A Comisión Europea acaba de resolver a convocatoria para a selección dos centros de conexión, os coñecidos como Hubs Europeos de Innovación Dixital (EDIH polas súas siglas en inglés). Dos 26 candidatos españois, 23 conseguiron o selo de excelencia que lles permite denominarse EDIH, pero tan só a metade recibirá apoio financeiro por parte da Comisión Europea. Entre estes, a iniciativa galega Datalife, que xorde para converter Galicia nunha biorregión de referencia en Europa, eríxese como un dos Hub de referencia.
En concreto, as firmas galegas implicadas en Datalife presentaron un proxecto de case 6 millóns de euros que se desenvolverá en tres anos, cofinanciado ao 50% pola Comisión Europea. É o único Hub galego que percibirá este apoio. Os fondos permitirán acelerar a transformación dixital das empresas das cadeas de valor de Agro-Mar Alimentación, Forestal-Madeira, Saúde-Coidados e Biotecnoloxía en Galicia.
Destaca a alta puntuación outorgada a Datalife pola Comisión Europea no impacto esperado das accións no plan de traballo, todas elas aliñadas coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, así como coas principais políticas europeas de dixitalización.
O proxecto será coordinado por DIH Datalife e no consorcio están gran parte dos seus asociados. Con eles, o Hub, poderá dinamizar o ecosistema de innovación galego, facilitar o acceso a financiamento, promover a formación en dixitalización e promover que as empresas proben tecnoloxías disruptivas sen custo.
O recoñecemento da Comisión Europea a Datalife ratifica a aposta da Axencia Galega de Innovación que apoia ao Hub desde que foi escollido como estratéxico para Galicia en 2019. O financiamento europeo virá complementar os fondos cos que xa conta Datalife, que recibe apoio en forma de convenio coa Axencia Galega de Innovación, pero que tamén conseguiu financiamento do Igape na convocatoria competitiva de Obradoiros 4.0 e no proxecto Hiba de fondos Interreg- Poctep.