As frondosas caducifolias son un dos capítulos pendentes do monte galego, pois en Galicia propietarios e industrias están enfocados no eucalipto e nas coníferas, malia que un terzo do monte galego é de frondosas caducifolias (carballos, rebolos, bidueiros, castiñeiros, etc.). Co obxectivo de coñecer como se traballan as frondosas noutros países europeos, a Axencia Galega da Industria Forestal desenvolveu recentemente un congreso sobre frondosas en Lugo. Analizamos a continuación o caso francés, que expuxo no evento Veronique Vela, do Ministerio de Agricultura galo.
Francia preséntase como un pais moi castigado polo cambio climático e todo tipo de pragas, onde a mortalidade das árbores aumentou ata o 80% entre o 2005 e o 2021, cunha baixada bruta da produción biolóxica do 4%. É un panorama que preocupa de cara ó futuro, se ben polo de agora a actividade de corta e industrial mantense consistente, cun crecemento do 9% no periodo 2015-2021 en comparación co periodo 2009-2015.
As cortas de madeira en Francia sitúanse no entorno dos 51 millóns de metros cúbicos, correspondendo o 45% a frondosas e o 55% a coníferas. Nos aserradoiros, sen embargo, só un 15% dos produtos aserrados correspóndense a frondosas, principalmente carballo, faia e álamo.
Os obxectivos do goberno francés céntranse no apoio á industria da transformación, coas seguintes liñas estratéxicas:
- Sistemas de construción en madeira. Estanse apoiando proxectos de innovación das industrias para impulsar un consumo adicional de frondosas, en proxectos como, por exemplo, o dun parqué de carballo reutilizable ou unha liña de paneis de álamo para interiores. Quérese valorizar o carballo, a faia e o álamo na construción.
- Biomasa de calor para a industria da madeira. O 75% dos aserradoiros de frondosas xa teñen secadeiros, pero nos de coníferas a porcentaxe é menor. Cómpre ademais facer a transición de sistemas de combustibles fósiles a sistemas de biomasa.
- Innovación en produtos en madeira, no contexto da bioeconomía. Ata o 2030, quérese aumentar entre un 25 e un 50% o consumo de madeira na construción. En paralelo, quérese optimizar o uso do recurso, introducindo no sector da embalaxe novas especies forestais e calidades secundarias.