Como vender máis leite?

O presidente da empresa Calidad Pascual, Tomás Pascual, propón avanzar na calidade e innovación dos produtos lácteos como xeito de combatir a redución do consumo e a banalización dos briks nas cadeas de supermercados

Como vender máis leite?

Cisterna de Pascual nas súas instalacións. / Imaxe: Calidad Pascual.

O consumo de leite líquido caeu un 27% en España nos últimos 15 anos. Dos 100 litros por persoa do ano 2000 pasouse ós 73 litros no 2015. Desde a perspectiva do presidente de Calidad Pascual (empresa antes denominada Leche Pascual), un dos retos claves ós que se enfronta a cadea de valor do leite pasa por aumentar a demanda.

“No intre en que a demanza medre vigorosamente e sexa na dirección de produtos de valor, o sector recobrará o seu atractivo”, reflexiona Tomás Pascual nun artigo publicado no libro ‘El sector lácteo en la encrucijada’, coordinado por Miguel Ángel Díaz Yubero e presentado onte polo Grupo Caja Rural.

O modelo lácteo español, desde a perspectiva do presidente de Calidad Pascual, presenta problemas polo lado da demanda e da oferta. Resumimos a continuación o seu diagnóstico e as súas propostas.

1) Diagnóstico do sector

A) Causas da caída do consumo

Tomás Pascual sitúa as causas da caída do consumo do leite en tres factores:

Envellecemento da poboación. A pirámide de poboación de España amosa un envellecemento. Esa situación agravarase previsiblemente pola caída da natalidade dos nacionais españois e tamén pola caída da inmigración, que mantén maiores taxas de natalidade. Resulta difícil actuar sobre a pirámide de poboación, pero si se pode actuar na promoción do consumo de lácteos nas distintas etapas da vida.

O leite está asociado na actualidade a un alimento propio de nenos, pero non tanto de adultos. Por tanto, requírense de esforzos científicos e divulgativos para comunicar os beneficios do leite en todas as etapas da vida.

“O leite está asociado a un alimento propio de nenos. Cómpre comunicar os beneficios do leite en todas as etapas da vida”

Cambio de hábitos de consumo e migración cara outras categorías de produto. “Dito doutro xeito, desde o punto de vista das necesidades do consumidor, fabricantes doutras categorías fixeron o seu traballo mellor ca nós (…), cunha clara aposta pola innovación”, recoñece Tomás Pascual.

En décadas anteriores, o presidente de Calidad Pascual lembra como a industria láctea si foi capaz de identificar tendencias de consumo e solucións a partir dos produtos lácteos, cos casos paradigmáticos do leite desnatado nos anos 80, do leite enriquecido con calcio nos 90 ou máis recentemente do leite sen lactosa, cunha taxa de crecemento anual do 30% no último lustro.

Banalización dos produtos lácteos. Os prezos baixos na venda ó público fan que o leite clásico se perciba como un produto vulgar, o que xera uns “efectos demoledores” en toda a cadea de valor do leite. Paralelamente, foron xurdindo mensaxes asociados a riscos potenciais para a saúde derivados do consumo de leite. “Como sector, non soupemos contrarrestar esas campañas coa mesma enerxía que si fixeron outros sectores, como o de aceite de oliva, a través de campañas de promoción da dieta mediterránea”, valora Pascual.

B) Retos para a industria

A taxa de ocupación das instalacións da industria láctea de España sitúase por baixo do 60%. Esa circunstancia xera problemas de rendibilidade e de baixa eficiencia en custos, o que repercute na presión por mercar leite máis barato no campo. Tamén dificulta o coidado da calidade e a asunción de riscos derivados de investimentos para innovar.

A baixa eficiencia en custos das industrias repercute na presión por mercar leite máis barato no campo

As industrias españolas teñen unha escasa dimensión, en comparación con outros países, e son moi dependentes do negocio de leite UHT. O reto da internacionalización non é fácil, pois non se dispón da gama de produtos necesaria para competir nos mercados internacionais, nin das instalacións necesarias para transformar o produto, nin do coñecemento dos mercados de destino.

Os grandes operadores mundiais están en mellores condicións para abordar mercados como o do leite en po ou o dos leites infantís. “Quizais o territorio da proteína concentrada poida deixarnos algunha oportunidade á hora de internacionalizar máis a nosa industria”, valora Tomás Pascual.

“O máis importante é que a suma de todas estas razóns fixo que nos enfrascásemos en disputas internas por décimas de cota dun mercado moi maduro e cada vez menos rentable, en lugar de facer crecer os mercados e valorizalos, investindo en innovación, en calidade e en comunicación ó consumidor”.

C) Futuro do sector produtor
Desde a perspectiva do presidente de Calidad Pascual, no futuro haberá diversos modelos produtivos convivindo en España, pois hai elementos de competitividade diferentes, ben baseados no territorio e a sostibilidade, ben en economías de escala. “A concentración, por si soa, non debera ser o factor que rixa o futuro, máis ben a diferenciación e a eficiencia”, valora.

2) Iniciativas para a revitalización da cadea de valor do leite

A idea básica que ilumina as propostas de Tomás Pascual é que o futuro pasa por crear máis valor para todos os axentes da cadea de valor do leite.

A) Aumentar o consumo do leite e poñer en valor o produto
O aumento do mercado dos produtos lácteos e do seu valor pódese conseguir traballando en torno a tres eixos:

Comunicación. Como sector, hai que recordarlle permanentemente ós consumidores que o leite é un dos produtos máis completos para a alimentación humana en todas as súas etapas. O contido en proteínas, vitaminas e calcio fan do leite un produto que non só alimenta, senón que contribúe á saúde.

“Asistimos a un debate pseudocientífico nas redes sociais con mensaxes alarmistas sobre supostos efectos adversos do leite”

“Desafortunadamente, estamos asistindo a un preocupante fenómeno de debate pseudocientífico nas redes sociais, nas que aparecen con demasiada frecuencia mensaxes alarmistas sobre os supostos efectos adversos do leite e dos produtos lácteos que, na súa maioría, teñen moi pouca base científica”.

Que facer? “Se temos un excelente alimento para todos, digámolo, invistamos cartos, que o consumidor o saiba. Algúns sectores adican unha parte da súa facturación a crear un fondo común para poñer en marcha campañas que promocionan o consumo ou estudos científicos que o avalan”.

Calidade. “Moitos consumidores poden pensar que calquera produto que se venda nunha tenda xa ten a suficiente calidade”, recoñece Pascual, que considera que as industrias deben apostar pola calidade máis alá das esixencias normativas. “A calidade hai que entendela como o compromiso para que o produto que produce a vaca teña as cualidades demandadas polo consumidor e que ese produto chegue ó consumidor conservando as súas cualidades iniciais, coa mínima alteración”.

“Se hai que utilizar tratamentos térmicos agresivos, o que chegue ó consumidor será branco e saberá a leite, pero é un produto distinto ó obtido da vaca”

No camiño de aumentar a calidade, o presidente de Pascual avoga por un traballo coordinado de gandeiros e industrias. “A posta en marcha de programas de seguridade alimentaria é unha peza clave, igual que a existencia de contratos de suministro estables. Se hai que traballar conxuntamente a calidade, hai que facelo dun xeito continuado”.

A industria, pola súa banda, debe esforzarse en poñer en marcha uns sistemas de xestión e uns procesos que aseguren o mantemento de todas as cualidades do leite. “Se hai que utilizar tratamentos térmicos agresivos que compensen problemas na recollida, transporte ou almacenamento, o que chegará ó consumidor será branco e saberá a leite e, seguramente cumprirá os estándares que esixe a lei, pero sen dúbida estaremos ante un produto distinto ó obtido da vaca, cunhas propiedades menos valiosas”.

Por último, o terceiro pé da calidade sitúase na comunicación ó consumidor. “Seguramente trátase dun traballo que ten que facer cada empresa (…) pero penso que sería tamén unha boa iniciativa que existiran diferentes denominacións de leite en función da calidade dunha serie de parámetros, como ocurre, por exemplo, coa denominación do aceite”.

Innovación
Se se quere evitar o estancamento do consumo e a fuga progresiva de consumidores, hai que traballar para identificar necesidades dos consumidores e para satisfacelas antes que outras categorías de produto. De xeito paralelo ás innovacións, cómpre investir cartos en comunicarllas ós consumidores.

B) Transformar o modelo produtivo

Todos os actores da cadea de valor do leite deben esforzarse en enfocar o seu traballo en reducir custos e en ofrecer produtos alineados coas necesidades dos consumidores.

Granxas. Pascual entende que se debe avanzar cara explotacións máis produtivas e eficientes, que impulsen a calidade do produto e dos procesos. A implantación de programas de seguridade alimentaria ou de sistemas de xestión máis avanzados son dúas das súas propostas.

O presidente de Calidad Pascual avoga tamén por unha estreita relación das granxas coa industria para traballar conxuntamente no “deseño do produto”. “Se as tendencias de consumo apuntan cara determinados consumos de materia graxa ou de proteína, industria e produtor terán que traballar codo con codo”, valora.

De cara a garantir a sostibilidade económica das granxas en intres de crise, Pascual valora de interese un modelo de pólizas de seguro frente ás perdas de marxe, similar ó implantado en Estados Unidos.

Industria. O coidado da calidade e da innovación, tanto en produtos dirixidos ó consumidor como en subprodutos para a industria alimentaria, son dúas das cuestións principais sobre as que incide o presidente de Calidad Pascual.

“Non sorprende que grandes multinaciais do refresco entren no mundo lácteo. Se o fan, debe ser porque detectaron un potencial”

“Non podemos resignarnos a que o consumo de leite se concentre no intre do almorzo e no segmento de nenos. Temos que acadar máis segmentos de poboación e máis intres de consumo. Non sorprende que grandes multinacionais do refrescos estean entrando con decisión no mundo lácteo (…). Se o fan empresas alleas ó noso sector, debe ser porque detectaron un potencial”, conclúe.

Outro punto a ter en conta é a diversificación de mercados. A busca de nichos de mercado internacionais ou de alianzas son cuestións nas que traballar. Tamén sinala que hai que procurar unha maior eficiencia produtiva, un camiño no que os procesos de concentración poden ser de interese se se enfocan en sumar forzas para innovar e diversificar mercados e produtos, non en pechar plantas e reducir custos.

Distribución. O presidente de Calidad Pascual entende que as cadeas de distribución deben estar abertas á incorporación de novos produtos para cubrir novas necesidades. “Se se tarda demasiado tempo en lograr unha distribución suficiente para impulsar unha campaña de comunicación que dea a coñecer o produto, estamos ante a pescadilla que se morde a cola”, reflexiona.

“Se se tarda demasiado en ter unha distribución eficiente para publicitar unha innovación, estamos ante a pescadilla que se morde a cola”

O Canal Horeca, de hostelería e restauración, é outra vía que pode xogar un papel importante na valorización do sector e, ó mesmo tempo, abre unha vía para facer medrar o negocio e rentabilizar o propio canal.

“O leite pode ser simplemente un produto líquido que acompaña ós cafés, sen ningunha visibilidade para o consumidor, ou pode erixirse nun complemento nutritivo e saudable que se ofrece en diferentes variantes que poden ser atractivas. Se un consumidor corta o seu café con leite desnatado ou sen lactosa na súa casa, debería ter esa opción tamén no bar. Se algunha variedade de leite engádelle valor ó café (polo seu contido en proteína, materia graxa, espumosidade, etc.), pode convertirse nun elemento que fai atractivo tomar o café nun bar e non noutro”.

Máis información
Artigo ‘Sobrevivir o revitalizar: logros, déficits y retos de la industria láctea’ (Tomás Pascual). No libro ‘El sector lácteo en la encrucijada’ (PDF, 8 MB)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información