O Plan Revitaliza, que está a impulsar a compostaxe na provincia de Pontevedra, acadou unha redución de 3.000 toneladas nos envíos de lixo a Sogama, segundo os cálculos da Deputación de Pontevedra. O organismo provincial destaca que a compostaxe está a reducir o lixo convencional en parte dos municipios que promoven o sistema, en tanto nos restantes, os envíos a Sogama medran en menor medida que nos concellos que non practican a compostaxe, onde os volumes de lixo continúan en aumento.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, que vén de presentar os resultados dos tres primeiros anos do Plan Revitaliza, subliña o caso do concello de Vilaboa, onde o lixo reduciuse coa compostaxe nun 21%. En toda a provincia, os centros de compostaxe comunitaria e os composteiros individuais xa repartidos detraeron dos envíos a Sogama arredor de 3.000 toneladas, destacando os exemplos de Vilaboa, O Grove ou Pontevedra. “Isto vaise multiplicar nos vindeiros meses, pois a cobertura tanto en volume como en fogares cubertos é exponencial”, pronosticou Mosquera.
Só no concello de Pontevedra, o Concello ten previsto repartir 8.000 composteiros individuais no rural, o que xunto ós composteiros comunitarios da zona urbán, permitirá detraer do actual sistema de xestión 3.700 toneladas anuais, segundo os cálculos municipais.
Perspectivas
A tendencia de produción de lixo en Galicia é de ascenso do volume do contedor verde na maioría dos concellos, pero nos municipios da provincia que participan do Plan Revitaliza estase a notar un descenso ou un crecemento menor. “Os resultados falan por si sos, non é unha ilusión. Vilaboa aforrou 20.000 euros nos seus pagos a Sogama, sen contar o aforro do transporte do lixo”, explica Carlos Pérez, asesor provincial de residuos.
O Plan Revitaliza ten na actualidade 42 concellos adheridos e outros 13 que están no proceso de entrar na iniciativa. Nos municipios onde se implantou a compostaxe, os Concellos percibiron tamén un efecto ‘simpático’ polo aumento da recollida selectiva de plásticos, vidro e papel, que melloraron as súas cifras.
A promoción da compostaxe que se desenvolve na provincia de Pontevedra estase a adiantar ós requerimentos da UE, que obrigará a que no 2023 todos os residuos orgánicos sexan compostados. Esa obriga, con ameazas de sancións para as Administracións que incumplan, está collendo co pé cambiado a países coma España, onde a compostaxe é aínda minoritaria.