
Manuel Touza inspeccionando un dos pórticos centrais do baldaquino da Catedral de Santiago de Compostela
Manuel Touza é doutor Enxeñeiro de Montes e, desde o ano 1996, traballa no Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS-Madeira), unha entidade pública enmarcada dentro da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA). Falamos con el sobre o patrimonio en madeira de Galicia e a experiencia do centro arredor da rehabilitación de edificios singulares con estruturas de madeira.
– Poderías resumir a actividade do CIS-Madeira arredor do patrimonio en madeira?
– Desde os inicios do centro, en 1996, comezamos a recibir consultas para realizar diagnosis sobre o estado de edificios que tiñan estruturas de madeira. Con frecuencia, tratábase de edificios abandonados e que presentaban filtracións de auga que danaran os elementos estruturais. Case sempre, solicitábase un informe técnico que documentase os problemas detectados na madeira, co obxectivo de xustificar a declaración de ruína do inmoble.
Para realizar as diagnosis empregamos o resistógrafo, un equipo portátil que realiza un taladro na peza de madeira e mide a resistencia que opón ao avance da broca. As variacións rexistradas nos perfís permiten identificar danos internos e, sobre todo, determinar a súa extensión.

Uso do resistógrafo na capela da Corticela en Santiago de Compostela. Foto: Manuel Touza
Co tempo, esta situación foi cambiando e xurdiu un interese crecente por conservar os elementos de madeira, xa non só por razóns económicas, senón tamén patrimoniais e emocionais. Un impulso decisivo produciuse cando Santiago de Compostela foi declarada Patrimonio da Humanidade, o que propiciou un ambicioso proxecto integral de renovación urbana e a creación da Oficina Técnica de Rehabilitación, co obxectivo de harmonizar a renovación das vivendas do casco histórico, respectando os seus elementos orixinais.
Hai anos solicitábase un informe técnico co obxectivo de xustificar a declaración de ruína do inmoble; hoxe en día é habitual manter os elementos estruturais existentes
No relativo á madeira, iniciouse unha etapa na que se redescubriron as súas cualidades e se asumiu a necesidade de adaptala ás esixencias do século XXI. De forma natural, consolidouse unha cultura baseada na sustentabilidade, na eficiencia enerxética, no uso de materiais locais e no mantemento, como claves para preservar o patrimonio construído.
En 1997, o Consorcio de Santiago inicia un programa formativo a través da Aula de Rehabilitación e, posteriormente, co Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación da Universidade de Santiago de Compostela. En ambas iniciativas, técnicos do CIS Madeira participamos como docentes, impartindo tanto xornadas teóricas como obradoiros prácticos onde o alumnado podía coñecer o funcionamento de equipos como o resistógrafo. Ao longo das súas sete edicións, o máster formou arredor de 300 técnicos, creando unha base sólida de coñecemento especializado en Galicia.
O Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación formou 300 técnicos, creando unha base sólida de coñecemento especializado e hoxe impartimos cursos de formación orientados a arquitectos e técnicos da administración
No caso do CIS-Madeira, entendimos que para contribuír a conservar o maior número posible de estruturas de madeira, ademais de valorar o seu estado de degradación, era necesario profundar noutros aspectos como a análise da súa capacidade resistente e as posibilidades de intervención.
Entre os anos 2007 e 2010 realizamos un proxecto de clasificación e avaliación da calidade estrutural da madeira de castiñeiro e piñeiro tea, existente en edificios antigos de Galicia. Este proxecto permitiunos identificar as particularidades da madeira antiga e redescubrir a madeira de piñeiro tea que se importou maioritariamente desde os EUA para suplir a escaseza de madeiras locais.

Cuberta de madeira de pino tea, importada de EEUU para suplir as carencias das madeiras locais. Foto: Manuel Touza
Posteriormente, entre 2011 e 2013, levamos a cabo outro proxecto sobre técnicas de reparación e reforzo de forxados de madeira. Neste caso, puidemos ensaiar enxertos de madeira que permitisen, por exemplo, substituír o apoio degradado dunha viga, unha situación frecuente en edificios abandonados. Tamén ensaiamos técnicas de reforzo de estruturas existentes con resultados moi interesantes. Sería o caso dunha estrutura en bo estado pero onde se produce un cambio de uso do edificio que obriga a reforzala para convertelo, por exemplo, nun museo.
A nosa liña de traballo complétase con accións de formación e comunicación orientadas a poñer en valor tanto o patrimonio existente en madeira como as iniciativas innovadoras emerxentes e as actividades desenvolvidas.
Neste sentido, impartimos habitualmente cursos de formación orientados a arquitectos e técnicos da administración, colaborando con institucións como o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ou a Escola Galega de Administración Pública.
Estas accións, á súa vez, redundan en beneficio da industria forestal ao mostrar proxectos exemplares de construción en madeira que á súa vez poden impulsar novos usos de especies locais, o desenvolvemento de produtos innovadores e a apertura de novos mercados.
– Cal son as especies máis habituais que atopades nas obras de rehabilitación?
– As especies que atopamos reflicten a dispoñibilidade do recurso e os condicionantes das distintas épocas. Facendo un repaso rápido desde o inicio do século XVI e até o inicio do século XX, segundo a miña experiencia, inicialmente o carballo e o castiñeiro bravos (cortados polo pé) deberon ser as especies predominantes, até o inicio das restricións de corta xa a partir do século XVI.
A partir do século XVI a madeira de carballo pasa a ser de uso prioritario para a Armada e restrínxese o seu uso en edificios civís
Estas restricións afectaron, sobre todo, ao carballo, cuxa madeira nas proximidades da costa pasa a ser de uso prioritario para a Armada, polo que as árbores se cortaban como trasmochos mantendo unhas pólas coas formas curvas requiridas (horca e pendón). Coa creación do arsenal de Ferrol, a mediados do século XVIII, e o auxe dos navíos de liña, as restricións intensificáronse e foi cada vez máis difícil empregar carballos en edificios civís.

Vigas de aire nun souto de castiñeiros tramochos. Foto: Manuel Touza
Por estes motivos, entre os séculos XVII e XIX, as tipoloxías máis habituais elaborábanse con vigas de aire procedentes dos castiñeiros trasmochos dos soutos. Os soutos tiveron unha gran importancia en Galicia ao lograr compatibilizar distintos usos (produción de castañas, uso gandeiro, leña, madeira de construción, etc.) nun sistema que se anticipa en séculos aos actuais conceptos de sustentabilidade e economía circular.
Os forxados de vigas de aire de castiñeiro, procedentes dos soutos, son os máis habituais entre os séculos XVII e boa parte do XIX, anticipando xa os conceptos de sustentabilidade e economía circular
No século XIX, factores como a desaparición dos navíos de liña, as enfermidades que atacan aos castiñeiros e, sobre todo, as desamortizacións, provocaron a desaparición de numerosos bosques. Na segunda metade do século, a escaseza de madeira de construción impulsou tanto a importación de vigas como a plantación de especies de crecemento rápido. En Galicia importouse madeira de piñotea procedente de bosques primarios do sueste dos Estados Unidos e, ao mesmo tempo, plantáronse eucaliptos procedentes de Australia.
Considerada unha madeira excepcional, a chegada de grandes vigas de piñotea (sobre todo entre 1880 e 1930) permitiu á arquitectura da época superar as limitacións impostas pola escaseza de madeiras locais. É a madeira máis característica das edificacións urbanas de Galicia durante ese período. Ao redor de 1930 xa non quedan practicamente piñoteas e a madeira en Galicia queda relegada a un papel anecdótico como material estrutural.
A chegada de grandes vigas de piñotea dos EUA entre 1880 e 1930 permitiu á arquitectura urbana da época superar as limitacións impostas pola escaseza de madeiras locais
Na actualidade, a relevancia da madeira resurge con forza debido á súa capacidade para responder ás esixencias medioambientais do século XXI. En Galicia promóvese a construción con madeira de coníferas locais impulsada pola aparición de novos produtos como os paneis de madeira contralaminada. Do mesmo xeito que nos ocorre hoxe a nós, será importante que os técnicos que examinen estes edificios dentro de 100 anos comprendan os condicionantes históricos baixo os que foron construídos.
– Fálanos de algúns exemplos de actuacións en edificios singulares. Que intervencións se realizaron na Catedral de Santiago?
– Aínda que non o pareza a primeira vista, a Catedral de Santiago de Compostela alberga un importante patrimonio cultural en madeira. Para contribuír á súa conservación, XERA CIS-Madeira e a Fundación Catedral de Santiago asinaron no ano 2018 un acordo de colaboración que contemplaba o asesoramento por parte de técnicos do CIS Madeira en diversas actuacións orientadas a recuperar e conservar este legado.
Grazas a estas intervencións, conserváronse numerosos elementos orixinais, como os xugos de carballo das campás A Maior e A Prima Salomé, na torre das campás, que continúan en uso desde hai máis de tres séculos.
Noutros casos, como nas capelas absidais A Branca, Mondragón e Pilar, as novas cubertas elaboradas con madeira de castiñeiro substituíron ás cubertas existentes realizadas con outros materiais, que presentaban numerosos problemas de infiltracións.
No baldaquino descubriuse un importante problema estrutural que puido ter provocado o seu desprendemento e que foi reparado a tempo, utilizando enxertos de madeira de castiñeiro da mesma época (século XVII)
Especial relevancia tivo a diagnosis da estrutura do baldaquino, que descubriu un importante problema estrutural que puido provocar o seu desprendemento e que foi reparado a tempo. A intervención realizouse utilizando enxertos de madeira da mesma especie e época (castiñeiro do século XVII).
En 2022 presentouse o libro A Catedral da Arquitectura. Intervencións e Investigación na Catedral de Santiago de Compostela 2010-2021, que inclúe un artigo detallando o proxecto de intervención estrutural no baldaquino.
En 2023 organizouse en Santiago de Compostela un acto de presentación das principais intervencións no patrimonio en madeira da catedral. O evento foi gravado e está dispoñible na páxina web do CIS Madeira.
– En que consiste o acordo asinado entre XERA-CIS Madeira e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural?
– A colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo remóntase aos inicios do CIS Madeira, cando nos solicitaban informes de diagnose sobre o estado de elementos estruturais de madeira presentes en bens de interese patrimonial.
En 2022 formalizouse un acordo de colaboración para levar a cabo traballos conxuntos orientados á recuperación e conservación do patrimonio en madeira de Galicia, así como para impulsar actividades que promovan a investigación e a especialización profesional no ámbito da rehabilitación.
Este acordo facilita o intercambio de experiencias entre técnicos de ambas institucións, favorecendo un enfoque multidisciplinar que produce un importante enriquecemento mutuo e contribúe á conservación do patrimonio existente.
Desde a sinatura do acordo, desenvolvéronse numerosas actuacións conxuntas. En xullo de 2025, por exemplo, inaugurouse a ampliación do Museo Massó, onde se logrou conservar as cubertas orixinais, algunhas de gran valor histórico, tanto pola súa tipoloxía como por teren sido construídas con cerchas mixtas de piñotea e eucalipto.

Xornada divulgativa no Museo Massó, que conservou a estrutura mixta de eucalipto e pino tea. Foto: Manuel Touza
En decembro de 2024, dentro dunha actividade formativa para arquitectos, organizamos unha xornada conxunta no propio museo onde os asistentes puideron escoitar de primeira man os detalles das actuacións realizadas.
Noutros casos, como a intervención realizada para reparar a xácena do alfarxe do Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, puido documentarse exhaustivamente a tipoloxía do alfarxe e realizar un vídeo que detalla a intervención levada a cabo. Este material é unha valiosa ferramenta para a formación de especialistas en técnicas de intervención en elementos patrimoniais.
Con independencia do resultado técnico, o documental é un magnífico exemplo de colaboración no que profesionais de distintas disciplinas se implicaron cun obxectivo común: preservar o legado do noso patrimonio.
– Para rematar, que oportunidades e ameazas detectas nestes momentos arredor das intervencións de rehabilitación?
– En canto ás oportunidades, destacaría o achegue das novas tecnoloxías como o escaneado láser, que está a revolucionar a precisión das diagnoses e que ten unha gran incidencia en edificios con valor patrimonial.
A industrialización na construción en madeira é outro factor determinante para mellorar os tempos de montaxe, a precisión na execución ou o control de custos. En obra nova, a aparición dos taboleiros de madeira contralaminada (CLT) xerou unha nova versión industrializada da construción con madeira en altura e en Galicia xa dispoñemos de exemplos que amosan a súa viabilidade e as súas posibilidades.
Algúns destes desenvolvementos, como os forxados prefabricados de madeira ou os forxados mixtos madeira-formigón, comezan a empregarse en determinados proxectos de rehabilitación.
A madeira podería ter un papel importante na rehabilitación do extenso parque de edificios e infraestruturas baleiras que existen
Neste sentido, a madeira podería desempeñar un papel importante na rehabilitación do extenso parque de edificios e infraestruturas baleiras que existen no noso país, mediante un catálogo de solucións prefabricadas e lixeiras, que abranga desde forxados autoportantes até propostas de envolventes para mellorar a eficiencia enerxética.

Intervención no alfarxe do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo. Foto: Manuel Touza
Entre as ameazas, especialmente no caso dos edificios con valor patrimonial, precisaríase dispoñer dun maior número de técnicos especializados, así como de carpinteiros familiarizados cos novos produtos e tecnoloxías dispoñibles, como os enxertos con madeira encolada con resinas epoxídicas.
É necesario contar con arquitectos especializados e con carpinteiros familiarizados cos novos produtos e tecnoloxías dispoñibles
Compartimos esta inquedanza cos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio e intentaremos aproveitar futuras intervencións para organizar máis visitas a obra e obradoiros prácticos.
Ao mesmo tempo, en Galicia realizáronse numerosas intervencións destacables que merecen ser documentadas adecuadamente e sería importante facer un esforzo para recompilar os seus detalles, que poderían servir como base de proxectos futuros.
E non debemos esquecer que, no caso do patrimonio en madeira de Galicia, existe un vínculo emocional que é necesario coñecer para poder valoralo adecuadamente.
Galego









Control OJD