Como tería sido un desenvolvemento rural protagonizado por mulleres?

Artigo de opinión de José Luis Cortiñas

Sempre se falou da muller no rural como a viga nai na que se sustentaba a unidade familiar, polo seu traballo na explotación e na casa, polo sustento culinario e de administración do dispoñible, e por outras cargas como o chamado coidado dos membros da casa. Non pretendo enmendar estas análises, senón preguntarme como tería sido a evolución das nosas explotacións se as mulleres tivesen mais peso nas decisións, sobre todo no referente ós investimentos e modelos produtivos.

Gustaríame lanzar uns interrogantes e logo dar opinión. Teriamos a mesma mecanización, en cantidade e calidade, nas explotacións?, Chegariamos a ter mais gando do que se dá mantido?,Asumiriamos os mesmos riscos financieiros?,Serían máis horizontais as nosas estruturas?. Eu, persoalmente, estou convencido de que a evolución en todos eses eidos e noutros tería sido diferente se o papel da muller tamén o fose.

Recordo na década dos noventa granxas xa cun forte investimento en tractores e apeiros (labores daquelas moi masculinas ) e os equipos de muxido (labor daquela maiormente feminina) raramente pasaban dos cubos. Como anécdota, os asistentes ás charlas de mellora do muxido eran homes. Entendo que a mecanizacion foi dirixida polo home.

Decisións
Lendo a expertos e coñecendo de primeira man a situación, por convivir coas mulleres do rural, teño a impresión de que as decisións da muller no modelo e deseño da explotación actual foron escasas. Teño unha idea da mentalidade da muller rural galega como pouco dada a ter todos os ovos na mesma cesta, contraria á deriva das granxas cara ó volume e ó leite como única vía de ingreso. Tampouco creo que as altas cargas financieiras que hai nalgunhas granxas sexan decisión feminina.

Parece razoable pensar tamén que se as mulleres tivesen máis protagonismo nas estruturas sectoriais (organizacións agrarias, cooperativas e asociacions profesionais), xenerarian seccións para satisfacer as necesidades da xente que vive no territorio, asi como das súas culturas.

Futuro
Deixando o que puido ser, neste tempo que nos toca de grandes e rápidos cambios que van condicionar o futuro das estruturas produtivas e de boa parte do territorio, desexo que os camiños que se collan sexan froito de decisións en igualdade.

*José Luis Cortiñas

José Luis Cortiñas é asesor gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información