Como serán os tractores do futuro?

Marcos Vázquez, presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, detalla algúns dos avances que se están producindo no sector da maquinaria agrícola por parte das distintas marcas, así como os cambios no combustible empregado

Concepto de tractor-esclavo de Massey Ferguson

Concepto de tractor-escravo de Massey Ferguson

Hoxe en día sería impensable a agricultura e a produción de alimentos sen tractores, pero o forte encarecemento dos combustibles fósiles producido nos últimos meses puxo en dúbida o actual modelo de maquinaria agrícola.

A procura de novas fontes de enerxía e os avances en automatización marcarán o futuro da tecnoloxía agrícola nos próximos anos. Os tractores agrícolas intelixentes gañan terreo e as máquinas autónomas serán unha realidade en moitos sectores, entre eles o da produción de alimentos.

A procura de novas fontes de enerxía e os avances en automatización marcarán o futuro da tecnoloxía agrícola nos vindeiros anos

Un recente webinar organizado polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas debullou algunhas das apostas que están a facer as principais marcas e os prototipos de deseños futuros de tractor.

Motor de hidróxeno

Motor Cummins de hidrógeno

Motor Cummins de hidróxeno

Os distintos fabricantes están a tratar de atopar alternativas á planta motriz actual do tractor agrícola, monopolizada polo motor de combustión interna con ciclo Diesel, pero no futuro “o máis probable é que convivan varios tipos”, afirma Marcos Vázquez, presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo e impulsor do Museo Vivo Integrado do Campo e a Locomoción Agrícola (Muvicla), situado na casa de labranza familiar en Trasliste (Láncara).

No futuro o máis probable é que existan varios kits de motorización adaptados a cada rexión do planeta

“O motor de hidróxeno pode ser unha excelente solución, aínda que terán que convivir varios kits de motorización, adaptados a cada rexión do planeta”, explica, xa que “hai varias formas de producir hidróxeno: mediante a hidrólise da auga, que consome electricidade; transformando o vapor do gas natural; e a transformación anaeróbica da biomasa, algo que resulta moi atractivo, porque a biomasa pódese producir nas propias granxas”, indica.

Producir hidróxeno mediante a fermentación anaeróbica de biomasa é unha técnica moi tentadora porque podería producirse nas propias granxas

“Producir hidróxeno mediante a fermentación anaeróbica de biomasa é unha técnica moi tentadora porque podería desenvolverse tecnoloxía para que a partir dos residuos que se xeran nas propias granxas se puidese producir o nitróxeno necesario para mover as propias máquinas que hai nas casa”, asegura.

O inconvinte do hidróxeno é que non existe ningún tipo de loxística de distribución nin sistemas avanzados de almacenaxe para poder usalo como facemos hoxe co diesel

Non é ciencia ficción, aclara Marcos, “temos xa neste momento un sistema de New Holland que emprega este combustible, aínda que non é sinxelo, porque require unha dimensión importante da gandería para poder autoabastecer a maquinaria, é dicir, non é posible obter de 50 vacas o nitróxeno suficiente a partir da fosa de xurro para isto”, aclara.

Motor eléctrico

Tractor eléctrico Farmtrac FT22, comercializado en España por COMECA, un tractor eléctrico  funcional de fabricación india de 22 caballos con 4 horas de autonomía

Tractor eléctrico Farmtrac FT22, con 22 cabalos e 4 horas de autonomía, de fabricación india e comercializado en España por COMECA

Outra alternativa sería o motor eléctrico e, de feito, xa se comercializa na actualidade algún modelo de tractor eléctrico. Por exemplo, o fabricante alemán ZF, especializado en caixas de cambio, desenvolveu xa un motor eléctrico do que están entregadas xa bastantes unidades. Outras marcas, como Fendt, no seu modelo E100 Vario, tamén aposta pola tecnoloxía eléctrica, neste caso nun tractor eléctrico de 100 cabalos.

O fabricante alemán ZF xa comercializa motores eléctricos para tractores

“O problema é que as baterías están construídas con elementos finitos da natureza, como é o litio, e pensando en tractores grandes, de máis de 200 cabalos necesitaríanse baterías de 800 voltios, que serían custosas e de gran tamaño”, explica Marcos.

Necesitaríanse baterías de 800 voltios, que serían custosas e moi pesadas, para mover tractores de máis de 200 cabalos

Ademais, para lograr a potencia necesaria habería que asociar moitas celas en serie, coa dificultade que iso conleva á hora do funcionamento, “porque en caso de fallo nunha parte quedaría sen servizo a totalidade do sistema”, indica.

A parte positiva dos tractores eléctricos sería, pola contra, que as baterías poderían despois recargarse nas propias granxas, mediante a instalación de sistemas de enerxías renovables (paneis fotovoltaicos ou minixeradores eólicos).

Motorización híbrida

Tractor híbrido Antonio Carraro HRX

Tractor híbrido Antonio Carraro HRX

O tractor híbrido Antonio Carraro HRX Hybrid, presentado en Bolonia en 2021 e a piques de ser comercializado, é capaz de recuperar a enerxía xerada por algúns dos apeiros, mediante recuperadores tanto nos eixos das rodas como na toma de forza para almacenar despois esa enerxía en baterías coas que facer funcionar algúns elementos eléctricos como o ventilador de refrixeración do motor ou o sistema de climatización da cabina.

Os tractores John Deere da serie Sesam 7.000 E están provistos dunha toma trifásica para realizar operacións en campo de soldadura ou corte cunha serra radial

John Deere no seu momento, hai algúns anos, usou tamén motorización híbrida nos seus tractores da serie Sesam 7.000 E, aínda que actualmente non segue con este sistema. “Hai tractores deses funcionando actualmente, con certo nivel de hibridación, aínda que a empresa non está a apostar agora polos motores híbridos e está a investir moito máis en automatización”, explica Marcos.

“O inconvinte máis grande da motorización híbrida é que levas na propia máquina dous mundos: o da combustión interna e o da electricidade, o que supón maior custo de matenimiento e reparación”, considera.

Motor endotérmico convertido

New Holland Methane Power

New Holland Methane Power

Trataríase de xerar combustibles sintéticos tolerantes co medio ambiente para poder seguir usando os motores actuais tanto de ciclo Otto como de ciclo Diesel. “É unha tecnoloxía que está en desenvolvemento e parece que Porsche Motors xa ten resultados interesantes, porque quere que os seus clientes de automóbiles, que posúen máquinas desta marca desde hai anos, poidan seguir utilizándoas con combustibles de futuro”, detalla.

Outra posibilidade sería transformar o motor endotérmico actual a outros combustibles, como o bioetanol ou o hidróxeno, seguindo o exemplo que fixo na súa época Eduardo Barreiros transformando motores de gasolina a gasóleo.

“O que deu máis mostras de atrevemento e saíu ao mercado con tractores movidos con combustibles alternativos é New Holland. Os tractores da súa gama Methane Power están impulsados con metano (na parte dianteira levan un depósito auxiliar de metano para ter maior autonomía) e en Bolonia teñen unha granxa experimental que demostra que cos residuos xerados na propia granxa pódese fornecer a todas as máquinas utilizadas na propia granxa”, conta Marcos.  

O tractor autónomo

Concepto de tractor-apero de John Deere

Concepto de tractor-apeiro de John Deere

“O tractor autónomo, non é ciencia ficción, é xa unha realidade palpable, polo que se falamos dos tractores do presente e do futuro temos que falar de automatización”, asegura Marcos Vázquez.

Existen xa distintos modelos avanzados de tractores autónomos, como o concepto de tractor-apeiro de John Deere, presentado en Agritechnica 2019, onde o apeiro únese directamente a unha cabeza tractora sen cabina, funcionando o conxunto de forma autónoma.

O tractor autónomo, non é ciencia ficción, está completamente desenvolvido e é xa unha realidade palpable

Outra idea neste camiño sería o concepto de tractor-escravo de Massey Ferguson, de maneira que un só maquinista manexa diversas unidades tractoras a través dun sistema de cámaras e sensores no posto de mando da unidade principal.

“Sempre que houbo automatización, en calquera sector da economía, houbo unha mellora de rendemento pero ao mesmo tempo unha perda de postos de traballo. É dicir, a máis automatización, mellor economía pero menor emprego”, argumenta.

“As máquinas autónomas deseñámolas o humanos pero en certos aspectos, como é a xeración de emprego, xoga na nosa contra e é difícil atopar o punto de equilibrio”, asegura.

A fenda tecnolóxica na agricultura

Segundo estudos da Oficina de Estatísticas Laborais norteamericana, de cada 10 postos de traballo actuais 6 poderían ser automatizados. Segundo este informe, en Alemaña a destrución de emprego no sector agrícola como consecuencia da automatización sería do 6%.

En Alemaña a destrución de emprego no sector agrícola como consecuencia da automatización sería do 6%

Pero o desenvolvemento da mecanización agrícola non se produciu por igual en todo o mundo e a fenda tecnolóxica é unha realidade evidente tamén no sector da agricultura.

“No mundo aínda queda moitísima tracción animal. O 52% da tracción na agricultura nos países en desenvolvemento (479 millóns de hectáreas agrícolas) aínda é tracción animal, fronte a só o 7% nos países desenvolvidos (644 millóns de hectáreas agrícolas).

Toma de datos: a quen pertencen?

Os tractores intelixentes actuais son caixas cheas de sensores que están constantemente palpando o territorio (cultivos, colleitas, etc). “Pero, de quen son eses datos, do agricultor ou das multinacionais fabricantes de maquinaria agrícola?”, pregúntase Marcos. Ante esta problemática, a Cámara de Representantes de EEUU acaba de lexislar para que os propios agricultores que compran os tractores sexan os propietarios dos datos fronte ás casas fabricantes.

O tractor intelixente e as colleitadoras intelixentes están constantemente tomando datos do territorio

A tecnoloxía move xa tanto diñeiro como a mecánica. Os ingresos de John Deere alcanzaron en 2021 os 44.000 millóns de dólares, máis que nunca na súa historia, grazas á automatización e robotización que está a propoñer para o campo e a mesma estratexia está a ser seguida polo resto dos principais fabricantes mundiais.

Custo enerxético de fabricación

Desde o punto de vista da sustentabilidade e do consumo de recursos, “é unha barbaridade o que custa, en termos enerxéticos, construír unha máquina pesada”, afirma Marcos. Tomando como base os datos dun estudo elaborado pola Sociedade Española de Historia Agraria, un tractor moderno actual de entre 100 e 120 cabalos, dunhas 4 toneladas de peso, require de 660.000 megajulios de enerxía para a súa construción e tería que traballar 400 horas ao ano durante 8 anos para consumir esa cantidade equivalente de enerxía en combustible.

A media anual de traballo dun tractor nunha explotación en Galicia é de 300 horas, 1.000 en caso de empresas de servizos

Por tanto, argumenta Marcos, “é moi probable que moitos dos tractores que están no despezamento non consumiran a enerxía que custou a súa construción”, polo que avoga por aproveitar a vida útil dos tractores coas reformas necesarias para poñer ao día as súas medidas de seguridade. “Os tractores, adaptándoos ás medidas de seguridade e anticontaminación actuais, son máquinas robustas que poden servir durante moitos anos”, conclúe.

“Grazas á mecanización, hoxe cada agricultor pode alimentar a 155 persoas, cando antes só podía dar de comer a 5”

Marcos, junto a uno de los tractores de la colección existente en el Muvicla

Marcos, xunto a un dos tractores da colección existente no Muvicla

No seu relatorio, Marcos Vázquez fixo tamén un repaso retrospectivo polo que supuxo a mecanización na historia da agricultura e a produción de alimentos. “Cando hai século e medio o traballo humano e o traballo animal eran os que primaban, un labrego alimentaba a entre 5 e 10 persoas da súa contorna dependendo da súa habilidade e do punto do planeta no que se atopase; o nacemento do tractor moderno fixo que un agricultor pasase a alimentar a 50 persoas, chegando hoxe a 155”, explicou o responsable do Muvicla.

Ao seu xuízo, dous son os fitos fundamentais da mecanización agrícola: o invento do arado de aceiro por parte de John Deere en 1837 e o invento do terceiro punto de enganche por parte de Ferguson en 1933.

O arado de aceiro de John Deere e o enganche a tres puntos de Harry Ferguson son os dous grandes inventos que deron lugar ao nacemento do tractor moderno

“John Deere era ferreiro e descubriu o arado autolimpiable, polo feito de que a vertedeira fose de aceiro no canto de ferro, o que fixo que non se pegase a terra e con iso practicamente conseguiu duplicar a capacidade de traballo dun animal e, consecuentemente, aumentar a produción de alimentos de forma significativa”, indicou.

Para Marcos Vázquez o seguinte gran salto produciuse case un século despois, cando o mecánico irlandés Harry Ferguson inventa o enganche a tres puntos, que serviu para reducir a perigosidade da máquina e para democratizar o tractor. “Era un pequeno tractor que ademais era asequible economicamente. Ata entón o tractor estaba reservado a Gobernos ou a persoas moi adiñeiradas”, explicou.

A democratización do tractor prodúcese a partir de 1933, antes estaba reservado só a Gobernos e persoas adiñeiradas

Grazas a ese avance, a capacidade de producir alimentos aumentou exponencialmente. “Entramos nunha nova dinámica, na que un agricultor, coa axuda dun pequeno tractor, xa podía alimentar ata 50 persoas”, precisou. Na actualidade esa cifra incrementouse ata as 155 persoas de media por agricultor no mundo.

Dos tractores aos automóbiles de luxo

O Muvicla atesoura unha importante colección de tractores de distintas épocas e Marcos quixo lembrar que “as marcas máis glamurosas de automóbiles actuais, como Porsche, Lamborghini, Aston Martin ou Alfa Romeo naceron a partir de fabricar tractores e do diñeiro que os agricultores investiron en compralos”.

As marcas máis glamurosos de automóbiles, como Porsche, Lamborghini, Aston Martin ou Alfa Romeo, naceron de fabricar tractores

“Porsche naceu fabricando tractores e, de feito, entre 1950 a 1964 fabricou 125.000 unidades de tractores e só 77.000 de automóbiles”, indicou como anécdota. Lamborghini aínda continúa fabricando hoxe en día tanto automóbiles como tractores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información