Competencia confirma unha multa de 80,6 millóns de euros para 8 industrias lácteas

A sanción é herdeira dunha resolución do 2015, anulada no 2016 pola Audiencia Nacional por defectos de forma, o que obrigou a reiniciar o proceso

Competencia confirma unha multa de 80,6 millóns de euros para 8 industrias lácteas

As industrias lácteas multadas en 2015 por Competencia non se libran da sanción. Aínda que a Audiencia Nacional aceptou no 2016 un recurso de Nestlé e cancelou as multas iniciais, obrigando a reiniciar o proceso, Competencia volveu agora a ditar sancións de 80 millóns de euros para oito industrias lácteas.

A multa de Competencia, debida a prácticas anticompetitivas no período 2010 – 2013, afecta de cheo ás principais firmas do sector (Ver táboa inferior), con Corporación Alimentaria Peñasanta e Danone á cabeza das sancións, ambas con multas por un importe superior a 20 millóns de euros.

Tabla competencia

En relación ás sancións iniciais, ditadas no 2015, rebáixanse as multas a Danone ( -3 millóns de euros), a Nestlé (-3,8 millóns de euros) e ás asociacións de industrias lácteas de Cataluña (-100.000 euros) e Galicia (-40.000 euros). Tamén se elimina unha multa de 700.000 euros á Sat Central Leiteira Asturiana, ao entender prescrita a súa infracción.

Igual que na resolución do 2015, Competencia sinala que outras industrias como Leite Río, Reny Picot, Leite Celta ou Feiraco tamén incorreron en prácticas sancionables, pero que estas se atopan prescritas.

Motivación
Competencia precisa que as condutas ilícitas das industrias consistían en intercambiar información, “o que lles permitía coordinar estratexias comerciais en detrimento dos intereses dos gandeiros”.

As prácticas anticompetitivas levadas a cabo polos infractores consistiron en intercambiar información, a nivel nacional e rexional, sobre prezos de compra de leite cru de vaca, volumes de compra de gandeiros e excedentes de leite, segundo detalla Competencia.

Estes intercambios de información estratéxica producíronse en distintos foros e versaron sobre distintas materias, aínda que todos eles tiveron o obxectivo común de acordar e adoptar unha estratexia conxunta para controlar o mercado de aprovisionamento de leite cru de vaca. Ademais, en determinados momentos, materializáronse en acordos concretos para coordinar os prezos de compra de leite e para a cesión de gandeiros entre industriais.

Así, por exemplo, as empresas transformadoras dialogaron e intercambiaron información sobre os prezos de compra que ofrecían as empresas transformadoras aos seus gandeiros, os que ían ofrecer nun futuro, a identidade dos gandeiros e os volumes adquiridos destes, ou a identidade dos gandeiros que tiñan intención de cambiar de transformador e posibles medidas para evitalo.

Esta información permitíalle ás empresas axustar o seu comportamento e evitar ofrecer mellores prezos e condicións comerciais aos gandeiros, limitando a competencia no mercado de aprovisionamento de leite cru.

Como consecuencia diso, os gandeiros carecían de liberdade para fixar o prezo do seu produto e a empresa á que fornecían, distorsionando o normal funcionamento do mercado en beneficio dos transformadores, conclúe a Comisión Nacional de Competencia. O proceso que agora resolveu o organismo é consecuencia dunha denuncia cursada no seu día por Unións Agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información