¿Como seleccionar nas vides os mellores sarmentos para enxertar?

Estamos na época de inicio da poda, cando se aproveita para seleccionar os sarmentos cos que, a partir de febreiro, comezaremos a realizar as enxertas en viñedo. Francisco Rego Martínez, técnico xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e con máis de 40 anos de experiencia no sector, ofrece uns consellos para seleccionar os sarmentos máis apropiados

Publicidade
¿Como seleccionar nas vides os mellores sarmentos para enxertar?

Sarmentos ben curados case que ata a punta. Foto: Paco Rego

Cando é preciso conservar sarmentos un tempo para executar despois algún tipo de enxertía compre ter en conta algunhas consideracións.

A primeira é escoller os sarmentos mellor curados, con xemas de desenvolvemento normal para a caste de que se trate. De ser posible, procedentes de plantas equilibradas, ben provistas de reservas. Dependendo de zonas e campañas, poden aparecer máis ou menos porcentaxe de sarmentos coas puntas sen curar (balaízas), que deberán ser eliminadas.

A segunda é que os sarmentos portadores de oídio, excoriose e outras doenzas en principio non deben ser aproveitados. Só en casos excepcionais, para salvar da extinción castes ou clons de grande valor, aínda sabendo que a porcentaxe de éxito vai ser pequena. O oídio e a excoriose poden estragar as xemas e multiplicar varas afectadas por excoriose significa difundir a doenza e, non sendo coa devandita xustificación de evitar unha perda, xamais se debería facer.

Sarmentos atacados polo oídio

Relativo ao oídio, pode haber dúas situacións ben diferentes: Unha, a de plantacións en abandono, coas vides afectadas de cheo por esta peste e por tanto con case que todas as xemas tocadas, inhábiles para a enxertía. Outra, a de viñas que foron ben tratadas na campaña, pero que por un descoido ou por calquera circunstancia de excepción sofreron un ataque tardío de oídio. Se este foi posterior á maduración das xemas latentes, é posible que a afectación destas sexa escasa ou nula. Con isto non estou a recomendar que se deban multiplicar vides con presenza de oídio, simplesmente que cando as xemas están ben, o risco de fracaso será pequeno. Por tanto, en función do valor que teña para nós o material, pagará a pena correr o risco ou non.

Botrite e selección de sarmentos para enxertar

Como a excoriose, a botryte pode provocar que os sarmentos estean de cor abrancazada, neste caso combinada de manchiñas escuras alongadas (non puntos negros), e ás veces de algún ton violáceo. Cando ataca ás puntas mal agostadas, chega a provocar un “esfiañado” característico na epiderme. Por multiplicar unha vara afectada de botryte non se vai diseminar esta enfermidade, porque xa está multipresente nas nosas viñas, á espera das condicións propicias para o ataque. O único que pode pasar é que se unha puga está moi afectada, as posibilidades de que prenda van ser menores.

Ás veces tamén podemos atopar algúns sarmentos tintados de negro pola fumaxina (fungo que é frecuente ver tamén en laranxeiras e limoeiros). O fungo en si non fai mal ningún, como non sexa impedir a fotosíntese cando suxa as follas ou outros órganos verdes. Aliméntase das excrecións azucaradas das cochinillas, que nalgunhas comarcas coñecen como melosa. Os seus ataques, cando son masivos, debilitan moito as videiras. Normalmente no inverno acubíllanse entre a casca da madeira vella, pero se a estación ven suave, algunhas poden ficar nos sarmentos. Hai especies de cochinillas que poden trasmitir virus. No caso de que interese multiplicar vides que foran atacadas, será bon que esteamos certos de que non efectuamos propagacións indesexadas.

 “Se os sarmentos son das nosas viñas, e témolas coidadas, non imos ter sorpresas desagradables”

O mildeu non se garda na madeira dun ano para o outro. En anos de fortes ataques como o 2016, se afecta a vides tenras que despois logran reporse, provoca a aparición de necroses cuxo dano é o físico que se ve, non afectando á propagación da enfermidade.

Como recomendación para unha mellor conservación da madeira é conveniente aplicar en post-vendima unha ou dúas mans de funxicida, especialmente se a campaña foi ruín.

En xeral, se o material que imos gardar procede das nosas viñas, que ano tras ano viñemos controlando, tendo coidado de marcar e tomar as medidas que procedan coas plantas sospeitosas, é difícil que teñamos sorpresas desagradables.

Cal é a mellor parte dos sarmentos para enxertar?

É común escoitar que para a enxertía só serve a parte intermedia dos sarmentos, debendo desbotárense as bases e as puntas. Isto é unha verdade relativa. En videiras ubicadas en viñas ben ventiladas e solleiras, das que se veñen recollendo regularmente colleitas moderadas, o normal é que estean en bon equilibrio, cun vigor contido. En consecuencia, os sarmentos (agás que non se tivesen aplicado ao longo da campaña os tratamentos necesarios ou que o ano fose extremadamente mao) estarán ben curados e serán aproveitables nunha boa porcentaxe da súa lonxitude.

Cara ás puntas, a sección dos sarmentos vai diminuíndo. Ademais e segundo se avanza xeralmente van tendo -aínda que isto varía cos anos- menos madeira en relación ao sámago (médula). Isto apréciase dando cortes sucesivos coas tesoiras de poda.

Por tanto, aínda que nestes tramos do final os sarmentos estean completamente agostados e coas xemas ben desenvolvidas, o normal é que teñan menos reservas acumuladas en comparanza cos tramos medios. Isto non implica que non se poidan labrar pugas ou escudetes con eles; o que pasa é que se as condicións climatéricas das semanas de post-enxertía xurdiren adversas, van ter menos capacidade de resistir en relación aos mellor dotados de reservas.

Sarmentos ben curados case que ata a punta

Enxertías en maio e xuño

Precisamente, as seccións máis finas, que polo xeral son menos aproveitadas para realizar o enxerto de cuña, son interesantes para utilizar máis adiante, en enxertías de maio-xuño como a leñoso-herbácea, sempre e cando a conservación ata esa altura teña sido impecable.

Nesas datas que rodean ao equinoccio de verán as temperaturas son máis elevadas e os días os máis longos do ano. O portaenxerto está en plena actividade vexetativa. Nesas condicións -e sempre e cando haxa humidade bastante na terra, natural ou engadida coa rega-, a formación do calo e a posterior consolidación da unión van ser rápidas. Por isto mesmo, os enxertos procedentes de madeiras con menos reservas teñen mellor oportunidade de ir adiante con bo tempo que no inverno.

 “Os enxertos de madeiras con menos reservas saen mellor adiante en maio e xuño que no inverno”

As netas que se desenvolveron máis no cedo, e por tanto teñen a madeira curada e as xemas ben desenvolvidas, son aproveitables para a enxertía. O que rematamos de citar para as madeiras finas élles aplicable a estas netas.

Nas videiras que presentan un exceso de vizo non é rara a emisión de sarmentos grosos de máis en relación ao que sería normal segundo a caste de que se trate. Son as coñecidas en moitas das nosas zonas vitícolas como “vides machorras”. É habitual que nos seus primeiros tramos as xemas sexan pequerrechas, atrofiadas e mal insertadas, inapropiadas para a enxertía.

Sen embargo, nas plantacións ben equilibridadas non ten por que acontecer isto, e as xemas dos primeiros nós poden estar perfectamente desenvolvidas, con boa viabilidade para a enxertía. O problema está en que na base dos sarmentos os entrenós son curtos. Este detalle complica ou fai imposible o aproveitamento das xemas alí situadas, segundo para que métodos de enxertar as necesitemos. O práctico é comezar un chisquiño máis adiante no sarmento, na medida en que os entrenós van tendo lonxitude suficiente como para manipular máis comodamente.

No seguinte artigo trataremos sobre a conservación dos sarmentos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información