A recente publicación do borrador do anteproxecto da lei de protección e dereitos dos animais fixo saltar a preocupación entre os gandeiros de extensivo, en especial os de ovino e caprino, polas implicacións que a nova norma pode traer para os cans que teñen nas súas ganderías para gardar e guiar o gando. A maioría destes cans son mastíns, polas aptitudes que teñen demostrado no coidado e protección do rabaño, en especial fronte ataques da fauna salvaxe, coma o lobo.
O documento inicial presenta novidades que afectan directamente á actividade destes cans na gandería. A limitación na vida profesional dos animais, ó estipular unha idade de xubilación e atrasar o seu inicio é un dos maiores cambios que propón. A nova norma, aínda nas primeiras fases de tramitación, tampouco detalla que estes cans, tanto mastíns coma outras razas que se empregan para o manexo do gando, sexan recoñecidos nunha categoría máis específica e adaptada á súa realidade, polo labor que fan. Este é outro dos aspectos no que inciden os gandeiros, ó consideralo imprescindible, dadas as diferencias que poden existir con outros animais de compañía polo traballo que desempeñan.
A obrigatoriedade de xubilar os cans e a falta dunha regulación específica que ofreza un encaixe legal a estes animais polo seu traballo na gandería son as principais reclamacións entre os gandeiros
Dende distintos colectivos gandeiros xa se recolleron alegacións que trasladarlle ó Ministerio, dado que algúns dos cambios que propoñen poden supoñer un importante sobrecusto e mesmo facer inviable que se sigan a empregar os cans para o manexo do gando. “Estamos nas fases iniciais, aínda ten que ser aprobada no Congreso e Senado e agardamos que antes se atendan as alegacións que se presentaron e poida mellorarse”, apunta Joan Alibés, delegado en Galicia da Asociación para a Conservación do Mastín Español Tradicional (Acmet), un dos colectivos que presentou varias propostas ó Ministerio.
Dende a Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica) tamén presentaron un paquete de propostas para mellorar este anteproxecto de lei. “Entendemos a necesidade e os aspectos positivos que o desenvolvemento dunha lei de protección dos animais pode reportar e esperamos que as nosas achegas, baseadas na realidade do noso traballo e do sector se teñan en conta”, apunta Luis Miguel Rivera Otero, presidente do colectivo.
Can protector do gando
Un dos temas fundamentais que destacan dende distintos colectivos gandeiros é a necesidade de que se recoñeza ós cans que teñen nas súas ganderías para o coidado do rabaño polo traballo que realizan. “O mastín ten que ter un encaixe real dentro desta normativa, estar recoñecido e definido como can protector do gando e como ferramenta de traballo das ganderías”, reivindica Alibés.
De feito, houbo xa varios intentos frustrados para conseguir que a propia Administración galega recoñecese esta categoría e regulase sobre estes cans para legalizar o seu labor co gando. Con todo, como sinalan os gandeiros, estes cans seguen sen ter un amparo legal pese á promoción que se está a facer nos últimos anos para incorporalos ás ganderías como unha medida de protección fronte ó lobo, cunha liña de axudas específica da Consellería de Medio Rural.
Piden que a nova normativa recoñeza as particularidades deste tipo de cans polo traballo que realizan nas ganderías
Dende Ovica tamén coinciden en sinalar esta diferenciación como prioritaria. “Debería de existir unha clasificación e regulación diferenciada para os cans das nosas ganderías, como Cans de Protección do Rabaño, cunha definición propia e unha regulación separada”, reclaman.
O colectivo de gandeiros apunta tamén a necesidade de que esta nova normativa regule as interaccións destes cans coas persoas alleas ó rabaño, para afrontar unha problemática que arrastran dende hai tempo e que se veu incrementada coa pandemia. De feito, noutros territorios as Administracións e diversas entidades están a emprender campañas para sensibilizar sobre a importancia destes cans para o rabaño e informar a distintos colectivos que se achegan a ese territorio, coma turistas, ciclistas ou montañistas. Procuran deste xeito dar a coñecer unhas pautas sobre o comportamento dos animais e informar de que eses cans están a cumprir un labor importante. Dende Ovica ven na nova normativa unha oportunidade para atallar estas situacións.
Limitacións e requisitos
Outra das novidades da normativa que máis lles afectaría ós gandeiros é a limitación do uso dos mastíns, ó fixar unha xubilación dos animais ós 7 anos e establecer unha prórroga mediante a obtención dun certificado veterinario. “Por sobreprotexer ós mastíns non pode ser que acaben cargando os gandeiros cos sobrecustos”, valoran na Acmet.
A propia limitación xa suscitou dúbidas non só de gandeiros, senón tamén de profesionais veterinarios e criadores especializados en mastíns. “No noso sector, non se pode dicir que os cans de protección do rabaño estean realmente traballando, pois máis ben están respondendo a un instinto propio da súa natureza e sería contrario ó benestar e ás necesidades do animal non permitirlle realizar esta actividade”, defenden dende Ovica.
Reclaman que se elimine a limitación do uso dos cans ata os 18 meses, xa que pode condicionar a eficacia destes para o coidado do gando
O borrador tamén restrinxe o uso dos animais nas ganderías ata os 18 meses, o que para os gandeiros sería inviable. “No noso sector, os cans de protección están cos rabaños canto máis cedo mellor, para aprender e convivir con el e poder identificarse cos animais como parte da manda. Se se limita o uso dos cans ata os 18 meses, non sabemos moi ben en que situación quedarían os nosos cans”, apuntan dende Ovica.
Os colectivos gandeiros coinciden en que deben recollerse unhas condicións de benestar e de traballo para este tipo de cans, pero reclaman que sexan compatibles co uso dos animais na prevención dos ataques da fauna salvaxe , como o lobo. “Estamos a incorporar mastíns nas nosas ganderías pola presencia do lobo, senón teríamos menos ou mesmo non teríamos estes cans”, valoran en Ovica.
Ademais destes aspectos, os colectivos gandeiros reclaman que a nova norma tamén teña presente que os cans destas ganderías teñen un manexo e uns coidados que poden diferir doutros cans de compañía, mais por iso non significar que non gocen dun benestar e confort. Os gandeiros agardan que as súas propostas sexan tidas en conta para poder seguir contando con estes cans nas súas ganderías, xa que son fundamentais sobre todo para un manexo do gando en extensivo.