Como traballan as ganderías de leite en Francia?

Como traballan as ganderías de leite en Francia?

Vacas en pastoreo en Bretaña. Foto: Xan Pouliquen

O enxeñeiro agrónomo e asesor técnico en xestión agrogandeira, Xan Pouliquen, organizou este pasado mes de xullo unha viaxe a Francia para visitar dez ganderías de vacún de leite de Bretaña, a principal rexión produtora do país.

As visitas, nas que participaron 15 persoas, foron tanto a explotacións de vacún en intensivo como en pastoreo, así como sistemas mixtos. En canto á situación do mercado, Xan Pouliquen asegura que “os prezos do leite son semellantes a Galicia, pero, iso si, as calidades son maiores: moitos deles están en 4,20 de graxa e 3,40 ou 3,50 de proteína”.

Como reflexión xeral, a súa conclusión é que “o que están facendo alí moitas granxas é producir menos litros de leite por vaca pero gañar máis e organizarse mellor para que o gandeiro teña que traballar menos”. “E son razoamentos, os de buscar máis rendibilidade e máis comodidade no traballo -subliña- que tamén podemos aplicar en Galicia”.

Xa como aspectos concretos, e á espera de redactar as conclusións finais, Xan Pouliquen salienta que “vimos unha teima de tentar reducir os custos de produción a base de recursos propios: ser o máis autónomo posibles na alimentación, e para iso hai ganderías que están indo a animais de producións de 7 ou 8.000 litros e con cantidades de non máis de 700 kilos de penso por vaca e ano”.

En canto ás razas, asegura que “hai de todo: xente con Frisona máis adaptada a pastoreo, e logo tamén gandeiros con razas como Normanda ou Montbélier”.

Asemade, salienta que “aínda que hai unha mesma lexislación europea, vemos distintas interpretacións, pois en Francia a Administración pon menos trabas burocráticas e controis aos gandeiros, en temas concretos como as salas de muxir ou as leiterías”. Por último, Xan Pouliquen destaca da viaxe “as novas técnicas de pastoreo, un robot de muxido con pastoreo ou os novos autocargadores de herba verde”.

Galería fotográfica da viaxe organizada a ganderías francesas por Xestión Agrogandeira e Natureza:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información