“Complesa foi un gran proxecto no lácteo de Lugo, pero cunha ambición pouco realista para aquela época”

A creación no 1965 dunha central leiteira en Lugo, con inversores e proveedores de toda a provincia, constituíu un fito innovador no sector, cunha industria e estratexias de promoción punteiras. Unha década despois, o proxecto naufragou e pasou a mans do Instituto Nacional de Industria. Falamos co economista Carlos Pérez, que investigou todo aquel proceso

“Complesa foi un gran proxecto no lácteo de Lugo, pero cunha ambición pouco realista para aquela época”

O economista Carlos Pérez investigou na historia de Complesa e nas persoas implicadas na industria.

Carlos Pérez Blanco (Xenebra, 1975) recolleu nos últimos anos todo tipo de información sobre o Complejo de Industrias Lácteas de Lugo S. A. (COMPLESA). Información tanto na súa vertente empresarial -Carlos é economista- como na compoñente humana que desenvolveu o proxecto. Unha empresa que funcionou entre 1966 e 1975 na cidade de Lugo e que, logo dun ascenso meteórico, desapareceu da noite para a mañá.

Parte das investigacións de Pérez Blanco veñen de ser publicadas en “Alicerces. Revista de estudos do Miño medio”, que edita a Irmandade Cultural País do Faro (Chantada). Falamos co autor para afondar nun dos primeiros grandes proxectos industriais do sector leiteiro galego, pero do que apenas hai lembranza,

Que foi Complesa? Como naceu e con que obxectivos?

A idea de Complesa arrinca do decreto gubernamental de 1952 que ordenaba a creación de centrais leiteiras nas poboacións de máis de 25.000 habitantes. O decreto buscaba que o leite estivera máis hixienizado, máis controlado e que non supuxera ningún risco para a saúde, nun tempo de escaseza en todos os sentidos.

Sen embargo, o cumprimento do decreto demorouse moito. En Lugo non foi ata 1965 cando Manuel Lamela viu nesa normativa a oportunidade de establecer un negocio co leite. Daquela conseguiu xuntar 30 persoas de perfís moi diferentes (funcionarios, policías, médicos, avogados…), pero que tiñan en común posuír capital e ter contactos na sociedade luguesa.

COMPLESA botou andar con 179 socios en febreiro de 1966. Nun acto para a prensa. Lamela, que era inspector provincial das Irmandades Sindicais Labregas e Gandeiras, afirmaba que sería a xente do campo a que solucionase os problemas do campo. E que para iso nacía COMPLESA.

COMPLESA presentouse como un proxecto do campo para a xente do campo. Pero a realidade non era esa

A idea inicial consistía en buscar a fórmula xurídica máis acaida para establecer unha estrutura empresarial que organizase a recollida do leite, cuns prezos pactados, e na que os gandeiros tiveran un papel decisivo na toma de decisións.

Accións emitidas para a captación de socios en COMPLESA

Accións emitidas para a captación de socios en COMPLESA

A idea parecía boa de entrada. Que aspectos fallaron para que non perdurase?

O lema “unha industria do pobo para o pobo”, que promoveu COMPLESA e recolleu a prensa da época, supoñía algo totalmente innovador e inédito. Eso contrastaba co feito de que os tres principais accionistas concentraban máis do 11% do capital, chegando Manuel Lamela a case un millón e medio de pesetas baixo o seu control.

Outros proxectos que se acolleron ao decreto de 1952 si que se consolidaron e perduraron. Foi o caso de Larsa, que tiña xa unha traxectoria e que aproveitou que tiña asignada a cidade de Vigo. No caso de COMPLESA un dos erros puido ser o de deseñar un proxecto demasiado grande e sen experiencia previa na gran industria.

Sen dúbida un dos factores que influíu no fracaso empresarial foi a falta de experiencia en xestionar proxectos tan dimensionados

Había unha compoñente rural e un certo coñecemento do campo na xente que participaba. E unhas achegas económicas considerables. Pero fallaba saberse desenvolver nunha empresa nova e desa magnitude.

Construíronse unhas instalacións do máis moderno da época e cun orzamento moi elevado. O que pasa é que tanto os provedores como o mercado local eran de volume reducido -Lugo apenas chegaba a a 60.000 habitantes-. Ao fallar ao mesmo tempo abastecemento e demanda, sempre vai haber problemas. E logo a xestión tamén foi cuestionable.

Imaxe de Complesa nos anos 80. Hoxe en día, a factoría é propiedade de Puleva - Lactalis.

Imaxe de Complesa nos anos 80. Hoxe en día, a factoría é propiedade de Puleva – Lactalis.

Como foi a implantación de COMPLESA pola provincia de Lugo?

A dirección da empresa sempre presumía na prensa de representar a 6.000 familias labregas. Non hai un mapa que sinale exactamente onde estaban espalladas esas familias, pero sábese que boa parte delas eran dos mesmos lugares que os conselleiros.

Por certo, chegou a haber ata 30 conselleiros. Unha cifra totalmente desproporcionada. E controlaban máis do 90% das accións. Obviamente, a xente que investira foi buscando outras persoas con capacidade de investimento. Teño constancia de que houbo inversores en concellos como Abadín, Palas de Rei, A Fonsagrada ou Chantada. E de Lugo, claro.

O número de membros do consello de administración e o capital que acumulaban carecía de lóxica financieira

Tamén é difícil identificar os antigos socios porque as accións eran ao portador e naquela época non había obriga de rexistrar nada. No rexistro mercantil só queda constancia dos grandes movementos ou cambios na dirección. Nada máis.

Agora ben, é complicado adxudicar responsabilidades. Todo estaba moi difuso na provincia. Non hai actas de apoderamento nin rexistros oficiais fiables. Non deixa de ser curioso: houbo 6.000 familias, pero poucas queren lembrar ese vencello.

"Manolo do Pepolo" recollía bidóns de leite para o camión de Complesa en Agrade (Chantada)

“Manolo do Pepolo” recollía bidóns de leite para o camión de Complesa en Agrade (Chantada)

Cunha mellor planificación e uns obxectivos máis modestos podería terse mantido como empresa de capital lugués?

É imposible dar datos do que puido ser e non foi. Pero, por exemplo, algo innegable é que as comunicacións ferroviarias eran inexistentes e as viarias moi, moi limitadas. Iso supuxo un enorme lastre. A maquinaria coa que contaba arrincar COMPLESA non podía chegar dunha peza. Había que traela dividida. E non era nada fácil a través daquelas estradas. Un caso claro eran os silos de leite, que houbo que cortalos e volvelos unir.

Daquela, as comunicacións viarias e ferroviarias eran un problema. Os silos do leite da fábrica houbo que cortalos para trasladalos e logo volvelos unir

As perdas económicas foron moi importantes. Iso non se esquece. Falamos de todo o capital aportado polas 6.000 familias e de préstamos que se contraeron de ata como mínimo 62 millóns de pesetas. O burato que quedou tivo, sen dúbida, un impacto na economía luguesa que se estima entre 120 e 200 millóns de pesetas daquela época.

Por outro lado, tivo un efecto mesmo psicolóxico. Houbo moita xente que perdeu a fe en proxectos societarios e cooperativos. Perdeuse a confianza. E perdeuse a posibilidade de que houbera máis proxectos vencellados ao sector.

Aquel fracaso levou a que moita xente perdera a fe en proxectos societarios e cooperativos

Ademais, sempre estaba presente a posibilidade de que o goberno central -daquela non había outro- asumira o control de COMPLESA. Cando finalmente se produciu esa toma de control, tamén se perdeu a esperanza dunha grande industria xestionada dende Lugo e por xente do campo.

Se ben hai que recoñecer que, logo da intervención estatal a través do Instituto Nacional de Industria (INI), da sociedade de capital risco Sodiga e coa participación da Caja de Ahorros de La Coruña y Lugo, chegou a ser unha das empresas máis rendibles dentro do propio INI.

Logo de que o Instituto Nacional de Industria (INI) se fixera co control de Complesa, chegou a ser unha das empresas máis rendibles das xestionadas polo INI

Con todo, a empresa tería que ter algún aspecto positivo que a mantivera todos eses anos…

Si que se pode falar de aspectos positivos na historia de COMPLESA. Para empezar foi algo totalmente innovador. E máis tendo a coraxe de saír a un mercado incipiente. Faltou información, Moita xente cría que era unha cooperativa e non unha S.A. Mais é innegable que propuxo un modelo económico de futuro nun país que seguía traumado polas cartillas de racionamento.

E, sen dúbida, a tecnoloxía foi un feito diferenciador. A maquinaria e tecnoloxía eran das mellores que había en toda Europa naquel momento. Chegou a estar considerada a industria leiteira máis avanzada de España. Quizá tamén por eso o goberno non dubidou en facerse con ela malia a mala situación das contas.

A política comunicativa, as instalacións e a traída de vacas frisoas son aspectos nos que hai que valorar positivamente a COMPLESA

E, máis alá da recollida e procesado do leite, un dos maiores activos estaba na comunicación: foi das primeiras empresas que contaron cun departamento dedicado especificamente á prensa. Paco Rivera, un xornalista de Lugo que tamén traballaba en El Progreso, deseñou a estratexia para falar ao consumidor nunha linguaxe directa. Hoxe parece normal pero naquel tempo sacaron unha anuncio no que unha vaca falaba directamente coas mulleres no mercado. Foi revolucionario en Galicia.

Cartel dunha das campañas publicitarias de COMPLESA

Cartel dunha das campañas publicitarias de COMPLESA

En todo momento a empresa informaba dos pasos que se estaban a dar e cales eran os obxectivos que perseguían. Todo iso foi moi novidoso. Sen esquecer as instalacións. A nave deseñada por Manuel Cortón -un dos principais accionistas- non só implicaba a eficacia e eficiencia na recollida dos bidóns do leite e o envasado. Tamén supoñía un proxecto visualmente atractivo que buscaba chamar a atención de quen a visitara ou pasara por diante dela.

Podería ter sobrevivido COMPLESA se xurdira máis tarde e cun sector leiteiro xa máis profesionalizado?

Pois posiblemente. O investimento foi demasiado grande para como era o sector naqueles anos e para o mercado tan reducido que había. Contaban con tecnoloxía e promoción, pero faltaban estudos previos e estratexias comerciais e empresariais. Se cadra a liberalización dos mercados chegou cando o dano xa estaba feito.

Pero non hai que esquecer que COMPLESA foi clave para o despegue da raza frisoa en Galicia. Porque necesitaban aumentar a materia prima. Un exemplo é que traían partidas de vacas e sementais dende Países Baixos e Alemania e sorteábanas entre os propios accionistas, en colaboración coa Caja de Ahorros de La Coruña y Lugo.

As tecnoloxías de almacenamento eran equiparables ás dos países cunha industria láctea máis desenvolvida, como Alemania ou Gran Bretaña. Foi unha liña clara de investimento dende que xurdiu o proxecto. Máis alá destas entelequias industriais, COMPLESA contribuiu activamente á implantación da raza frisoa en Galicia.

COMPLESA era consciente de que competía con empresas moi diferentes, como Larsa?

Larsa e outras empresas posteriores, como Lence, eran modelos construídos dende abaixo. Con fundamentos moi sólidos; foron medrando pouco a pouco e con proxectos que se foron ampliando parellos ao crecemento da produción leiteira. Estaban máis asentados no rural e cun contacto directo e diario, por así decilo.

COMPLESA xa arrincou ao grande. Cun proxecto moi caro e moi ambicioso. E a xente da empresa abrigaba certa traxectoria no campo, mais non había unha relación directa. Todos decían vir do rural, pero esa relación xa se perdera.

Os requisitos e regulacións da época dificultan a investigación, xa que quedaron moitas actividades e accións sen rexistrar

Por así decilo, COMPLESA entrou a competir con empresas que xa estaban asentadas e coñecían o difícil mercado do leite. Pero non se pode afirmar que fose a acción deses competidores o que levou á intervención de COMPLESA. Eran concepcións empresariais moi diferentes.

Por que decidiches investigar sobre COMPLESA?

Sempre me interesou a historia da nosa comarca de Chantada. En todos os ámbitos. Escollín COMPLESA porque escoitaba historias de veciños e familiares e, certamente, parecía moi raro que unha empresa así partira dun modelo cooperativo. Esa foi unha motivación.

Escultura realizada por Manuel Mallo en 1970 e instalada na entrada a COMPLESA

Escultura realizada por Manuel Mallo en 1970 e instalada na entrada a COMPLESA

O “detonante” foi atopar documentos relativos á COMPLESA en arquivos familiares. Cando comecei a preguntar, ninguén sabía explicar moi ben o que foi a empresa e a súa historia. Por iso pasei xa a indagar nas fontes documentais (xurídicas, mercantís, administrativas…)

Tamén chamaba a atención que non había apenas referencias na prensa nin estudos da universidade. Ata que atopei un traballo de Jesús Penelas, precisamente en Campo Galego, sobre o sector lácteo de Galicia no que indicaba que COMPLESA era a peza que faltaba por investigar para completar o puzzle.

Que lembranza e visión teñen as persoas que viviron directa e indirectamente a evolución de COMPLESA?

Normalmente atopo dous perfís de reacción. Hai quen traballou para a empresa recollendo leite ou facendo outros labores sen ser socio. Ou quen era socio pero cunha cantidade económica baixa. Neses casos hai máis decepción que outra cousa. Lamentan que non saíra ben pero non se percibe rancor.

E logo están os que si apostaron claramente polo proxecto e que din sentirse estafados. Seguen pensando que se trataba dunha cooperativa, cando para nada foi así. A estratexia dos membros do consello era a de captar socios por toda a provincia.

Moitos dos que tiveron vinculación directa coa empresa seguen pensando que foron vítimas dunha estafa

Facer quilómetros era un dos seus lemas. Un deles presumía de ter percorrido 500.000 quilómetros nun Citröen dous cabalos na procura de inversores. Facíanse xuntanzas informativas nas escolas unitarias e despois ían casa por casa explicando o proxecto. Tanto para quen quixera investir como para posibles provedores.

Obviamente fallou a información. Se cadra non se explicou nin se entendeu ben o obxectivo. Pero máis alá do éxito inicial e do fracaso posterior de COMPLESA, é innegable que houbo un labor divulgativo. Para profesionalizar o sector lácteo.

El Progreso recollía toda a actividade de COMPLESA, como a sesión de constitución

El Progreso recollía toda a actividade de COMPLESA, como a sesión de constitución

Como rematou todo? Que levou á intervención e desaparición dun proxecto tan ambicioso?

Todo apunta a unha mala xestión. Haberá auditorías que o dictaminen. A legalidade fiscal daquela non é a de hoxe. Hai indicios de que persoas que figuraban como aportadores de capital nunca chegaran a executar esa aportación. Situacións así non terían por que afectar ó proxecto industrial, pero quebran a confianza.

Hai un feito moi revelador. No ano 1970 a comisión executiva dimite en bloque dun día para outro e sen que se agardase. Parece que, presuntamente, todos eles estaban entre os que non executaran as súas aportacións. Malia que era un requisito legal para formar parte do consello de administración. E falamos de millóns de pesetas.

A captación de inversores e de provedores de leite foi moi exhaustiva nos primeiros anos e nun contexto económico feble

Máis alá dos resultados económicos -impecables ao principio-, o valor da compañía estaba no seu tamaño e no seu proxecto. Noutras circunstancias, a magnificencia do proxecto sería digna de estudo. Poucas veces se terá visto unha inversión tan atractiva.

Podemos afirmar que o proxecto inicial comeza a desaparecer en 1974 e 1975. A empresa estaba nunha situación financieira xa insostible e entre os gandeiros provedores e accionistas había moito pesimismo e decepción. De aí que interviñera o INI. Pero esa é outra historia.

COMPLESA foi un grande proxecto cunha ambición, parece, pouco axeitada á realidade daquela época en Galicia. A grande pregunta é: e se tivera triunfado? Porque en moitas familias aínda está presente todo o que se viviu. E faltan explicacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información