Nunha explotación gandeira cada decisión conta, e poucas teñen tanta repercusión como a sementeira das pradeiras. Dela depende gran parte da forraxe co que se alimenta o gando, a estabilidade da ración e, en consecuencia, a rendibilidade da granxa. Cando a sementeira faise ben, a explotación gaña autonomía, redúcese a compra de penso e asegúrase proteína de calidade producida na explotación. Pero cando se descoida, a pradeira convértese nun foco de gastos, baixa produción e máis dependencia de insumos externos.
“Unha pradeira ben implantada non é só un recurso máis: é a base da sustentabilidade da explotación”, explica Laura Vázquez, Técnica de Produción Vexetal de Delagro. “O noso traballo no campo demóstranos que cando se aplican prácticas sinxelas, pero ben planificadas, a diferenza en produción e rendibilidade é enorme”.
Preparar ben o terreo: a base de todo
O primeiro erro que cometen moitas explotacións é non darlle ao solo a importancia que merece. De pouco serve investir en boa semente se o terreo non está ben preparado. En Galicia, un dos problemas máis habituais é a acidez. Se non corrixes o pH a tempo, esquécete de que os trevos se implanten e persistan. E iso non é un detalle menor: sen trevo perdes proteína na dieta do gando.
Unha análise do solo é barata e dáche a información clave: pH, niveis de fósforo, potasio e a necesidade real de encalar. “É un paso que algúns gandeiros aínda pasan por alto, pero é clave”, apunta Laura Vázquez. “Se o solo non está equilibrado, todo o esforzo posterior pérdese. Corrixir o pH un ano antes da sementeira é un seguro de vida para a pradeira”.
Neste sentido, contar con produtos como Blue Land, a calcaria con bacterias desenvolvida por Delagro, supón unha vantaxe. Non só corrixe a acidez do chan, senón que mellora a actividade biolóxica e acelera a recuperación da fertilidade. “Con Blue Land conseguimos unha corrección máis eficaz e un solo vivo, preparado para que a semente exprese todo o seu potencial”, engade Laura Vázquez.
A semente: non todo vale
En demasiadas zonas de Galicia segue sendo habitual recorrer á chamada “semente de casa”, gardada de colleitas anteriores e sen certificar. A primeira ollada pode parecer un aforro, pero na práctica adoita saír moi caro. Esa semente non garante nin pureza, nin xerminación, nin sanidade. A miúdo, ademais de gramíneas, introduces malas herbas ou pragas que comprometen a pradería desde o primeiro día.
“Cando un gandeiro dime que usou semente de casa, sei que probablemente terá que gastar máis despois en corrixir problemas”, explica Laura Vázquez. “Por iso insistimos na importancia de utilizar mesturas certificadas como Grass Go de Delagro. Están deseñadas para asegurar xerminación, persistencia e adaptación ao noso clima. É pagar por tranquilidade e por quilos de forraxe asegurados”.
O calendario manda
Outro aspecto que non se pode deixar ao azar é a data de sementeira. Atrasarse unha soa semana no outono pode supoñer ata un 15% menos de produción total. E se falamos de sementeiras en novembro ou decembro, as perdas poden chegar ao 50%.
Isto ten consecuencias moi claras: menos forraxe na primavera, menos cortes de calidade e máis necesidade de comprar insumos. A clave está en organizarse con tempo: revisar a maquinaria, planificar o abonado e o xurro, e definir que mestura é máis adecuada segundo a data real de sementeira.
“O calendario é un factor decisivo”, subliña Laura Vázquez. “Un erro de poucos días tradúcese en semanas de atraso no aproveitamento. Vémolo cada campaña: quen se adianta e planifican, conseguen máis quilos e mellor calidade de forraxe”.
O xurro: un valioso recurso
Durante anos o xurro viuse máis como un problema que como un aliado. Con todo, ben xestionado é un fertilizante natural de gran valor. Aplicado xusto antes do labor de bancada ou fresado, achega nitróxeno, potasio e materia orgánica, reducindo a necesidade de fertilizantes minerais.
Hoxe existen produtos como Blue Cycle, que melloran o poder fertilizante do xurro, reducen os cheiros e aumentan a eficacia da súa aplicación. “O xurro é un recurso estratéxico que temos na granxa”, comenta Laura Vázquez. “Con tecnoloxías como Blue Cycle conseguimos que non só sexa máis fácil de aplicar, senón que realmente achegue máis valor á pradeira. Nun contexto de fertilizantes caros, esta é unha oportunidade que non se pode deixar pasar”.
Erros que custan produción
Na práctica do día a día, hai erros que se repiten e que acaban saíndo moi caros. Sementar en seco ou demasiado profundo é un deles. Outro, non calibrar ben a sementadora ou non dar un pase de rolo tras a sementeira. Tamén é frecuente ver como a maquinaria pesada compacta o chan, limitando o desenvolvemento radicular da pradeira desde o inicio.
E quizá o fallo máis común: non vixiar a pradeira o primeiros vinte días. É nese momento cando se detectan problemas de xerminación, ataques de aves ou fungos. Non actuar rápido nesas primeiras semanas significa perder densidade, homoxeneidade e, en definitiva, quilos de forraxe.

Pradeira an primeiro corte. Fotgo: Agraria Comarcal de Ordes
“No noso traballo de campo comprobamos que moitos dos fracasos veñen de descoidos básicos”, comenta Laura Vázquez. “Son detalles que se poden corrixir cun pouco de planificación e seguimento, pero se se pasan por alto, pérdese moito diñeiro en produción”.
Delagro, un aliado no campo
Cada explotación é diferente, e cada parcela ten as súas particularidades. Por iso, contar cun socio de confianza é fundamental. En Delagro poñemos ao dispor das gandeiros ferramentas e produtos pensados para maximizar o rendemento das pradeiras.
As mesturas Grass Go son un exemplo claro: deseñadas para achegar persistencia, calidade e adaptación a distintos usos, xa sexa corte, pastoreo ou aproveitamento mixto. A isto súmase unha ampla gama de fertilizantes e emendas que permiten axustar o abonado ás necesidades reais de cada solo.
Ademais, a ferramenta dixital Ferplan axuda a planificar sementeiras, abonados e producións, achegando seguridade e anticipación ás decisións. “Con Ferplan os gandeiros poden simular diferentes escenarios e adiantarse aos problemas”, sinala Laura Vázquez. “É como ter un mapa que che guía na xestión da pradería”.
Detrás de todo iso está o asesoramento técnico próximo, con profesionais que coñecen a realidade do campo galego e acompañan ao gandeiro en cada paso. “O noso compromiso é estar no campo, á beira do socio, axudando a que cada decisión some produtividade e sustentabilidade”, conclúe Laura Vázquez.
Sementar con cabeza para cultivar con tranquilidade
Ao final, investir en praderías é investir na estabilidade da explotación. Unha pradería ben implantada achega máis leite, máis carne e máis marxe económica. Reduce a dependencia de insumos externos, fortalece a sustentabilidade e permite mirar ao futuro con maior tranquilidade.
Sementar con cabeza significa preparar o solo, elixir semente certificada, axustar o calendario, aproveitar o xurro e evitar erros que restan produción. Significa tamén apoiarse nun socio como Delagro, que achega sementes, fertilizantes, tecnoloxía e asesoramento.
Porque unha pradería non é só herba: é o piar da alimentación do gando e da rendibilidade da granxa. E cando se fai ben, os resultados nótanse no peto e na tranquilidade do día a día.

Pradera en segundo corte. Foto: Agraria Comarcal de Ordes
Galego










Control OJD