A Comunidade de Montes do Viso organiza o día da árbore

A actividade vai en liña das anteriores edición, por iso a veciñanza comuneira do Viso sairá ao monte para seguir consolidando a franxa verde do monte Espiño no seu linde con Ventosela

A Comunidade de Montes do Viso organiza o día da árbore

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso organiza unha nova edición do día da árbore para o vindeiro domingo 15 de marzo. O punto de encontro será no no fin da Estrada do Meixoeiro, en Soutoxuste, ás 10:00 horas da mañá.

A actividade continúa a liña de edicións anteriores, por iso a veciñanza comuneira do Viso sairá ao monte para seguir consolidando a franxa verde do monte Espiño no seu linde con Ventosela. Plantaranse bidueiros, sobreiras e érbedos en toda a xornada para consolidar unha estrutura do monte máis resilente ante a ocorrencia de incendios forestais e cortando a dirección norte-sur de propagación de incendios na comarca.

Esta estrutura verde pretende tamén ser un exemplo demostrativo de compartimentación do territorio de cara a crear nichos de biodiversidade e de fragmentación, así como elemento fundamental para a defensa contra o peor dos riscos que ten o monte galego, os incendios forestais.

Trátase dunha actividade aberta a toda a veciñanza, na que poden participar levando un legón, unha luvas e ganas de traballar para conseguir un monte que siga proporcionando recursos tanxibles e intanxibles como poden ser as augas, a paisaxe, a fixación de carbono, leñas, froitos como as castañas, cogomelos, hábitats de fauna e flora etc..

A comunidade lembra que todas as actuacións que se desenvolven no monte comunal están supeditadas polos criterios de xestión forestal sostible dos sistemas de certificación internacionais PEFC e FSC.

unnamed

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información