A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Comparación de resultados entre as razas Fleckvieh, Holstein e Brown Swiss en Austria

Comparación de resultados entre as razas Fleckvieh, Holstein e  Brown Swiss en Austria

Foto: geneticAUSTRIA

Nos últimos anos está a diversificarse a cabana de vacún de leite, de forma que aínda que a Holstein segue sendo predominante en Europa e Estados Unidos, cada vez están a gañar máis peso outras razas (Fleckvieh, Jersey, Montbeliard, Brown Swiss ou cruces como as Procross) debido a que as industrias lácteas están a primar cada vez máis os sólidos lácteos (graxa e proteína) e tamén á procura por parte dos gandeiros dunha mellora da rendibilidade a través dunhas maiores producións vitalicias, menor reposición e mellores prezos tanto para os tenreiros como para as vacas de desvelle.

Neste sentido, a Asociación de Criadores de Baixa Austria NÖ Genetik, especializada en diferentes tarefas como a execución do programa de cría, o asesoramento en materia de cría, a asistencia no acoplamento nas explotacións, o rexistro no libro xenealóxico, as clasificacións estereotípicas, organización de poxas, así como a comercialización das razas Holstein, Fleckvieh e Brown Swiss, presentou en Lugo, dentro dunha xornada técnica organizada por Ganados Barreira e geneticAUSTRIAun estudo comparativo dos resultados deste tres razas en gandarías da rexión de Baixa Austria. O relatorio correu a cargo de Karl Zottl, director executivo da asociación e especialista en asesoramento gandeiro.

A mostra da investigación é moi ampla xa que recolle os datos produtivos dunhas 3700 granxas entre os anos 2019 e 2021 e algo máis de 86000 vacas adultas. Na distribución racional predomina claramente a Fleckvieh (84% da cabana leiteira), seguida da Holstein (6%), cruces (5,9%) e Brown Swiss (3,1%).

Produción de leite e de sólidos

En canto aos datos de rendemento leiteiro, a Holstein ocupa o primeiro posto con 9607 litros -cun 4,08% de graxa e un 3,30 de proteína- de media por animal no ano 2020, uns 1600 litros máis que Fleckvieh (8037 litros -cun 4,15 % de graxa e un 3,40 de proteína-) e a Brown Swiss (7937 litros – 4,21 %G – 3,52 %P).

Fuente: NÖ Genetik

Fuente: NÖ Genetik

 

Con estes resultados, por que os gandeiros austríacos seguen apostando pola raza Fleckvieh e non pola Holstein? A razón, segundo expuxo Karl Zottl está en que a primeira, ao ser unha raza de dobre propósito (produción de leite máis bos rendementos cárnicos) logra compensar a menor produción cun maior prezo do leite polas súas calidades e cun mellor prezo dos tenreiros.

Fuente: geneticAUSTRIA

Fuente: geneticAUSTRIA

En concreto, os gandeiros perciben 1,4 céntimos por litro de leite de clase S (a media de sólidos para a Fleckvieh no 2021 estaba en 4,17% de graxa e 3,44% de proteína, fronte ao 4,09% e 3,33%, respectivamente, da Holstein) e por un menor reconto de células somáticas (o 80,9% da cabana Fleckvieh está por baixo das 200.000 células fronte ao 76,8 % da Holstein e soamente un 8,9% dos animais da primeira raza está por riba das 400.000 CS fronte ao 11,8% da Holstein). Desta forma, os ingresos por venda de leite na rexión de Baixa Austria estiveron no ano 2021 nunha media de 3.036 euros por vaca en produción en raza Holstein fronte aos 2.711 de media das Fleckvieh.

Táboa 1.- Resultados do control leiteiro nos anos  2019 – 2021 das razas FV, Bs e HF das vacas de control, media de todas as lactacións

Rasse=Raza; Jahr=Año; Anzahl der Vollabschlüsse=Nro. de muestras completas; Milch kg=Leche en kg; Fett %=Grasa en %; Fett kg= Grasa en kg; Eiweiß %=Proteína en %; Eiweiß kg= Proteína en kg; F+E kg=G+P en kg

comparativa fleckvieh austria 1

Táboa 2.- Media de recoento de células somáticas, todas as lactacións

FL=Fleckvieh; BS=Brown Swiss; HF=Holstein; PI=Pinzgauer; GR=Grauvieh; Gesamt= Total; Mittel=Media aritmética de los resultados – muestreo de un solo animal; Median=Mediana o valor central

comparativa fleckvieh austria 2

Táboa 3.- Células somáticas (x1000), en clases

Zellzahl=Células somáticas; bis=hasta; über=sobre; FL=Fleckvieh; BS=Brown Swiss; HF=Holstein; PI=Pinzgauer; GR=Grauvieh; Gesamt= Total

comparativa fleckvieh austria 3

Fonte das táboas: ZuchtData 

Este diferencial aínda duns 300 euros a favor das vacas frisoas redúcese ao ter en conta a venda dos tenreiros: os pintos en Austria páganse para recría a unha media de 120 euros mentres que os fleckvieh están de media en 500 (2020), e actualmente en 600,- (2021). Desta forma, os ingresos das dúas razas practicamente iguálanse: 3.211 euros por animal na Fleckvieh fronte aos 3.156 euros da Holstein; chegando á conclusión que grazas aos mellores sólidos, ao menor número de reconto de células somáticas e ao maior valor do tenreiro, a raza Fleckvieh deixa un maior ingreso total ao gandeiro.

Outro factor que se comparou neste estudo foi o da vida produtiva útil. Sabemos que a lonxevidade depende de varios factores, entre eles a fertilidade. Na Fleckvieh a media no tempo ente parto e parto difire con respecto á frisoa en aproximadamente 1 mes. No estudo demostrouse que as vacas Fleckvieh empreñan máis rápido, por tanto, aumenta o rendemento leiteiro en vida útil. Doutra banda, púidose observar que no caso da Fleckvieh a vida produtiva útil é de 3,90 anos, ou o que é o mesmos uns 4 partos de media, mentres que na Holstein é de 3,40 anos. “É unha diferenza de 0,5 anos que, nunha gandaría austríaca media de 30 animais en produción, supón un custo de reposición de 1,1 vacas máis por ano e medio tenreiro menos que vendemos”, explica Karl Zottl.

Por último, o maior valor da vaca de desvelle no caso da Fleckvieh xunto aos menores gastos veterinarios son outros factores que explican a predominancia desta raza leiteira no país alpino.

Rendementos vitalicios

Outro estudo realizado por geneticAUSTRIA a partir dos datos produtivos de todo o país recolleitos por ZuchtData  mostran a produción vitalicia das distintas razas e a súa evolución desde o 2006 até o 2021:

comparativa fleckvieh austria 4Fonte: ZuchtData, 2021

O primeiro posto encabézao a Holstein, cunha media de 32.959 litros, seguida de preto pola Fleckvieh (32.112 litros) e a Brown Swiss (30.834 litros). Comparativamente a Flecvieh é a que experimentou un maior progreso en rendemento vitalicio desde o 2006, cuns 9000 litros máis.

En canto á produción vitalicia media en rendementos en sólidos (quilogramos de graxa e proteína) en ranking en Austria encabézao a Fleckvieh, seguida de preto pola Holstein e a Brown Swiss:

comparativa fleckvieh austria 5Fonte: ZuchtData, 2021

“Esta media do rendemento vitalicio de maneira comparativa entre a poboación gandeira austríaca confírmanos que Austria é o único país do mundo onde unha raza Dobre Propósito; é dicir, unha raza que nunca foi considerada como especialista en altos niveis de produción leiteira como o é unha Holstein ou unha Brown Swiss, supera en rendemento vitalicio -en produción leiteira ao longo da súa vida- e en calidade do leite ás outras razas”, destacan desde geneticAUSTRIA.

Por último, en canto ao número de partos do tres razas leiteiras, os datos a nivel de toda Austria son os seguintes:

comparativa fleckvieh austria 6Fonte: ZuchtData, 2021

Desta forma podemos interpretar que baixo unha media de 7.850 litros por lactación (32.112 kg /4,09 partos), a raza Fleckvieh en Austria non só outorga ingresos económicos co leite, senón tamén coa baixa necesidade de recría, coa alta calidade de leite e saúde do ubre, así como tamén co número de crías.

Esta media de número de partos nas 3 razas dános a entender e permítenos afirmar, que a xenética Fleckvieh Austria está na capacidade de garantir mínimo 4 crías por cada vaca reprodutora. 

comparativa fleckvieh austria 7

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *