As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

Como van quedar os pagos da PAC nas ganderías galegas?

Analizamos como queda o proxecto de rexións agronómicas en Galicia, que determinará a axuda básica e o pago redistributivo que recibirán as explotacións da comunidade

Como van quedar os pagos da PAC nas ganderías galegas?

O Ministerio de Agricultura proxecta pechar este outono a reforma da PAC que entrará en vigor no 2023. O Plan Estratéxico Nacional ten que estar enviado a Bruselas antes de fin de ano, polo que xa se van aclarando gran parte das cuestións pendentes. Quedan por definir os ecoesquemas e o funcionamento na práctica do novo programa. Analizamos o que se sabe xa e coñecemos as valoracións do sector.

Axuda Básica á Renda e Pago Redistributivo

Na nova PAC a partir do 2023, a proposta do Ministerio é que Galicia quede encadrada en cinco rexións agrónomicas, dous de pastos permanentes (403, 303), dous de cultivos de secano (401, 301) e outra de cultivos permanentes (101).

Para cada unha desas rexións, o Ministerio calculou cal será no 2027 o valor medio dos dereitos da Axuda Básica á Renda (o actual pago básico). A liña de converxencia de dereitos que se vén practicando os últimos anos continuaría polo menos ata o 2026, cando se espera que o valor dos dereitos de cada rexión acade como mínimo un 85% do valor medio. A idea é que a converxencia total se produza en torno ó 2029, no seguinte ciclo da PAC.

A maiores do cálculo da Axuda Básica á Renda, o Ministerio fixo unha estimación de como quedaría o pago redistributivo en cada rexión.

O pago redistributivo concíbese como un pago complementario para as primeiras hectáreas de cada explotación. O valor do pago redistributivo proxéctase que sexa un 40-50%do valor medio rexional da Axuda Básica.

A idea inicial é que o pago redistributivo acade unha sexta parte do importe de Axuda Básica asignada a cada rexión. O Ministerio sinala que o umbral de hectáreas que poden percibir o pago redistributivo calcularase para cada rexión, tendo en conta a estrutura das explotacións e o importe dispoñible.

Rexión agronómica Axuda Básica (Euros)
(1)
Axuda básica +
Pago redistributivo
(1)
Límite de hectáreas
con pago redistributivo
(2)
Pastos
permanentes
403
A Coruña, Lugo
e Deza-Tabeirós (PO)
135,75 203,62 7,15
303
Ourense e Pontevedra
(excepto Deza e Tabeirós)
103,21 154,82 30,52
Cultivos
secano
401
A Coruña, Pontevedra
e Lugo (excepto
montaña oriental)
189,60 284,41 20
301
(Ourense y montaña
de Lugo)
124,37 186,56 28
(1) As cifras aumentan un 5% no caso de mulleres titulares ou cotitulares da explotación.
(2)Cálculo para un pago redistributivo que chegue ó 50% da Axuda Básica á Renda

Axudas asociadas para vacún de leite, gandería de carne e ovino – cabrún

As axudas asociadas para vacún de leite son a mellor nova que deixa o proxecto da nova PAC, pois auméntase o presuposto anual destinado a elas. A previsión é fixar un importe por vaca duns 158 euros, que ascenderían a 182 euros en zona de montaña. Son arredor de 30 euros máis por animal / ano do que se viña pagando ata o de agora.

O tope do 100% da axuda elévase de 75 a 150 animais, en tanto que de 150 a 725 animais pagarase o 50% da axuda.

En vacún de carne, as cuantías quedan practicamente como estaban, sen ningún aumento. Para a vaca nodriza proxéctase un pago medio de 91,97 euros, en tanto para os xatos cebados na explotación de nacemento arredor de 32 euros.

En ovino e caprino, a axuda asociada estaría en 14,53 euros por animal, o que representa unha lixeira subida en relación á situación actual. Pídese un mínimo de 30 ovellas ou 10 cabras para cobrar a axuda, aínda que dáse marxe para que cada comunidade autónoma reduza ese limiar.

Agricultor xenuíno e ‘capping’

As ambicións que se marcaban no inicio da nova PAC sobre a definición de agricultor xenuíno e ‘capping’quedan finalmente diluídas na proposta do Ministerio. Como agricultor xenuíno, considérase a aquel que teña polo menos un 25% de ingresos da actividade agraria, co que non se esperan cambios en relación á situación actual. Os perceptores de menos de 5.000 euros de PAC quedan ademais exentos desa condición.

Outra das novidades da PAC era a limitación de ingresos das grandes explotacións, o chamado ‘capping’, un obxectivo que tamén queda en entredito. O Ministerio fala de establecer un tope de 100.000 euros de cobro de pago básico por explotación, fixando unha degresividade nos pagos a partir dos 60.000 euros. Sen embargo, poderanse desgravar costes laborais e de empresas de servizos. O verdadeiro tope da Axuda Básica á Renda fíxao o Ministerio en 200.000 euros, segundo o proxecto anunciado.

Reserva Nacional, ¿haberá novos dereitos para viñedo, horta e hectáreas sen axudas?

Para acceder a dereitos da Reserva, o Ministerio establece que terán prioridade os agricultores mozos que se incorporen ó sector, así como aqueles casos derivados de sentencias xudiciais. Cos dereitos que queden dispoñibles, daráselle acceso a dereitos a explotacións de sectores ata agora non integrados na PAC, como o viñedo e determinados cultivos de froitas e hortalizas. Tamén a superficies admisibles de sectores integrados na PAC pero que carecían de dereitos de pago básico.

En Galicia o conselleiro do Medio Rural felicitárase por esta novidade, pois entendía que había máis de 100.000 hectáreas en Galicia que podían aspirar a dereitos da PAC no novo ciclo, un pronóstico que o sector observa con escepticismo.

Ecoesquemas

As primeiras propostas de ecoesquemas non convencían a Galicia nin ás comunidades da Cornisa Cantábrica. Queda por ver se a proposta final se adapta mellor á gandería da España húmida.

ANÁLISE DO SECTOR EN GALICIA

Javier Iglesias. Unións Agrarias

“O novo ciclo da PAC é unha oportunidade perdida. En canto ós números que saen para as explotacións galegas, hai luces, sombras e incógnitas”

Desde Unións Agrarias, Javier Iglesias incide nos erros que, ao seu xuízo, presenta a reforma da PAC: “É unha oportunidade perdida para España. A Comisión deixábanos marxe para regular distintas cuestións, como a figura do agricultor activo, de xeito que se beneficiase ó agricultor profesional que vive do campo, pero non se fixo así e todo segue máis ou menos igual”.

“Tamén había posibilidade de limitar sensiblemente os pagos máximos por explotación (‘capping’), pero a regulación final que proxecta o Ministerio deixa moi diluído ese obxectivo” -cuestiona-. “O mesmo sucederá co pago redistributivo, que se podía empregar para reequilibrar os pagos medios entre tódalas rexións, pero en lugar diso, só se busca un complemento ós pagos no interior de cada rexión”, describe.

Como elementos positivos para Galicia, Iglesias apunta ó aumento das axudas asociadas para vacún de leite , en tanto na configuración das rexións agronómicas observa elementos positivos e negativos. “Hai rexións, como as de pastos permanentes, que probablemente melloren lixeiramente os pagos medios, pero tamén temos o caso dunha rexión, a de cultivos de secano na Coruña, Pontevedra e boa parte de Lugo, que presenta o caso contrario”, analiza.

A espera de ver como se concretan os ecoesquemas, Iglesias sinala un último elemento perxudicial nos treitos fixados para as axudas asociadas de vacún de leite: “No actual ciclo, cobran o 100% das axudas só os primeiros 75 animais. É certo que as granxas medraron nestes anos, pero pasar de 75 a 150 vacas o treito de cobro do 100% das axudas parécenos excesivo. Tamén que se lle dean axudas asociadas do 50% a ganderías de 725 animais, algo que en nada beneficia ó modelo de pequenas e medianas explotacións, que máis apoio precisan”, conclúe.

Higinio Mougán. Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias

“Son pesimista en que esta PAC contribúa a frear o abandono”

O director da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca), Higinio Mougán, valora positivamente o aumento das axudas asociadas para vacún de leite, pero cuestiona que se conxelaran as axudas asociadas para vacún de carne.

“É certo que polo menos non se reducen os pagos, pero co aumento dos custos de produción, hai unha ameaza clara para as ganderías. ¿Imos poder evitar que un 5% das granxas continúe pechando cada ano?. Son pesimista”, recoñece.

Para facer un balance máis global da futura PAC, Mougán considera que aínda é “prematuro”. “Preocúpanos que os ecoesquemas se adapten á realidade galega e que se poidan aplicar ás hectáreas actuais e futuras. Estamos coa respiración contida sobre esa cuestión e cando se peche a reforma, teremos que facer balance tamén de como queda a Axuda Básica e o pago redistributivo”, remata.

Ana Rodríguez. Sindicato Labrego Galego

“Non damos crédito, estamos ante unha tomadura de pelo”

A responsable da Política Agraria Común no Sindicato Labrego, Ana Rodríguez, acusa ó Ministerio e á Xunta de vender fume en torno á reforma da PAC. “Non estamos nin ante unha PAC xusta, como di o ministro, nin boa para Galicia, como defende o conselleiro”, anticipa Rodríguez.

“Se analizamos as rexións agronómicas nas que queda encadrada Galicia, vemos que en pastos permanentes, o norte galego queda encadrado na rexión 403, na que se pronostica un pago medio da Axuda Básica de 135 euros. Se o comparamos coa rexión que conseguiu Cantabria para si mesma, a 503, vemos que eles alí van cobrar 198 euros” -compara-. “Iso demostra o pouco que contamos”, valora.

Outra rexión que non a convence é a de cultivos permanentes, na que poderían entrar novas superficies de viñedo, froitas e hortalizas: “Galicia queda encadrada na rexión con menores pagos, a 102, con 98 euros por hectárea, en tanto a comarca veciña do Bierzo sitúase nunha das mellores”, cuestiona.

Rodríguez lamenta tamén que non haxa ningunha zona de Galicia encadrada nunha rexión de cultivos de regadío -con maiores pagos que as de secano-, “pois a Limia ou Monforte poderían ser candidatas”, apunta.

Outros elementos que cuestiona a responsable do Sindicato Labrego son o pago redistributivo, “que é un reparto da miseria entre nós”, ou o escaso número de hectáreas que semella que se poderán beneficiar del nalgunhas rexións, como na 403 de pastos permanentes. Tamén se amosa contraria a elevar o pago do 100% da axuda asociada en vacún de leite dos primeiros 75 animais ós primeiros 150.

“En definitiva, a falta de analizar casos concretos de explotacións, pensamos que estamos ante unha tomadura de pelo”, conclúe.

Joan Alibés. Beealia

“Había que tomar decisións e non se tomaron. Cambiouse a PAC para que todo siga igual”

En relación ó sector ovino e cabrún, Joan Alibés, de Beealia, lamenta a falta de visión estratéxica. “Se esperamos atraer a xente ó sector, hai que cambiar as cousas. Con estas axudas mantense a situación actual e a tendencia de declive do sector en Galicia”, cuestiona.

“O sector ovino e cabrún pode ser clave para crear pastos permanentes que axuden no combate ós incendios. É un sector medioambientalmente moi interesante e que fixa poboación no rural, pero hai unha renuncia clara a apoialo. Cambiouse a PAC para que todo siga igual, había que tomar decisións e non se tomaron.Se seguen as mesmas politicas, teremos os mesmos resultados”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información