Como se van regular as excepcións á moratoria do eucalipto?

A flexibilización da moratoria do eucalipto estará sometida a un proceso de autorización previa. Explicamos os supostos

Como se van regular as excepcións á moratoria do eucalipto?

O borrador do texto da Lei de acompañamento dos presupostos de Galicia do 2026, que entrou este luns no Parlamento, inclúe os cambios anunciados na moratoria do eucalipto, tal e como estaba previsto. Detallamos os requisitos das dúas excepcións principais que terá a moratoria do eucalipto.

1) Novas repoboacións que substitúan plantacións existentes de eucalipto noutras ubicacións

Se o titular dunha superficie actual de eucalipto quere traspasar o seu dereito de plantación a outro propietario, este sería o proceso:

  • O propietario da superficie orixinaria chega a un acordo con outro titular para cederlle o dereito á repoboación con eucalipto. É de subliñar que a superficie orixinaria debe cumprir coa actual normativa legal, é dicir, non se poden traspasar dereitos de plantación de superficies ilegais de eucalipto, por exemplo ubicadas en terras agrarias ou en franxas de protección de incendios.
  • Os propietarios deben presentar o acordo de cesión de dereitos ante a Xunta para solicitar a correspondente autorización de traspaso.
  • A autorización outórgase por un prazo de 3 anos. Antes do remate do prazo, o titular da superficie orixinaria deberá ter plantado a súa parcela con coníferas e frondosas.
  • Só unha vez que a parcela orixinaria está reforestada, poderán utilizarse os dereitos de plantación para instalar unha nova superficie de eucaliptos, que como máximo terá un 75% da superficie orixinaria.
  • Establécese unha excepción para plantacións legais ubicadas en Rede Natura. Coa idea de fomentar a retirada de eucaliptos de Rede Natura, na nova repoboación manterase o 100% da superficie a eucaliptos que tiña a parcela orixinaria.

2) Repoboacións en masas afectadas pola banda marrón

As condicións para facer plantacións de eucalipto en piñeirais afectados pola banda marrón son as seguintes:

  • Eliminar totalmente o piñeiral afectado polas bandas.
  • Plantar un 50% da superficie a eucaliptos e outro 50% con coníferas ou frondosas. A plantación de eucaliptos autorízase só cunha quenda de corta.
  • A autorización pode denegarse se non se xustifica a gravidade da afectación da banda marrón. Este aspecto, precisa o texto do Goberno galego, poderá ser “obxecto dun desenvolvemento regulatorio”.

Por último, cómpre sinalar que chama a atención no sector forestal que o texto só se refira á banda marrón, cando en Galicia está tamén extendida a banda vermella nos piñeirais de radiata e, días atrás, o anuncio da Xunta de extensión da moratoria apuntaba a excepcións para os piñeirais afectados por ambas bandas. En concreto, a conselleira do Medio Rural cifrou a superficie afectada en arredor de 30.000 hectáreas.

Fóra destas dúas excepcións, ata o 31 de decembro do 2030, o eucalipto só se poderá plantar en parcelas que tiveran anteriormente eucaliptos en masas puras ou dominantes en masas mixtas. No que respecta ás masas mixtas, para poder plantar eucaliptos, máis do 50% dos pés maiores antes da corta deben ser de eucalipto. Se a porcentaxe fora inferior ó 80%, haberá que pedir autorización previa da Administración forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información