Competencia cuestiona o decreto que aclararía a canto merca o leite a distibución

A Comisión entende que a normativa introduce riscos de coordinación de prezos e de reducción da tensión competitiva. Sostén que o desequilibrio de poder negociador entre as partes non xustifica a intervención da Administración

Competencia cuestiona o decreto que aclararía a canto merca o leite a distibución

Protesta dos gandeiros ante unha cadea de supermercados en decembro. / Arquivo.

Os temores do sector gandeiro cumpríronse. A Comisión Nacional da Competencia vén de emitir un informe no que cuestiona o borrador do decreto que permitiría coñecer a que prezo lle vende o leite a industria á distribución. Competencia considera que a normativa introduciría riscos “moi elevados” de coordinación de prezos e de reducción da tensión competitiva.

O decreto proxectado polo Ministerio de Agricultura partía coa intención de introducir transparencia sobre o prezo de cesión do leite da industria ós supermercados. Esa transición entre a parte transformadora e a distribución é o punto que está a presionar os prezos á baixa en toda a cadea de valor do leite, segundo as conclusións unánimes que manexa o sector industrial e o gandeiro.

A Comisión permítese sinalar a industrias e gandeiros como responsables da situación de precariedade que atravesan

Competencia, sen embargo, analiza as cousas de xeito distinto e permítese sinalar a industrias e gandeiros como responsables da situación de precariedade que atravesan. A Comisión alude á “atomización e escaso cooperativismo” na parte produtora e a unha industria láctea “pouco desenvolvida e escasamente innovadora”.

O desequilibrio de poder negociador entre as partes, dada a concentración dos supermercados en media ducia de grandes grupos, “non xustifica” a intervención da Administración, ó entender de Competencia.

Exceso de transparencia
O informe da Comisión considera que o decreto introduce “un exceso de transparencia” na información comercial sensible dos operadores do sector lácteo, xa que as industrias terían que comunicarlle ó Ministerio prezos, marcas e cantidades vendidas a cada cadea de supermercados. O organismo recoñece que Agricultura comprométese a garantir a confidencialidade dos datos aportados por cada industria, pois só faría públicos os datos agregados do conxunto das empresas, pero teme que eses datos trascendan igualmente.

Competencia entende que podería haber filtración de datos confidenciais, a pesar das garantías ofrecidas por Agricultura

A pesar das garantías formais que ofrece Agricultura no tratamento dos datos confidenciais, Competencia considera que hai un risco “moi elevado” de que as industrias teñan acceso “de facto” a información particular dos seus competidores. Esas posibles filtracións levarían a riscos de coordinación de prezos e a unha reducción da tensión competitiva que perxudicaría ós consumidores, segundo o informe publicado hoxe pola Comisión.

Desde o sector cooperativo, xa se pronosticara semanas atrás que Competencia tumbaría o proxecto de decreto sobre cesión de prezos, unha decisión que se achacaba a intereses de parte que estarían presionando para evitar a saída da normativa.

Máis información

Informe de da Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia en relación al proyecto de real decreto sobre declaraciones obligatorias a efectuar por los fabricantes de leche líquida envasada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información