¿Como xestiona Francia o lobo e que podemos aprender en Galicia?

¿Como xestiona Francia o lobo e que podemos aprender en Galicia?

Lobo nun bosque de Francia

Este pasado mes de febreiro publicáronse varios documentos a nivel europeo sobre a situación do lobo no continente.

Por unha banda o Parlamento Europeo publicou un estudo sobre a situación actual dos plans de xestión dos grandes carnívoros europeos (entre eles o lobo): Large Carnivore Management Plans of Protection: Best Practices in EU Member States. E pola outra o goberno francés aprobou o Plan Nacional de Xestión do lobo e as actividades gandeiras: Plan national d’actions 2018-2023 sur le loup et les activités d’élevage.

O estudo do Parlamento Europeo considera crucial a adopción de medidas preventivas

O estudo feito do Parlamento Europeo é un resumo das investigacións e accións levadas a cabo en Europa de cara a compatibilizar a presenza do lobo e a actividade gandeira. Entre as súas recomendacións atopamos que “a xestión letal, mediante sacrificio e / ou caza, non demostrou ningunha eficiencia mitigando as perdas polos lobos, a menos que a poboación se reduza a niveis que non sexan compatibles co mandato da Directiva Hábitats”.

Por outro lado, considera crucial a adopción de medidas preventivas, promovidas correctamente polas autoridades competentes e asistidas por un sistema de apoio técnico aos gandeiros para que estas se apliquen de forma correcta. O estudo insta ás autoridades a difundir as mellores prácticas preventivas (cans de protección e peches electrificados) e ao intercambio de experiencias entre gandeiros. Finalmente o documento saliente a pouca investigación realizada en métodos de prevención en comparación coa literatura sobre ecoloxía e comportamento da especie.

En Francia, a publicación do Plan Nacional de Xestión do Lobo proponse para un período de 6 anos (2018-2023). O Plan foi elaborado polos ministerios de agricultura e medio ambiente e xurdiu despois dunha participación intensa de tódolos actores implicados. Houbo un importante debate público que permitiu que os diferentes sectores puideran expresar as súas opinións e aportar as súas propostas. O censo actual do estado francés é de entre 265 e 402 lobos e preténdese chegar aos 500 no 2023 para todo o territorio. En Galicia, segundo o último censo da Consellería de Medio Ambiente, hai unas 90 mandas con entre 600 e 800 exemplares, que cobren o 94% do territorio galego.

Que diferencias ten o plan francés de xestión do lobo?

Centrándonos nos puntos básicos do Plan francés, o esquema é semellante ao que temos en Galicia, mais hai diferenzas importantes:

1- Establecen unha rede técnica de cans de protección onde se ofrecen cans aos gandeiros.

2- Financiar o 100% da contratación de servizos de apoio técnico na aplicación das medidas de prevención

3- Financiar entre o 80 e o 100% a compra de cans de protección e de peches fixos e do 100% para a contratación conxunta de pastores (para rabaños comunais en zonas de montaña).

4- Crear un equipo de apoio técnico para a correcta implementación das medidas de protección (cans, peches, sistemas de manexo).

5- As indemnizacións abranguen a perda dos animais mortos (perdas directas) os animais desaparecidos (logo dun ataque) e as perdas de produción do rabaño (abortos, diminución da lactación, as perdas indirectas).

Por outra banda, ao igual que en Galicia permítese a caza do lobo logo da constatación de danos nunha zona concreta e baixo a supervisión da administración.

Destes documentos podemos concluír que a participación da administración e o diálogo coas partes implicadas (conservacionistas, gandeiros, investigadores e cazadores) é fundamental para unha correcta planificación e posta en marcha das medidas descritas no Plan de Xestión.

En Galicia temos un documento aprobado no 2008 que dende ese momento pasou ao esquecemento e ten unha falta importante de participación e diálogo coa administración. Compre salientar que, a parte das medidas de indemnización (que aínda seguen a sufrir atrasos importantes), o resto de puntos do Plan de Xestión carecen dun orzamento explícito na Consellería de Medio Ambiente e se nutren de remanentes que ás veces hai e outras non e que condicionan enormemente a aplicación práctica das principais directrices do plan.

Como membro de O-Xan tentamos paliar a falta de diálogo cun gran esforzo dos participantes e seguiremos abertos á incorporación de novos actores e da administración, se así o considera oportuno.

LOBO_FRANCIA_FERUS_2015

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información