Como traballan no maior criadeiro de bois de Galicia?

Case a metade dos 255 bois inscritos na nova IXP Vaca e Boi de Galicia críanse nas instalacións de Prodeme, unha entidade de apoio a discapacitados intelectuais ubicada en Monforte de Lemos que completa a súa actividade de atención social coa inserción laboral dos seus usuarios en diversos proxectos, como un cebadeiro de xatos ou unha planta de compost

Como traballan no maior criadeiro de bois de Galicia?

Julio Cortiñas, xerente de Prodeme

Poucas eran até agora en Galicia as explotacións que tiñan a cría de bois como a súa actividade principal. Pero a demanda cada vez maior deste tipo de carne por parte dos mellores restaurantes de todo o mundo, sumado á creación da IXP Vaca e Boi de Galicia, está a impulsar a posta en marcha de iniciativas profesionais neste eido.

Unha delas é a granxa que a asociación de apoio a discapacitados intelectuais Prodeme decidiu crear nas Lamas, en Monforte de Lemos, onde xa contaba con instalacións para a ceba de tenreiros, das que saen anualmente 2.000 xatos para abastecer á cadea de supermercados Eroski.

Agora pretenden abrir unha nova liña de negocio no sector da carne cos bois. “Queremos facernos profesionais da ceba de bois”, sinala Julio Cortiñas, xerente de Prodeme, que defende que “a produción de carne de bois é unha oportunidade que podemos ter en Galicia se facemos as cousas ben e a sabemos aproveitar pero os gandeiros teremos que criar bois non porque sexa bonito ou algo bucólico, senón porque sexa rendible”, di.

bois metade ciclo 2 anos

Bois de dous anos, na metade do seu ciclo de cebado

Fai agora dous anos a asociación levantou unha nave de 5.000 metros cadrados para acoller a uns 200 bois. Cada ano irán apartando uns 50 tenreiros para castrar e cebar como bois. Esa será tamén a cifra que producirán anualmente cando as instalacións estean a pleno funcionamento. De momento contan cun cento de animais, a maior parte deles na metade do seu periodo de cría, que dura catro anos.

“Queremos saír ao mercado en canto poidamos ter unha continuidade cunha produción estable e programada. Con 250 bois que hai hoxe censados na IXP non imos a ningún lado. É mecesario moito máis volume para atender un mercado selecto. De nada serve criar un boi para facer unha festa gastronómica ao ano, temos que ser capaces de subministrar o mercado con continuidade, porque de nada vale crear a demanda no mercado se logo non somos capaces de abastecelo. Se queremos saír fóra co boi galego temos que saír en condicións e se a Administración non é capaz de ilusionar ao gandeiro para que crie bois de nada serve a IXP”, opina.

“Se queremos saír fóra co boi galego necesitamos moito máis volume que o actual para poder abastecer con continuidade a un mercado selecto”

Para o xerente de Prodeme “coa cantidade de bois que hai hoxe dentro de Vaca e Boi de Galicia non imos a ningún lado” e defende que “non serve ter catro bois repartidos por Galicia de xeito testemuñal para darlle prestixio á IXP e centrar logo as vendas na carne de vaca vella”.

No sur de Lugo hai varias empresas adicadas á distribución de carne de vacún galega gourmet, como Gutrei que, ante a escaseza de bois en Galicia vense obrigados a abastecerse no norte de Portugal para poder atender os seus pedidos procedentes de lugares tan afastados como Hong Kong.

Ceba de 2.000 xatos ao ano

Prodeme naceu en 1980 e conta na actualidade en Monforte cunha residencia na que viven 105 persoas con discapacidade procedentes de toda Galicia. Pero a historia gandeira da asociación comezou máis tarde, primeiro como actividade ocupacional e de contacto cos animais para os seus usuarios e máis tarde con finalidade produtiva e de inserción laboral. “Agora buscamos tamén unha rendabilidade económica para poder pagar salarios”, conta Julio.

Até 22 persoas atenden as instalacións. Fan dous turnos, un de 9 da mañá a 1 da tarde e outro de 3 a 7 da tarde. Nas fins de semana túrnanse para atender o gando. “Do que se trata é de sacar proveito das capacidades que ten cada persoa que atendemos e serve para demostrar que as persoas con discapacidade intelectual poden tamén crear riqueza, ao mesmo tempo que axuda á súa autoestima”, explica.

Catro dos traballadores que atenden a granxa. De esquerda a dereita: José Bouza, Manuel Doade, José Martínez e Amancio Díaz

Catro dos traballadores que atenden a granxa. De esquerda a dereita: José Bouza, Manuel Doade, José Martínez e Amancio Díaz.

No ano 92 Prodeme comezaba na gandería cun rabaño de ovellas e desde entón souberon ir adaptándose ás distintas posiblidades de produción e comercialización cunha chea de proxectos, moitos deles novidosos. “Probamos con polos, con coellos e con ovellas, pero onde nos centramos agora é no gando vacún”, indica Julio.

A actividade principal é un cebadeiro de xatos de onde saen entre 2.000 e 2.500 canais ao ano froito dun acordo selado en 2016 coa cadea de supermercados Eroski para ser o seu proveedor oficial de carne co selo de calidade Ternera de Galicia. Para cumprir coas esixencias deste contrato tiveron que facer unha importante ampliación da súa granxa, reconvertindo seis antigos invernadoiros, uns 2.000 metros cadrados, en naves para acoller os tenreiros, que son criados en semiliberdade. “Os xatos chegan aquí con mes ou mes e medio, algúns xa destetados, cuns 85 quilos de peso e saen cara ao matadoiro antes dos 10 meses”, conta o xerente.

Produción de compost e biomasa

Prodeme cría tamén porcos, a grande maioría en extensivo. “Metémolos nas cortes só no inverno, a partir de finais de outubro”, explica Julio. Se a tenreira é comercializada a través da cadea Eroski, coa carne de porco fan venda directa. “Vendemos a particulares e, para evitar intermediarios, contamos con carnicería propia en Monforte e facemos tamén embutidos”, conta. Deste xeito dan saída a uns 300 animais ao ano. Son canais de 14 meses que alcanzan uns 180 quilos/canal.

A asociación soubo diversificar e desde 2014 producen compost a partir do esterco xerado nas súas granxas. A nova liña de negocio naceu case por casualidade. “Un ano non atopamos saída para o esterco que xeramos na explotación, así que tivemos que almacenalo. Estivo un ano amoreado e cando iamos vendelo vimos que xa era compost sen que lle tiveramos que facer nada”, relata. Así que fixeron unha proba con viticultores da Ribeira Sacra e a aceptación foi moi boa.

Visto que se trataba dunha saída ideal para os residuos xerados pola explotación de vacún, decidiron sistematizar o proceso de produción e comercialización de abono orgánico compostado que, unha vez almacenado durante un ano, fresan e venden tanto a granel como en sacos de 20 quilos.

Producen ao ano arredor dun millón de quilos de compost, para o que investiron 600.000 euros no acondicionado dunha nave e na creación dunha explanada de formigón de 8.000 metros cadrados onde se almacena o esterco para a súa fermentación. O proceso non é complexo, serve con apilar o esterco e agardar até que perde o olor e parte do seu peso.

A principal aplicación é o abonado das vides que hai na comarca. A cantidade que producen dá para fertilizar unhas 500.000 cepas. O abonado faise cada dous anos cunha media de dous quilos de compost por cepa aplicados un ano si e outro non para non incrementar en exceso a carga de uvas por cada pé. Aínda que o principal destino do compost que xeran é a viticultura, emprégano tamén para abono das súas fincas, destinadas á produción de forraxe para o gando. Para incrementar a produción de esterco foron substituíndo as parrillas que había nos patios e nas zonas dos comedeiros dos animais por cama de palla, tanto nas instalacións dos tenreiros como nas dos bois.

O último dos proxectos posto en marcha por Prodeme ten que ver co sector forestal. Mercaron unha parcela de 15.000 metros cadrados no polígono industrial de O Reboredo na que construíron unha nave destinada á produción de leña e de biomasa. Mercan madeira de carballo a distintas empresas da zona e un centro especial de emprego que dá traballo a usuarios e usuarias pertencentes á asociación dedícase a partir a leña e preparala para o seu uso en cociñas e chimeneas. Coas estelas que saen do proceso fan biomasa.

Todas estas iniciativas supoñen na actualidade unha importante fonte de ingresos para a asociación e un xeito de non ter que depender tanto das subvencións públicas para o seu funcionamento e os beneficios que xeran as actividades agrogandeiras da asociación son reinvestidos na súa labor social e asistencial.

“Faltan pautas de tipo técnico para a cría de bois”

racion bois

A nave na que se atopan os bois está a carón do cebadeiro dos xatos, de onde proceden os exemplares seleccionados para continuar o proceso de cría. “Imos apartando dos tenreiros que cebamos os que teñen mellores aptitudes”, conta Julio.

A cría de bois tiña tradicionalmente en Galicia unha finalidade mecánica, para tirar dos carros, non cárnica. Por iso, non existen pautas para a selección e cría destes animais. “Practicamente non hai refrencias técnicas sobre a selección dos exemplares, a súa alimentación ou sobre o seu manexo”, conta.

Isto obrigou a Prodeme a facer probas e ensaios. En base a eses resultados, estanse a decantar na actualidade por tenreiros cruzados. “Os cruces de frisón con limusín ou de frisón con Rubia Galega son os que mellor se adaptan” asegura. “Estamos vendo que son os que mellor funcionan para o engraxamento e para lograr que a graxa sexa de cor amarelo”, explica. “Estamos experimentando, porque ás veces animais da mesma raza con idéntica alimentación uns desenvolven fraxa amarela e outros branca, pero até o momento do sacrificio non se sabe”, lamenta.

“Os cruces de frisón con limusín ou con rubia galega son os que mellor se adaptan, non serven os xatos encuados”

Tamén se decantan por animais cunha configuración corporal que está lonxe dos cánones gandeiros. “O animal que é encuado está totalmente descartado porque ese tipo de xatos non engraxan”, di. Os que seleccionan son animais con menor rendemento cárnico. “Buscamos xatos longos, de moito peito e estreitos na parte traseira porque o que nos interesa é o lombo e que na parte traseira infiltre graxa”, di.

Julio recoñece que “non é doado atopar animais deste tipo porque nos últimos anos apostouse moito por xenética buscando animais encuados que dean moita carne e pouca graxa, porque se buscaba a máxima cantidade de bistés na carnicería”. Para os bois, sen embargo, este tipo de animal non serve.

“Os rubios puros son máis bonitos esteticamente pero non infiltran a graxa e nós non buscamos animais de pasarela senón calidade na carne”, defende. Con todo, explica que “esta non é unha produción estandarizada como podían ser os polos ou os coellos, porque non hai dous bois iguais, cada animal ten a súa propia xenética e alimentados do mesmo xeito un pode producir graxa de cor branca e outro amarela”, indica.

Están experimentando con pasto de sudán para ensilado

Pasto de Sudán nunha das fincas de Prodeme

Pasto de Sudán nunha das fincas de Prodeme

Pasarse á cría de bois require tamén cambios de funcionamento na granxa e de planificación das colleitas. “Estamos adaptando neste momento as instalacións e transformando tamén a produción nas fincas a medida que vai medrando a cabana”, explica o xerente de Prodeme, que dispón dunha nave de 5.000 metros cadrados de nova construción para os bois.

En canto á forraxe, a asociación dispón de 35 hectáreas de terreo nos que até agora producían herba seca e palla para os tenreiros que cebaban. Pero agora están comezando a ensilar herba para os bois. “Temos un terreo moi pobre, é unha zona seca sen regadío onde o millo non se dá”, explica. Por iso o ciclo do millo están comezando a facelo con pasto de Sudán, unha pranta forraxeira orixinaria deste país africano cunha alta resistencia á seca que se usa desde fai décadas en zonas de Cataluña e do Levante.

Este ano plantaron por primeira vez 7 hectáreas de pasto de Sudán, unha planta forraxeira que resiste moi ben a seca e dá bo resultado para o ensilado

En Galicia non é habitual. En Prodeme comezaron a plantalo este ano, logo dunha xornada celebrada na finca experimental que o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo ten no concello da Pobra do Brollón, limítrofe con Monforte.

“Sementamos raigrass en outubro e recollémolo en primavera e botamos entón pasto de sudán en 7 hectáreas este ano por primeira vez. O resultado foi moi satisfactorio, con importantes producións por hectárea e varias cortas”, relata Julio. Cando a granxa de bois estea a pleno rendemento precisarán uns dous millóns de quilos de forraxe para eles cada ano.

Os animais están repartidos en lotes en función da súa idade

Xato dun ano, recén capado

Xato dun ano, recén capado

O proceso para a cría dos bois comeza cando remata o proceso de ceba dos tenreiros. “Aos 10 meses de idade, cando os xatos que cebamos son enviados ao matadoiro, seleccionamos aqueles que nos parece que teñen mellores condicións para ser bois e quedamos con eles. Antes do ano capamos, porque é un proceso que notan moito, así que se algún falla e vemos que lle afecta ao seu desenvolvemento iría para a carnicería”, explica.

O proceso de cría dura catro anos nos que a alimentación consiste en silo, herba seca e fariña de millo, que é o que os engraxa. “A fariña racionámosllela, dámosllela só unha vez ao día para que medren pouco a pouco. A herba seca, en cambio, téñena a libre disposición”, conta.

Mercan directamente en porto os cereais e teñen muiño propio para abaratar custos

O millo que moen para os bois, igual que outro tipo de cereais como a cebada, o trigo ou a soia, coa que elaboran o penso para os xatos, teñen que mercalo. Mercan directamente en porto as materias primas e dispoñen de muiño propio nas súas instalacións para abaratar custos. “Facemos nós o penso na propia granxa”, indica Julio.

Os animais están separados en lotes por idade e dispoñen de patios amplos para moverse. Nin sequera os bois máis grandes, que se achegan ao final do seu proceso de cría, están atados, como era habitual ao xeito tradicional de cría en Galicia. “Unha cousa é ter un boi ou dous como mascota na casa e outra cousa é unha explotación destas dimensións”, afirma Julio. “Fan falta pautas sobre selección, alimentación e manexo. Isto é un negocio novo e nunha actividade empresarial non podes permitirte o luxo de estar probando e dando paus de cego”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información