa quere que as ganderías do Norte poidan introducir máis terras como hectáreas elixibles para a PAC.

Os puntos en común acordados polas comunidades abranguen outras cuestións, como a definición de agricultor xenuíno, os pagos asociados, os ecoesquemas ou o chamada ‘capping’ (tope de axudas que poderá cobrar unha explotación).

Agricultor xenuíno
Para cobrar as axudas a partir do 2023, o beneficiario terá que acreditar a condición de “agricultor xenuíno”. En España, o Ministerio proxecta esixir un mínimo dun 30% de ingresos agrarios para acreditar tal condición. É unha postura coa que coinciden en parte as comunidades da Cornixa, que plantean tamén a alternativa de que o perceptor das axudas estea dado de alta na seguridade social agraria.

Sen embargo, as comunidades están en desacordo coa proposta ministerial de permitir que as persoas con menores axudas da PAC poidan seguir cobrándoas, aínda que non cumpran os requisitos, “pois desvirtúase o concepto de agricultor xenuíno”.

Pagos asociados e ecoesquemas
As comunidades gandeiras do Norte defenden a necesidade de manter os pagos asociados en vacún de leite, vacún de carne e ovino – cabrún. O Ministerio xa confirmou o mantemento dos pagos en vacún de leite e de carne, se ben o cabalo de batalla está agora en definir as coantías que terán eses pagos.

Sobre os ecoesquemas, hai disgusto de Galicia e do resto de comunidades, pois percíbese que están máis orientados para o centro e sur peninsular.

‘Capping’ e pagos redistributivos
Os regulamentos definitivos da PAC están pendentes das negociacións entre Consello Europeo, o Parlamento e a Comisión Europea, pero todo apunta a que o documento final diluirá a proposta de establecer topes de axudas por explotación, o chamado ‘capping’. De tódolos xeitos, as comunidades da Cornixa pídenlle ó Ministerio que estableza a normativa máis estricta posible, de xeito que se comecen a reducir os pagos a partir dos 60.000 euros. Propoñen tamén que para ese cómputo, non se poidan deducir os custos laborais, salvo en explotacións asociativas no relativo ós socios traballadores.

Parte dos fondos da PAC, entre eles os recadados polo ‘capping’, destinaranse a un pago redistributivo. O Ministerio xa anunciou que primará con ese pago ás primeiras hectáreas de cada explotación, pero desde Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco pídese que só poidan cobrar o pago redistributivo os agricultores profesionais dependentes dos ingresos agrarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información