A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Areas – Tui, é un deses territorios pequenos que encerra unha historia grande. Setenta hectáreas das que sesenta son produtivas, e o resto dedicadas a viveiro forestal e zonas dotacionais. Oitocentos veciños e veciñas, cento noventa deles comuneiros. Un monte que deixou atrás a súa función auxiliar da agricultura para converterse nun espazo periurbano, multifuncional e certificado.
O Programa de Recoñecemento de Montes PEFC visitou esta comunidade para coñecer de primeira man o seu modelo de xestión, baseado na diversificación, na anticipación aos riscos e na implicación social. O resultado é un relato de vinte anos de transformación, impulsado por decisións técnicas valentes e unha filosofía clara: “queremos que siga sendo monte”.

Un monte pequeno cunha visión grande
Manuel Pereira, presidente da CMVMC de Areas – Tui, explica que o monte “durante moitísimos anos cumpriu unha función de prestación de servizos e de creación de infraestruturas que non lle correspondían, e sufriu moita esquilma”. Nos últimos vinte anos, a comunidade decidiu reverter esta dinámica cunha política rotunda: o cen por cento de todos os recursos que produce o monte están adicados ao propio monte.
O obxectivo principal, engade, é que sexa un monte sostible que achegue o que é capaz de achegar, e que a comunidade sexa á súa vez quen de responder ao que o monte demanda.
“Non empregamos ningún tipo de recurso do monte para atender necesidades que non son propiamente do monte”, subliña Pereira. O obxectivo principal, engade, é que sexa un monte sostible que achegue o que é capaz de achegar, e que a comunidade sexa á súa vez quen de responder ao que o monte demanda.
Frondosas como aposta estratéxica e de convivencia
A comunidade de Areas fixo unha aposta decidida polas frondosas autóctonas, pero non como un monocultivo, senón como unha estratexia de integración no territorio. Pereira explica que as introduciron como “illas salpicadas por todo o monte” e, sobre todo, nas beiras das pistas forestais e camiños: “Un marco de plantación de catro por catro e dúas fileiras, nalgúns casos tres, que sumamos dunha punta a outra dá un bo cortalumes vexetal”. Aínda que non vai apagar un incendio, admite, “si que axuda a retardar, tanto para que non chegue ás vivendas como para que os medios de extinción poidan actuar con certa celeridade”.
A elección das especies non é aleatoria. “Hai bidueiros, carballos, castiñeiros, freixos, capudres, madroños e abeleiras”, enumera o presidente. O obxectivo non é só produtivo: nas zonas próximas ás vivendas, a frondosa “axuda a convivir entre as persoas e o monte, porque te alegra, porque che axudan a ver a diversidade do medio, porque ves como cambian as estacións”. Ademais, sinala, cando chegan as chuvias, “axudan a fixar a auga que se filtra” e en época de calor, “a que a erosión e a evaporación non sexa tan evidente”.
Pero a innovación tamén chegou á conífera maioritaria. Ante a aparición do nematodo do piñeiro, a comunidade, asesorada por CERNA, introduciu unha pequena parcela experimental con piñeiro de orixe francés e, máis recentemente, dúas hectáreas cunha variedade de Oregón buscando similitudes climáticas coas proxeccións para o Baixo Miño: “Invernos cálidos, pero veráns xa moi esixentes, con temperaturas nalgúns momentos por riba dos corenta graos”.
“Mudamos o cultivo e transformámolo nunha zona de frondosa. Hoxe estamos facendo traballos de limpeza na franxa de seguridade, que é case de trescentos ou catrocentos metros na beira das vivendas”.
Innovación e anticipación: máis aló do piñeiral
A aposta pola frondosa non é casual. Pereira explica que a comunidade se anticipou ás normas de prevención de incendios: “Mudamos o cultivo e transformámolo nunha zona de frondosa. Hoxe estamos facendo traballos de limpeza na franxa de seguridade, que é case de trescentos ou catrocentos metros na beira das vivendas”. Un exemplo de xestión activa e planificación que evidencia como un monte ben ordenado pode compatibilizar a produción coa seguridade das persoas.

Educación ambiental e implicación social: o monte como espazo de encontro
A implicación social é, para Pereira, un dos piares da comunidade. O exemplo máis visible é un grupo de voluntariado que leva 25 anos operativo: “Un grupo de veciños, non veciños e incluso algúns comuneiros, que dende fai vinte e cinco anos temos para intentar loitar contra os incendios forestais. Non son bombeiros forestais, son veciños que na época estival veñen ao monte e pasean, e calquera cousa que lles produce sospeita comunícano”.
A comunidade organiza unha intensa programación anual: Xornadas Micolóxicas (xa van pola duodécima edición), roteiros de aves para identificalas polo canto, noites de estrelas na época de San Lourenzo cun astrónomo, roteiros de herbas de San Xoán, e visitas guiadas para colectivos.
Pero o compromiso vai moito máis alá da vixilancia. A comunidade organiza unha intensa programación anual: Xornadas Micolóxicas (xa van pola duodécima edición), roteiros de aves para identificalas polo canto, noites de estrelas na época de San Lourenzo cun astrónomo, roteiros de herbas de San Xoán, e visitas guiadas para colectivos. Ademais, colaboran con colexios no Día da Árbore con plantacións participativas. “Creo que todo iso, a fin de contas, pon en valor o monte veciñal”, resume Pereira.
A certificación como sistema, non como selo
Francisco Álvarez, xerente de CERNA Enxeñería e Asesoría Medioambiental, explica que esta entidade, creada en Lugo no ano 2002, traballa fundamentalmente co propietario e a industria forestal de primeira transformación. O seu grupo de xestión forestal de ámbito nacional, iniciado en 2010, integra na actualidade unhas 50.000 hectáreas en Galicia, pertencentes a aproximadamente 27.000 unidades de xestión forestal e 21.000 propietarios.
Sobre as vantaxes de pertencer a un grupo de certificación, Álvarez é contundente: “Para o pequeno propietario galego, acceder a eses beneficios de maneira individual sería practicamente imposible. Un pequeno propietario que poida ter dúas hectáreas e media en cinco ou seis fincas, a nivel económico sería completa e absolutamente inviable”. Os grupos, engade, permiten “acceder en igualdade de condicións ás vantaxes da certificación, cuns custos moi contidos e asumibles para calquera produtor”.

Ademais do beneficio económico e de acceso a mercados, Álvarez subliña o recoñecemento á xestión: “É un recoñecemento de que cumpre os requisitos legais e as mellores prácticas desde o punto de vista sostible. É unha solidez para a súa maneira de actuar”.
En canto ao Sistema de Xestión de Grupo (SXC) que desenvolveron, Álvarez detalla que se trata dunha plataforma que “permite facer un seguimento e unha xestión da certificación dunha maneira sinxela, eficiente e eficaz”. Esta ferramenta, engade, “mantén o contacto entre os nosos clientes, os propietarios forestais e outras entidades que participan da xestión, como empresas de servizos forestais, e establece os protocolos e a forma de funcionamento do grupo”.
PEFC “é unha ferramenta de mercado, pero tamén unha imaxe e un recoñecemento que nos permite demostrar que a xestión que se está facendo cumpre con todos os requisitos para considerala sostible”.
PEFC: a elección natural para un grupo de certificación
Sobre a relación con PEFC, Álvarez non ten dúbidas: “O sistema PEFC é o sistema de certificación forestal máis implantado en España e en Europa. Para nós, era unha obrigación implantar o sistema máis importante”. Engade que PEFC “é unha ferramenta de mercado, pero tamén unha imaxe e un recoñecemento que nos permite demostrar que a xestión que se está facendo cumpre con todos os requisitos para considerala sostible”. A integración de CERNA no sistema PEFC produciuse no 2015, o que lles permitiu aliñarse co estándar de certificación de maior implantación en Europa e consolidar a súa estratexia de xestión forestal sostible.

Para a CMVMC de Areas, a certificación PEFC supuxo un fito na súa estratexia. Manuel Pereira resume así o valor do recoñecemento: “Agradecemos moitísimo o recoñecemento, que vén premiar ese traballo de vinte anos atrás onde intentamos convivir un monte que ten unha parte produtiva cunha parte paisaxística e medioambiental”. E conclúe cunha idea que serve de resumo para toda a visita: “O selo busca un equilibrio, tendo en conta o tipo de propiedade, a nosa, que é monte veciñal en man común, coa rotatividade das xuntas reitoras. Para nós, a experiencia é boa”.
Conclusión
A visita do Programa de Recoñecemento de Montes PEFC á CMVMC de Areas – Tui deixa varias leccións. Un monte pequeno, ben xestionado e cunha comunidade implicada, pode ser produtivo, seguro, biodiverso e aberto á cidadanía. A aposta polas frondosas, a innovación varietal e a educación ambiental non son actividades menores, senón partes integrantes dunha xestión forestal sostible que mira ao futuro. E a certificación PEFC, lonxe de ser un mero selo, convértese no sistema que ordena, documenta e garante ese equilibrio.
Galego









Control OJD