Contra a dermatose nodular, existen vacinas, os focos están claramente identificados e os protocolos de vixilancia sanitaria funcionan axeitadamente. Son os motivos que levan ós operadores que realizan transaccións de gando a pedir prudencia e asegurar que non hai que caer no alarmismo.
Logo da aparición en España do primeiro caso de dermatose nodular en bovinos, lembran que tanto os focos franceses como o español están moi lonxe de Galicia. Iso si, advirten de que hai que ser moi estrictos nos controis para evitar que a doenza se espalle e lembran que non é unha enfermidade que poida afectar ás persoas.
Santiago García. Finca La Asunción
“O gando que importamos vén de granxas ubicadas a un mínimo de 900 km. de calquera foco”
Desinsectación, desinfección e constancia documental das mesmas. É un dos protocolos que seguen sempre en Finca La Asunción cada vez que fan unha transacción de vacas. Unha práctica que por si mesma xa supón un freo para o contaxio da Dermatose Nodular e doutras patoloxías.
“Sempre que aparece unha doenza nova causa preocupación. Pero nas zonas onde nós adquirimos gando non hai focos. O punto máis próximo está a 900 quilómetros de granxas onde se viron afectados. E nos lugares nos que operamos non hai restricións para o movemento de gando.”, di Santiago García, responsable de Finca La Asunción.
É obvio que hai preocupación. Como tamén é obvio que non se pode xeneralizar unha situación particular e localizada. (Santiago García, Finca La Asunción)
García sinala que as enfermidades que se transmiten por vectores -un mosquito no caso da Dermatose Nodular- son difíciles de controlar e non desbota que se acabe espallando por toda Europa. “As enfermidades que se contaxian por contacto son máis doadas de controlar porque se pode bloquear a zona afectada. Cando hai vectores de contaxio, como pasou coa Lingua Azul e a EHE, faise moito máis difícil.”
Desinfectar e desinsectar, como mínimo, cada tres días é unha medida que pode resultar eficaz ante a aparición desta enfermidade, sinala García. Unha medida que reforzaron nas transaccións que realizan como importadores de gando. “Ademais de tomar esas medidas de desinfección, é moi importante que quede rexistrada cada acción preventiva que se toma.”
Antonio Barreira. Ganados Barreira
Unha alarma inxustificada pode ser tan negativa como a propia enfermidade
Antonio Barreira, de Ganados Barreira Bascuas, non resta gravidade á situación pero considera que sería negativo para o sector caer no alarmismo. “No noso caso, estamos traendo gando de zonas situadas a case mil quilómetros das zonas afectadas en Italia, Francia e Cataluña. Os focos están plenamente identificados e os protocolos de movemento de animais son moi rigorosos.”
Barreira sinala que é fundamental estar informado en todo o tocante á saúde das vacas e máis cando se producen casos como este de aparición dunha nova enfermidade. “Francia é moi grande. Non podemos caer no erro de considerar perigoso calquera animal que veña dese país. A Bretaña -a rexión que máis gando exporta no país galo- está a 850 quilómetros do foco de Dermatose máis próximo. E a afectación principal en Francia está en vacas de carne. O pánico pode ser tan nocivo como a propia doenza.”
Ganados Barreira Bascuas é un referente en canto a stock de xovencas en España. “Somos os primeiros interesados en que a enfermidade non se espalle. Tanto polos nosos clientes como pola nosa cabana. Nunca movemos un animal se non temos unha garantía do 100% en canto a bioseguridade. Pero non é algo que fagamos cando aparece un foco dunha doenza. Aplicámolo todos os días do ano e en todas as operacións.”
Nesa liña, Barreira insta os gandeiros a non adquirir animais que non teñan toda a documentación acreditativa que avale o seu estado sanitario. “Non podemos negar a existencia da enfermidade, pero tampouco podemos crear un estado de alarma que afecte a todo o sector sen estar xustificado.”
Julio Pérez. Lonxa de Silleda
“De Silleda sae gando para Cataluña, pero todos os camións pasan rigorosos procesos de lavado e desinfección nos movementos de animais”
Julio Pérez, responsable da Central Agropecuaria de Galicia con sede en Silleda, sinala que están a aplicar os protocolos que estableceu a Consellería do Medio Rural, que veñen reforzar os que xa están vixentes. “Aquí non chega gando das zonas afectadas. Ao contrario, saen animais de recría cara a algunhas delas, pero os camións de transporte de gando que puideran ter pasado por esas zonas son sometidos a rigorosos procesos de lavado e desinfección”, subliña.
Pérez calcula que, mentres a enfermidade estea alonxada, o mercado galego vaise ver beneficiado polo bon estado sanitario da cabana de Galicia, “Calquera inmobilización fai que haxa menos gando dispoñible e que o que si pode circular sexa de prezo máis alto. Sen embargo, como adoita suceder coas doenzas causadas por vectores, non podemos descartar que a dermatose chegue a Galicia”, advirte.
“Podemos reforzar as medidas de control. E confiar en que a chegada do frío no inverno reduza a presenza de mosquitos. Non temos máis marxe de actuación.”
A aparición de focos de Dermatose Nodular vai acabar afectando ó mercado de vacún, que xa reflictía a escaseza de xovencas. (Julio Pérez, Central Agropecuaria de Galicia)
O que está claro, para Julio Pérez, é que esta situación sanitaria vai provocar alteracións no mercado de gando en toda Europa e especialmente no que se refire a animais de recría. Sen embargo, tamén fai un chamamento á calma e a actuar con prudencia para non caer en alarmismos.
Segundo caso de dermatose nodular en Girona e inicio da vacinación este mércores
Cinta Diego. Cipsa Pecuaria
“É previsible que co frío invernal se reduzan os riscos, pero non podemos fialo todo ó clima”
Cinta Diego, veterinaria de CIPSA Pecuaria pon en valor as esixencias sanitarias que as normativas da UE aplican á importación de gando. “Se os protocolos se aplican de xeito rigoroso e baixo a supervisión de profesionais veterinarios, non hai por que temer que haxa unha extensión masiva da enfermidade.”, di Diego.
A veterinaria coincide en sinalar que, ao ser unha enfermidade que pode ser transmitida por diferentes vectores (mosquitos, moscas, carrachas…) pero tamén por outras vías, o seu control é máis complexo. E tamén en que a baixada de temperaturas pode levar a un retraemento da actividade do mosquito. “Pero non podemos fialo todo ao clima porque non sempre se van dar as condicións climáticas esperadas”.
Hai que estar atentos a síntomas como febre, anorexia, debilidade, salivación excesiva, secreción oculo-nasal e pérdida de peso. (Cinta Diego, CIPSA Pecuaria)
Diego cre que aínda é cedo para facer valoracións sobre o impacto que poida ter a Dermatose Nodular. “Non hai suficientes datos como para calibrar as consecuencias. E non esquezamos que hai vacinas dispoñibles. Sabemos que as vacas adelgazan, perden o apetito e poden ter problemas na xestación. Haberá que estar atentos a eses síntomas: febre, anorexia, debilidade, salivación excesiva, secreción oculo-nasal, perda de peso, lesións na pel en forma de nódulos de entre 2-5cm e tumefaccións que poden necrosar e infectar.”
“A vacinación preventiva -que Cataluña anunciou este domingo que vai iniciar na zona afectada- pode ser a mellor opción. Hai que ser conscientes de que a Dermatose pode espallarse e hai que analizar cales son as medidas que menos perxudican ás persoas que viven da gandería.” Diego sinala tamén que, malia estar na fase inicial, os mercados de gando poden verse alterados polos efectos da doenza.
Cinta Diego di que o sector e a sociedade non deben alarmarse innecesariamente. “Hai vacinas, hai medidas de control sanitario, hai protocolos de bioseguridade e os focos de infección están moi localizados. Non se pode baixar a garda pero tampouco crear unha alarma innecesaria”.
Jaime Losada. Veterinario de Aira
“A observación diaria dos animais é unha clave de prevención para conter a enfermidade, no caso de que chegue”
Para Jaime Losada, veterinario da cooperativa Aira, a situación é preocupante. “Hai que ser prudentes, pero tamén ter en conta que nos últimos anos temos exemplos abondo de doenzas que estaban lonxe e acabaron chegando a Galicia. E moito máis cando se trata de enfermidades de contaxio mediante vector. Temos que ter a punto todas as ferramentas para facerlle fronte”, valora.
En caso de que a enfermidade se achegue a Galicia, o veterinario amosou a súa confianza nas vacinas como primeira barreira fronte a enfermidade. Non se pode precisar, asegura Losada, cal vai ser o comportamento do virus, se ben destaca que “é habitual falar de inmunidade de rabaño cando nos referimos a doenzas causadas por virus”.
Como primeira norma a ter en conta, Losada incide na vixilancia dos animais: “Aínda que se apliquen eficazmente todos os protocolos de bioseguridade, falamos de vectores (insectos) moi difíciles de erradicar. E hai que ter presente que a doenza pode chegar sen que a percibamos ata que xa está estendida. Por iso, observación diaria dos animais vai ser clave.”
–
Actualización
Na tarde noite do luns 6 de outubro comunicouse un segundo positivo de dermatose nodular, que afecta a unha gandería de leite de Cataluña.
Primeiras medidas por un caso de dermatose nodular en Girona: inmobilizadas 800 ganderías
Galego










Control OJD