Como ten que ser un establo para producir máis leite?

Alberto Jurado Moreno, responsable de instalacións gandeiras da cooperativa cordobesa COVAP, detalla aspectos básicos a ter en conta á hora tanto de deseñar unha nave nova como para remodelar unha xa existente

Alberto Jurado, durante su participación en las últimas Jornadas Técnicas organizadas por Seragro

Alberto Jurado, durante a súa participación nas últimas Xornadas Técnicas organizadas por Seragro

Hai moitos factores que inciden en que unha gandería produza máis leite ca outra pero existen algúns aspectos clave que teñen que ver co deseño dos establos que poden dar lugar a importantes diferenzas de produción. O enxeñeiro agrónomo Alberto Jurado, responsable de instalacións gandeiras da cooperativa COVAP, detalla algúns principios básicos a ter en conta.

“O obxectivo á hora de deseñar as instalacións é que sexan cómodas para as vacas, para o que é moi importante ter claro que necesita a vaca para estar cómoda e como se comporta. Os responsables de meter as vacas nunha corte somos os humanos, polo que temos que proporcionarlles as comodidades que necesitan, tratando de darlles unhas condicións mellores ás que teñen no seu hábitat natural”, defende.

“O que fagamos deberá estar en consonancia co que necesita a vaca e, se lle proporcionamos comodidade, lograremos maior saúde, produción e lonxevidade, e eses tres elementos en conxunto van dar rendibilidade á explotación, porque non nos serve que teñamos unha altísima produción se as vacas nos duran só unha lactación”, asegura Alberto.

Todo o que fagamos debe estar en consonancia co que necesita a vaca e se lle proporcionamos comodidade lograremos maior saúde, produción e lonxevidade

Para poder atender as necesidades da vaca hai que ter en conta en primeiro lugar como distribúe o seu tempo ao longo do día: descansando (entre 10 e 14 horas), comendo (entre 3 e 5 horas), muxíndose (3 horas), de pé ou camiñando (entre 2 e 3 horas) e bebendo (media hora). “Debemos buscar que estea o menor tempo posible no muxido, poñerllo doado para que vaia comer e que estea deitada descansando o tempo adecuado”, resume.

“Debemos deseñar o establo en función das necesidades da vaca, é dicir, desde o cubículo cara fóra, non partindo das dimensións totais da nave e despois reorganizar os espazos dentro, porque seguramente non se axustará ás medidas e proporcións que necesitamos para os distintos elementos (cubículos, anchura de corredores, comedeiro etc.)”, insiste.

Os deseños deben ser individualizados

orientacion establos

“Os deseños teñen que ser únicos por gandería”, considera Alberto. “É necesario dedicar moito tempo ao deseño previo das instalacións e a pensar que necesitamos realmente antes de empezar a construír e o deseño debe ser individualizado, porque, por que cando facemos a nosa casa nunca copiamos a do veciño pero nos establos si que o facemos?”, exemplifica.

Por que copiamos o establo do veciño se a localización é distinta, a orientación diferente, as vacas son outras e o gandeiro tamén? O deseño debe ser individualizado

“Non necesitamos ter unhas macroinstalacións”, defende o responsable do deseño de naves gandeiras de COVAP e no caso de remodelacións e melloras en establos xa existentes asegura que “con pequenos investimentos podemos cambiar o sentido da gandería”.

Que sexa ampliable

Entre os principios básicos do deseño dun establo de nova creación Alberto sitúa unha premisa que ao seu xuízo é fundamental: que sexa ampliable. “Non debemos encerrarnos nós mesmos na parcela, debemos prever e ter en conta ampliacións futuras, aínda que a curto prazo non esteamos a pensar nelas”, defende.

É necesario deixar prevista a nave para futuras ampliacións ou para adaptacións a tecnoloxías máis modernas

“Hai moitos factores que van determinar se un establo vai ser ampliable ou non no futuro; a forma, a localización na parcela, as dimensións da finca, etc”, enumera, e todos estes son aspectos a considerar á hora de realizar un investimento, recomenda.

As instalacións son algo vivo e para poder facer cambios os elementos deben ser móbiles; canto menos cemento quede dentro da nave mellor

É necesario pensar tamén, non só en ampliacións, senón tamén en posibles modernizacións futuras das instalacións. “As instalacións son algo vivo e debemos colocar os elementos para que se poidan mover. Por iso canto menos cemento mellor”, sentenza.

Eficiencia laboral

sala paralela vs sala rotativa

Debido ás dificultades para atopar man de obra, a eficiencia laboral debe ser outro dos criterios a ter en conta á hora de deseñar unhas novas instalacións. “Debemos buscar que coa menor cantidade de traballadores posible podamos garantir o máximo confort e comodidade ás nosas vacas. Para iso, hai que tentar que a maior parte das tarefas estean mecanizadas, polo menos as máis rutineiras”, asegura.

Son máis difícil de organizar as quendas nunha granxa media que nunha granxa grande

“Debemos buscar a eficiencia produtiva e iso lógrase mediante a eficiencia laboral. Temos que lograr que os traballos poidan facerse da maneira máis rápida e sinxela posible e que interactuemos o menos posible coas vacas, para que elas poidan desenvolver da maneira máis natural posible o seu comportamento innato”, propón.

Sistema de muxido

pride of cows rotatoria muxido

O sistema de muxido marca como organizar globalmente unha gandería e condiciona o tamaño dos lotes e a estrutura interna da nave. “O punto de partida á hora tanto de deseñar un establo novo como á hora de remodelar unhas instalacións xa existentes é o sistema de muxido”, afirma, xa que deseño do establo será diferente con sala de muxido que poñendo robots.

“O muxido é o corazón ou o cerebro da granxa e ter en conta o sistema de muxido é fundamental para establecer o tamaño dos lotes da granxa, as dimensións das naves e o tamaño global do establo”, indica.

O muxido é o corazón ou o cerebro da granxa e todo o deseño do establo debe facerse en función diso

En caso de optar polo sistema de sala, o obxectivo sería muxir o máis rápido posible para que a vaca estea polo menos 20 ou 21 horas na zona de cubículos e comedeiro. “Se lle facemos pasar moito tempo no muxido a vaca dispoñerá de menos tempo para o resto de funcións que ten que realizar, como comer ou descansar, que se verán limitadas”, evidencia.

Para minimizar os tempos de muxido é fundamental dimensionar os lotes segundo a capacidade da sala, así como o número de muxidos diarios a realizar, e deseñar os fluxos de animais cara ao muxido, tratando de reducir os tempos mortos e as distancias de desprazamento.

As vacas deben estar na zona de alimentación e repouso polo menos 20 horas ao día, polo que os tempos de muxido totais non deberían superar as 3 horas

“Se facemos 2 muxidos debemos procurar que a vaca non pase máis de 1 hora ou hora e cuarto desde que sae da zona de alimentación e descanso ata que volve, e se estamos a 3 muxidos buscaremos que non pasen máis de 45 minutos en cada muxido”, detalla.

Colocar os robots no centro da nave

En caso de optar polos sistemas de muxido robotizado, Alberto é partidario de colocar os robots no centro da nave, a poder ser separando aos animais en dous lotes: xovencas primeirizas e vacas adultas, pero situando os robots un á beira do outro, “de modo que se un día temos un problema nun robot poidamos muxir no outro”.

“Na nosa zona o muxido automatizado non é tan frecuente como en Galicia; non temos máis de 20 robots instalados nestes momentos. Pero segundo a miña experiencia co robot, as vacas tentan competir polos cubículos que están máis preto do robot, que sempre están máis manchados e máis baleiros porque teñen máis uso, porque as vacas son reticentes a percorrer máis de 55-60 metros para ir muxirse. Por iso eu recomendo non facer naves moi longas cos robots na cabeceira”, insiste.

As vacas son reticentes a percorrer máis de 60 metros para ir muxirse ao robot, por iso en naves moi longas compiten polos cubículos que están máis preto del

Por iso, di, “cando as naves son de máis de 100 metros, a vaca non quere andar e todo o tempo que pasa andando ou buscando o robot é tempo que non está a comer e descansar. Por iso temos que poñerllo fácil para que non teña que pensar”, conclúe.

Para aumentar o fluxo de vacas cara ao robot, outro factor clave é o espazo que hai ao redor da unidade de muxido, asegura. “Non é o mesmo que teñamos corredores de 5, de 6 ou de 7 metros na zona do robot que permitan cruzarse ás vacas ou que teñamos corredores estreitos onde se produce un maior rexeitamento á hora de ir muxirse e onde se acentúan os problemas de competencia e os comportamentos de vacas dominantes”, explica.

Comedeiros cómodos

Zona para vacas secas no novo establo

Outro elemento clave do establo, cun peso determinante na produción dos animais, é a zona de alimentación. “Os comedeiros deben ser cómodos e estar deseñados para que as vacas coman moitísima materia seca no tempo adecuado, nin moi rápido nin de forma moi lenta”, matiza.

As vacas acoden ao comedero entre 9 e 14 veces ao día e pasan en total entre 3 e 8 horas comendo. Esta variabilidade débese a distintos factores, algúns ambientais, como o estrés por calor, e outros intrínsecos ao propio animal (número de lactación, días en leite, estado produtivo).

“As xovencas, aínda que inxeren menos cantidade de materia seca, invisten máis tempo que as vacas adultas en comer, porque comen bocados máis pequenos; os animais que pariron de forma recente estarán máis tempo comendo e menos deitadas, polo que estes períodos de descanso, que serán máis curtos, deben ser máis eficientes para que sexan totalmente aproveitados e para iso o cubículo debe estar perfecto tanto en manexo como en dimensións e, por último, as vacas secas tardan máis tempo en comer, incluso unha hora e media máis, debido a que a ración é menos apetecible”, engade Alberto.

Cando os corredores de alimentación estean nos laterais das naves deberemos garantir que a comida non se molla nin se reseca co sol

Os comedeiros poden estar colocados nos extremos ou no centro das naves. “Ambas solucións, ao meu xuízo, funcionan perfectamente. O único que temos que ter claro é que cando os comedeiros están na parte exterior as zonas de descanso ou de cubículos teñen sombra e están máis protexidas da choiva ao quedar no centro, pero debemos garantir tamén que non entre o sol ou a choiva aos comedeiros, polo que teremos que investir 5 ou 6 metros máis de nave para que a comida non se humedeza coa choiva ou non se reseque os días de sol”, advirte.

Independentemente do tipo de comedeiro (cornadiza con trabantes, barra superior corrida ou comedeiro flexible), débese garantir un espazo mínimo entre vacas en lactación de 70-75 centímetros. “No caso de vacas secas e lotes de preparto, nós sempre traballamos tamén con 75 centímetros, ou mesmo máis, e en postparto, nas ganderías onde fan esa diferenciación, tentamos garantir tamén eses 75 centímetros por animal”, indica.

Deben garantirse 75 cm de comedeiro por cabeza e a comida debe estar a unha altura de entre 10 e 15 centímetros con respecto ao chan onde pisa a vaca

A diferenza de altura entre onde pisa a vaca e o comedeiro onde se lle bota a comida debe ser duns 10-15 centímetros e a anchura do muro debe ser inferior a 20 cm, recomenda. “En canto á pendente, nós actualmente traballamos con desniveis do 0,5%, xa que viamos que a vaca cando se posicionaba na zona para comer viraba a pezuña, con consecuencias sobre a saúde podal”, explica.

O arrimador, o “empregado” máis rendible

Pero ademais de respectar estas dimensións e medidas, a clave a xuízo do enxeñeiro agrónomo de COVAP está en arrimar a comida con frecuencia. “Se non arrimamos a comida non facemos nada, por máis que teñamos un comedeiro perfecto e unha ración marabillosa. O arrimador é o empregado máis rendible que hai na granxa. É imprescindible cando hai sobrepoboación, en granxas con robot ou con tres filas de cubículos. Fai unha función nocturna e a medio día que é moi importante porque fai que as vacas coman máis ao longo de todo o día e iso, ademais de xerar menor competencia, ten beneficios metabólicos, xa que sen arrimador hai máis inestabilidade no rumen, porque non sempre está cheo”, aclara.

Sen arrimador hai máis inestabilidade no rumen, porque non sempre está cheo

Cada sistema de comedeiro ten as súas peculiaridades: “O sistema de tubo superior permite maior dominancia, polo que se debe aumentar a superficie dispoñible por vaca a 80 cm, porque moitas veces estas vacas dominantes colócanse en diagonal. Ademais se a barra superior non está ben colocada á altura adecuada non permite subir a cabeza ás vacas para tragar e tiran máis comida nos pasillos”, advirte.

“Os comedeiros flexibles permiten ás vacas mostrar o seu comportamento natural á hora para comer, levantando libremente a cabeza, pero nunca podemos contabilizar cada oco como unha praza, senón que dous ocos equivalen a 70 centímetros e, de feito, se nos fixamos, moitas veces cando están a comer neste tipo de comedeiros entre vaca e vaca normalmente queda un oco libre”, describe Alberto.

En canto ás clásicas cornadizas con trabantes, é un sistema que facilita o manexo do gando para a aplicación de tratamentos veterinarios, inseminacións ou revisións reprodutivas, xa que os outros sistemas obrigan a levar ás vacas a mangas de manexo ou a áreas de separación, instaladas en ocasións á saída da sala de muxido.

Camas e zona de descanso

ganderia Cuinha SC (Lugo) benestar animal cama carbonato e serrin

O estado das camas e os cubículos marca en boa medida o nivel produtivo dunha gandería de leite. “As vacas teñen que estar deitadas o tempo adecuado, entre 10 e 14 horas, nin de máis nin de menos. Se nos saímos tanto en exceso como en defecto é un síntoma de problemas na granxa”, afirma.

Ese tempo sería a suma dunha serie de períodos de descanso que fai a vaca ao longo do día, cun número de ciclos que vai de 9 a 13 e un tempo de descanso en cada ciclo de entre 1 hora e 1 hora e vinte minutos. Para lograr este obxectivo, “os cubículos deben estar perfectos, para que o tempo de descanso das vacas sexa de calidade, porque cando hai algún factor distorsionador o período que pasa deitada a vaca diminúe de maneira importante”, matiza Alberto.

O indicativo ideal do nivel de benestar dunha granxa é o tempo que as vacas pasan deitadas

Algúns factores que inflúen no tempo que as vacas pasan deitadas son os días en leite (cantos máis días en leite máis tempo deitadas) e o número de lactación (canto máis vellas máis tempo pasan deitadas), pero sobre todo a saúde do ubre (cando hai inflamación por mamite, por exemplo, os tempos que están deitadas redúcense) e a saúde podal (as coxeiras incrementan os períodos que as vacas están tombadas). “Un síntoma de que hai coxeiras nun establo é que a media de tempo de descanso das vacas adoita ser dunhas 15 horas”, detalla.

Colocación dos cubículos

Un sistema frecuente de colocación de cubículos é situalos cara con cara, co corredor de alimentación por diante e os bebedoiros no corredor traseiro ou nos pasillos de cruce. “Os corredores de cruzamento son a clave neste sistema e temos que tentar que teñan polo menos un mínimo de 3 metros de ancho, sobre todo se instalamos un robot de muxido, para que non se atasque por completo o fluxo dos animais”, alerta.

Nos corredores de cruzamento traballamos normalmente con anchuras de 3 metros e medio

O sistema cu con cu, cun corredor polo medio, pola contra, permite traballar con todo tipo de tráfico en robot, tanto tráfico libre como guiado ou híbrido. “Implantámolo ademais sobre todo con rotativas porque cando as vacas están a saír, e saen sobre a 40 ou 50 vacas cada 10 minutos, quedan no corredor de alimentación e, pechando os pasillos de cruce, iso permítenos encher ou arar os cubículos sen que as vacas nos molesten polo medio”, conta.

Nos sistemas de cubículos cara con cara recomendamos 5 metros de ancho para o corredor dianteiro e 4 ou 4,5 metros para o traseiro

“Os sistemas de tres filas de cubículos teñen o inconvinte de que temos un 30% menos de prazas de comedeiro pero canto máis anchura deamos aos corredores menos sensación de superpoboación teremos. É un sistema que non utilizamos nunca con rotativas porque as vacas que quedan atrás son sempre as vacas postparto e as xovencas. En canto aos corredores de cruzamento, deberán ter entre 5 e 7 metros de anchura para poder colocar neles os bebedoiros”, explica.

Dimensións dos cubículos

OS LOUREIROS SL (Vimianzo) nave nova cama cubiculos

“Para dimensionar correctamente os cubículos da nosa granxa temos que coñecer cales son as proporcións dos nosos animais”, recomenda o responsable de instalacións da cooperativa cordobesa COVAP e coñecer como se deita e como se levanta unha vaca.

“Nós dámoslle moita importancia á parte dianteira dos cubículos porque o momento no que máis peso do corpo apoia a vaca é sobre os xeonllos e necesita un espazo de balanceo adecuado cara a adiante tanto para deitarse como para levantarse, adiantando, por exemplo, a man para poder levantarse mellor”, explica.

“En canto á anchura, adoitamos traballar entre 1,22 e 1,35 metros, en función de se é un lote de xovencas ou de vacas adultas. Se mesturamos tentamos sempre tomar como referencia aos animais máis grandes, aínda que poidan manchar algo máis o resto, pero buscamos a comodidade do 70% dos animais”, propón.

Nunca se debe amontoar material de encamado diante dos cubículos, porque impide o balanceo e o movemento natural da vaca para deitarse e levantarse

En sistemas cabeza con cabeza, a plataforma que ocupan os dous cubículos debe ter entre 5,5 e 6,30 metros para facilitar o espazo de balanceo e reducir o estrés por calor en días de altas temperaturas mediante unha maior separación dos animais. “Ademais, se están cara con cara e están moi preto una da outra as vacas tratan de ladearse no cubículo para non estar coa cara enfronte da outra”, engade. O espazo se a fila de cubículos se atopa cara á parede deberá de ser de 70 centímetros, de forma que a medida total da plataforma será de 3 metros.

O obxectivo é que as vacas estean deitadas comodamente e co rabo dentro; que as vacas estean rumiando cando están deitadas é un síntoma de que están cómodas

En canto a elementos como a barra de castigo, “se está moi atrás non manchan os cubículos, pero non entran comodamente”, indica, e en relación á barra de peito que se coloca no chan, “nunca pode pasar por enriba do chanzo do cubículo máis de 10 cm debe ser dun material brando para que a vaca non se faga dano se apoia un xeonllo nela”, di Alberto.

Un bo encamado evita todos os problemas podais e facilita a recuperación postparto

Para garantir un bo descanso aos animais é fundamental que a cama está branda, seca e limpa, cun espesor suficiente. Os bordillos deben ter un espesor de entre 18 e 20 cm. “É moi importante que a vaca ao entrar ao cubículo sinta que está brando para que a incentive a deitarse. O encamado elimina todos os problemas podais e fai que as vacas se recuperen mellor tralo parto”, xustifica.

A vaca demanda uns 25-30 centímetros de espesor de cama, aínda que para reducir o gasto en material de recheo algunhas ganderías utilizan cubículos de colchoneta de goma por baixo con material de recheo por enriba. “Non é o óptimo pero se por enriba da colchoneta conta cunha capa de entre 10 ou 12 cm pode funcionar”, recoñece.

Estés por calor

Cow Cool

Na zona onde Alberto desenvolve o seu traballo, existe un “problemón” para a produción de leite con determinados factores ambientais que desencadean estrés por calor nas vacas. Nas ganderías lácteas, considera, é imprescindible contar cun sistema de medición do THI (relación entre temperatura e humidade ambiental) para determinar en que momento acender os ventiladores, que recomenda facer funcionar a partir dun índice THI de 65.

Aínda que nós non teñamos estrés por calor non quere dicir que as vacas non o teñan, por iso é importante ter unha centraliña que mida o THI no noso establo

“Aínda que nós non teñamos estrés por calor non quere dicir que as vacas non o teñan”, xustifica. E advirte: “inflúe moito a humidade, polo que aquí en Galicia as vacas poden empezar a ter estrés por calor con 20 graos centígrados de temperatura, mentres na nosa zona en Córdoba ata os 26-27 graos nunca saltan os ventiladores”.

Tamén inflúe se a nave está colocada no alto ou nun val, porque ademais da humidade e a temperatura, a velocidade do vento e a radiación solar son dous factores determinantes no estrés por calor. “Hai que evitar que as vacas estean ao sol e tamén as zonas moi luminosas, por iso é importante a orientación das naves e a pendente dos tellados. A orientación debe escollerse en función do sol, para que incida o menos posible en zonas sensibles, como cubículos ou comedeiro, e en función dos ventos dominantes, para que entren polos laterais da nave, non polos frontais, porque desa forma estaremos ventilando só as cabezas do establo. Nós decantámonos por unha orientación este-oeste e por pendentes na cuberta de entre o 20 e o 30% en función da anchura que teña a nave”, defende.

O que debe marcar a orientación da nave son os ventos dominantes para que incidan sobre os laterais da nave

Para reducir o estrés por calor dos animais e mellorar o seu confort térmico, Alberto recomenda o uso de aspersores combinados con ventiladores. “Se queremos arrefriar ás vacas temos que meterlles auga. Temos que empapalas, duchalas ben, non simplemente humedecelas”, insiste.

Nas súas ganadeíras, COVAP utiliza boquillas de 360 graos na sala de espera colocadas a 3 metros de altura. “A sala de espera é o lugar onde mellor podemos refrixerar ás vacas porque sabemos que é onde as podemos concentrar. Para arrefrialas utilizamos ciclos alternos de aspersores e ventiladores. É moi importante a ventilación nas salas de espera, para que unha vez molladas se sequen rapidamente”, explica.

A sala de espera é o lugar da granxa onde mellor podemos refrixerar ás vacas

Cando os aspersores se colocan na liña dos comedeiros, non poden estar a máis de 1,80-1,90 metros de altura. “O que nos atopamos normalmente é que están situados a 2,20. Temos que incidir en que deben mollar a parte dianteira da vaca, polo que se poñemos moi altas as boquillas a auga vaise para atrás, cara ao cu da vaca e non cumpre coa súa función de mollar á vaca na súa parte dianteira”, indica Alberto.

Para saber se os ventiladores funcionan adecuadamente hai que fixarse se hai moscas nos cubículos das vacas porque cunha velocidade de aire nesa zona de máis de 1,5 metros por segundo as moscas desaparecen

“A desculpa dos montadores para poñer a liña de aspersores tan alta é que as vacas cómena, pero a solución é poñer as boquillas adecuadas, que sexan duras e teñan un corte de auga rápido, e non levantalas, porque estaremos a desperdiciar a auga e posiblemente mollando a zona de cubículos”, insiste.

Na zona de descanso débense colocar ventiladores, que poden ser de teito ou verticais. “Para saber se están ben colocados e funcionan adecuadamente non hai máis que fixarse se hai moscas na zona dos cubículos. As moscas aparecen canto a nivel da vaca a velocidade do aire é inferior a 1,5 metros por segundo, polo que buscamos que a circulación de aire a un metro de altura estea entre 1,5 e 2 metros por segundo”, detalla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información