Como se xestiona a auga nos sistemas de rega tradicionais galegos?

O historiador Sergio Pereira e o arquitecto Daniel Vázquez poñen o foco nas infraestruturas e no uso e control que durante anos se fixo da auga de regadío. Coñecemos máis desta iniciativa

Como se xestiona a auga nos sistemas de rega tradicionais galegos?

Os regos, as canles, os caneiros ou as presas son algúns dos elementos máis habituais nos sistemas de rega tradicionais en Galicia. // Foto: Daniel Vázquez.

A xestión e o uso da auga de rega foi unha peza clave para a paisaxe galega tradicional. Aínda hoxe os sistemas de rega que se conservan, algúns dos cales seguen a empregarse, dan conta dunha particular paisaxe da auga. Nela repararon o historiador pontevedrés Sergio Pereira e o arquitecto ourensán Daniel Vázquez, ambos afincados en Vigo. “Nun traballo de campo que estabamos a facer xuntos, decatámonos da cantidade de infraestrutura hidráulica que había no territorio”, recorda Sergio Pereira.

Iniciaron un achegamento tanto ás infraestruturas tradicionais de rega como á xestión e uso que aínda se fai delas nalgúns territorios

Ese foi o xermolo dun traballo no que iniciaron un achegamento polo miúdo tanto ás infraestruturas de rega como á xestión colectiva e ás formas tradicionais do uso que se fai delas. A súa iniciativa céntrase no concello de Redondela (Pontevedra), xa que é unha paisaxe que coñecen ben ó ser Sergio natural destas terras. “Pensamos en que esta primeira aproximación se faga en Redondela, posto que xa tiñamos traballado na área metropolitana de Vigo, pero tamén se podería estudar noutras zonas de Galicia, xa que en boa parte da provincia de Pontevedra, así coma no sur da provincia da Coruña ou nas zonas máis orientais de Ourense estes sistemas de rega estiveron vixentes”, detalla o historiador.

Canle-de-rega-tradicional-Foto-Daniel-Vazquez-

Os autores xa comezaron a recompilar información sobre algúns destes sistemas de rega que aínda se empregan na zona. // Foto: Daniel Vázquez.

O valor dos sistemas de rega tradicionais

Neste achegamento inicial que Sergio e Daniel fan dos sistemas de rega tradicionais deixan constancia do valor que teñen as infraestruturas e a xestión conxunta que delas se fai. Destaca así o valor histórico e patrimonial destes sistemas que xa se empregaban na Idade Media e dos que na Idade Moderna se dá conta dun uso colectivo da auga ata chegar ós nosos días.

“Estes sistemas teñen tamén un gran valor ambiental, dada a biodiversidade existente tanto nas pozas e presas, así como a función que realizan para a drenaxe dos solos e para evitar escorreduras de terra”, concretan. Ademais, a propia utilidade como un motor para fomentar a produtividade das terras agrarias, e o feito de que constitúen un elemento fundamental da paisaxe galega tradicional son outros dos factores que destacan neste traballo.

“Son infraestruturas de pouca entidade, dado que adoitan ser pozas, presas, canles, regos ou caneiros, pero que teñen unha gran importancia aínda en moitos lugares de Galicia”, destaca Pereira.

Interrompidos pola Covid-19

Polo momento, só puideron facer unha proposta inicial do seu traballo, xa que cando contaban comezar a traballar máis polo miúdo, a inicios do 2020, decretouse o estado de alarma pola pandemia do Covid-19 e a actividade quedou postergada.

Aproveitaron ese parón para tentar lograr financiamento e valorar se poden facer o traballo máis alá de Redondela, onde teñen pensado comezar. A súa intención é documentar e aproximarse ás infraestruturas de rega do municipio de man daquelas comunidades ou individuos que aínda están a xestionalas, coma comunidades de montes ou regantes, así como gandeiros ou agricultores. “Contemplamos cartografar unha parroquia para recoller este patrimonio e realizar enquisas etnográficas para coñecer en detalle a xestión que se fai da auga”, apunta Pereira.

Buscan difundir entre a poboación estas infraestruturas de regadío tradicionais para evitar que caían en desuso

Outro dos eixos do proxecto pasa pola posta en valor e a difusión deste patrimonio. “Aínda que se conservan infraestruturas en uso, tamén vimos xa moitas abandonadas ó deixarse de empregar. Apréciase un retroceso destes sistemas, sobre todo co crecemento urbano”, puntualiza o historiador.

A súa proposta inclúe un programa de acercamento dos sistemas de rega tradicionais mediante sesións divulgativas e exposicións. “Pola pouca entidade que teñen as infraestruturas, son descoñecidas para boa parte da poboación e vemos preciso fomentar o seu uso e coñecemento e adaptalas ás novas necesidades produtivas, para evitar que vaian quedando en desuso”, explica.

Presa-agua-rega_-Daniel-Vazquez-

Estas infraestruturas de rega son un elemento máis que define a paisaxe galega tradicional. // Foto: Daniel Vázquez.

Ademais da dimensión física, Pereira incide na importancia de coñecer os sistemas que se empregaron durante anos para o reparto da auga e que en moitos lugares aínda continúan vixentes. “En función do número de parcelas e da cantidade de agua, establecíanse quendas e sistemas de reparto baseados en medir o tempo de rega e a cantidade de auga, en base ós dereitos adquiridos polos propietarios” detalla.

Algunha da documentación e fontes xa consultadas apuntan a que se empregaban métodos como o uso de froitas arrastradas pola corrente para contabilizar o tempo do que cada quen dispoñía para regar. “Agardamos recompilar máis información en detalle en canto nos vaimos reunindo cos usuarios. Buscamos evitar que se perda este patrimonio inmaterial”, valora o historiador.

Posta en marcha dunha cooperativa

O achegamento ós sistemas de rega tradicionais non é o único proxecto no que Pereira e Vázquez están a colaborar. Tamén traballaron na posta en marcha dunha cooperativa centrada en apoiar proxectos de recuperación e posta en valor do patrimonio.

“En NOSO Cooperativa realizamos traballos de intervención no territorio nun sentido amplo: desenvolvendo estratexias e proxectos culturais de carácter innovador  para o desenvolvemento local e a dinamización do territorio. Traballamos fundamentalmente dende tres eixos de acción: A xestión do patrimonio cultural, proxectos audiovisuais para a promoción territorial, e planeamento e territorio”, concreta Pereira.

Xa teñen operativa tamén unha web e redes sociais nas que divulgan o seu proxecto.

Gañadores do Premio Rafael Crecente

A proposta de Sergio e Daniel foi no 2020 a gañadora da terceira edición do Premio Rafael Crecente impulsado polo Laboratorio do Territorio (LaboraTe) e o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago. Este premio, dotado con 2.000 euros, é un primeiro paso para lograr o financiamento para desenvolver a iniciativa máis en profundidade. “Conseguir este premio ábrenos as portas para presentalo noutras entidades e tentar acadar o apoio económico necesario”, explica Pereira.

A proposta gañou o primeiro premio no 2020, o que lle abreu a porta lograr financiamento

Neste certame, creado na memoria do profesor Rafael Crecente Maseda, finado no 2015 e considerado un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia, están a promocionarse aquelas propostas innovadoras para a xestión do territorio. Xunto con este traballo de Pereira e Vázquez, na edición de 2020 seleccionouse co segundo premio a proposta de permacultura na reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo (EcoMariñas) presentada por Sara Rodríguez Sánchez e que logrou unha gratificación de 1.000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información