Competencia propón “boa fe” para resolver as disputas sobre prezos do leite e aumento de custos

A Comisión Nacional emite un informe sobre o proxecto ministerial para modificar o decreto que regula os contratos lácteos. O Ministerio de Agricultura proxecta ligar os prezos dos contratos a índices públicos sobre custos de produción, pero Competencia posiciónase en contra

Competencia propón “boa fe” para resolver as disputas sobre prezos do leite e aumento de custos

O proxecto do Ministerio de Agricultura para modificar a normativa de contratos lácteos topouse coa Comisión Nacional de Mercados e Competencia. A iniciativa ministerial busca garantir que os prezos do leite pagados no campo cubran os custos de produción das granxas, pero o proxecto do Goberno non é do gusto de Competencia, segundo se desprende dun informe elaborado polo organismo. Tócalle agora decidir ao Ministerio como sacar adiante a normativa, pois o informe de Competencia non é vinculante.

No seu proxecto para modificar a normativa de contratos lácteos, Agricultura propuxo introducir novas garantías para as granxas, tanto para as gandarías que subscriben acordos a prezo fixo como para as que o fan a prezos variables.

No caso de contratos a prezo fixo, o proxecto de Real Decreto marca que se durante tres meses ese prezo se sitúa por baixo de custos, a granxa ten dereito a unha revisión do contrato. De non efectuarse esa revisión, abriríase o correspondente procedemento sancionador contra a industria.

Agricultura propón que os contratos a prezos variables se referencien a índices públicos e obxectivos

En contratos con prezos variables, o Ministerio propón que a evolución do prezo se axuste a “parámetros obxectivos, verificables, facilmente identificables polas partes (“) e que procederán de fontes públicas e accesibles, que deberán ser tamén especificadas no contrato”.

O Ministerio precisaba que “as análises e informes publicados polo Ministerio de Agricultura ou as Comunidades Autónomas poderán utilizarse para apoiar a información sobre os custos de produción que no seu caso sexa achegada”.

Postura da Comisión Nacional da Competencia
O informe de Competencia comeza sinalando que o organismo é consciente dos desequilibrios que se producen na cadea alimentaria, dada a distinta capacidade de negociación dos actores, pero é contraria ás garantías que pretende introducir o Ministerio de Agricultura para as granxas.

Competencia defende que as partes teñen que ser libres para decidir como queren marcar os prezos

En concreto, Competencia sinala “a necesidade de garantir a libre vontade de elección das partes a este respecto, tanto á hora de establecer prezos variables como de mecanismos de revisión dos prezos fixos nos contratos”.

Competencia non cuestiona que a información sobre custos de produción publicada polas diferentes administracións poida ser de utilidade para concretar parámetros obxectivos, pero advirte de que o regulamento europeo da Organización Común de Mercado, no seu artigo 148, permite que nos métodos de cálculo do prezo final se teñan en conta tanto indicadores públicos como “outros que consideren pertinentes” as partes.

A Comisión Nacional teme que haxa unha inflación nos prezos do leite no campo

Sobre a revisión de contratos a prezo fixo no caso de que durante tres meses os custos de produción superen ao prezo do leite, Competencia tamén se mostra contraria. A Comisión considera que esa medida pode provocar unha inflación no prezo do leite, “posto que se obriga a axustar os prezos dos contratos á alza, pero non á baixa”.

Competencia tamén sinala as dificultades de auditar os custos de cada gandeiro, pois é unha “información que pertence en exclusiva ao vendedor (granxa) e sobre a que este pode influír (por exemplo coas súas decisións de compra de insumos). Iso pode conducir a inseguridade xurídica entre as partes”, valora Competencia.

“Unha posibilidade alternativa” -completa o informe- “é que ambas as partes utilicen referencias externas para constatar aumentos nos custos de produción, pero debe terse en conta que unha variación nos prezos dos insumos non ten porque afectar na mesma medida aos custos de todos os produtores”, considera.

Conclusións
Ante esta situación, Competencia permítese recomendar como mellor opción, tanto para os contratos a prezo fixo como a prezo variable, que industrias e gandeiros, por acordo contractual, establezan “de boa fe” as cautelas debidas para axustar os prezos (do leite) ante cambios nos prezos dos insumos (…) Iso deixaría ás partes liberdade para concretar o modo de cumprir coa obrigación legal”, conclúe Competencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información