Como se regularán as declaracións e autorizacións de corta?

Medio Rural ultima a publicación dun decreto que concreta a normativa. Aborda as cortas madeireiras e de leñas, así coma unha nova regulación do aproveitamento de pastos, resinas, cortiza e cogumelos no monte

Como se regularán as declaracións e autorizacións de corta?

Procesadora en monte.

As declaracións responsables e autorizacións de corta, que se regularon provisionalmente hai un par de anos por unha orde de Medio Rural, terán unha normativa definitiva co decreto de aproveitamentos madeireiros e outros usos do monte que publicará en breve a Xunta. É unha normativa que, entre outras cuestións, busca simplificar o proceso de autorización, polo que toda solicitude que non sexa contestada en dous meses será considerada aprobada por silencio administrativo, salvo indicación en contra.

O novo decreto regulará tamén os aproveitamentos de pastos, resinas, cortizas e cogumelos, quedando derogado o decreto 50/2014 que abordaba estas cuestións. Analizamos a continuación os puntos clave do borrador da normativa, que se espera que saia publicado en breve.

Aproveitamentos madeireiros e de leñas

  • Prazos. Cando un aproveitamento precise de autorización, o prazo máximo de resolución será de 2 meses. Se nese prazo, o solicitante non recibise comunicación electrónica en contra, entenderase aceptada a súa solicitude por silencio administrativo. Isto permitirá en teoría evitar os retrasos que se están a dar nos últimos anos con determinados permisos sectoriais, como o das cortas con afectacións de Patrimonio Cultural.
  • A persoa que execute o aproveitamento terá un prazo de 12 meses para facelo a partir da data de concesión da autorización.

  • Informes sectoriais. Tramitarase só unha petición de autorización única ante a Xunta e cando sexa preciso un informe sectorial, como o de Patrimonio, Medio rural encargarase da súa solicitude. Se no prazo dun mes non o recibe, entenderáo favorable e proseguirá coa solicitude. En calquera caso, a Xunta tamén se reserva o dereito de agardar por ese informe e suspender o procedemento de solicitude por un máximo de 3 meses, á espera do informe, o que lle tería que ser comunicado ó solicitante.
  • En caso de afectacións con outras administracións, como no caso de cortas afectadas por Confederacións Hidrográficas, de non existir un protocolo de colaboración específico, os procedementos de autorización doutras administracións distintas da autonómica non están integrados no procedemento de autorización única neste decreto, polo que a presentación da solicitude de autorización á Xunta non producirá ningún efecto ante ás outras administracións tutelantes

  • Declaracións responsables. Nos casos en que sexa suficiente unha declaración responsable para proceder á corta, o solicitante debe garantir que esa declaración contén datos veraces de especies e volumes de aproveitamento, non podendo estar infravaloradas á fin de evitar o réxime de autorizacións, nin sobrevalorados cun maior volume, a efectos de obter cobertura en materia de trazabilidade e certificación forestal para madeira allea á corta.
  • De constatar a Administración inexactitude dos datos ou falsidade dos mesmos, en calquera posible control ou inspección, poderá proceder a suspender as cortas.

  • Extracción ou trituración dos restos de corta. A realización de calquera aproveitamento madeireiro implicará a extracción ou trituración da biomasa forestal sobrante da corta.
  • Rexeneración. Salvo causas xustificadas, tras a corta, os propietarios terán un prazo de dous anos para encamiñar a rexeneración natural ou a plantación da parcela. Permitirase a rexeneración da especie ou especies principais que conformaban a masa sempre que se respecten as distancias a vías de comunicación e núcleos de poboación, así coma as franxas de protección reservadas ás frondosas.
  • Supostos en que é precisa unha autorización de corta

    Os montes sen proxecto de ordenación ou que téndoo, queiran executar aproveitamentos non previstos no mesmo, terán que solicitar autorización nos seguintes casos:

    – Cando a parcela teña máis dun 10% de pés maiores de especies frondosas caducifolias. Enténdese por pé maior aquel cun diámetro superior a 7,5 céntimetros. Tamén precisará de autorización a corta de frondosas nas franxas de protección dos núcleos de poboación, onde por Lei só pode haber frondosas caducifolias pero non piñeiros nin eucaliptos.

    – Cando os montes formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por
    algunha lexislación de protección do dominio público.

    – Cando a Consellería declare a existencia dunha praga ou enfermidade forestal e obrigue á presentación de dita solicitude para unha determinada especie.

    – Cando a superficie do aproveitamento madeireiro sexa superior a 1 hectárea para masas de frondosas caducifolias e ás 15 hectáreas para as demais masas. Estes aproveitamentos precisarán dun plan de cortas.

    Supostos en que é suficiente unha declaración responsable de aproveitamentos madeireiros

    Será suficiente coa presentación dunha declaración responsable, polo menos un día antes da corta, cando o monte teña un plan de ordenación aprobado e a corta se axuste a el. No caso dos montes sen plan de ordenación, tamén se poderá presentar só declaración responsable nos seguintes supostos:

    – Cando os montes non estean poboados con especies frondosas caducifolias ou teñan menos dun 10% de pés maiores desas especies (carballos, bidueiros, castiñeiros, rebolos, etc.).

    – Cando os montes non formen parte de espazos suxeitos a un réxime de protección ou estean afectados por lexislacións de dominio público, cuestión que se pode comprobar no visor de xeolocalización posto en marcha pola Administración.

    – Os aproveitamentos para leñas domésticas precisarán tamén só de declaración responsable. Enténdese por uso doméstico unha corta máxima de 10 metros cúbicos por propietario e ano. No caso das comunidades de montes, eses aproveitamentos terán que ser autorizados en asemblea, cun máximo de 150 metros cúbicos por ano en montes veciñais de ata 250 hectáreas e de 300 metros cúbicos en montes de maior superficie.

    – Os aproveitamentos en zonas afectadas por expropiacións, así coma as cortas obrigadas pola normativa de prevención de incendios, sempre respectando as frondosas caducifolias que cumpran con esas distancias. Se se queren cortar as frondosas nas franxas de protección, haberá que solicitar autorización.

    – Cando a Consellería declare unha praga forestal e obrigue á corta de determinadas especies nas áreas afectadas.

    – As cortas de arboredo implícitas nas autorizacións de cambio de uso dun terreo forestal a agrícola.

    Regulación de pastos, resina, cortiza e cogumelos

    O decreto que prepara a Consellería regulará os outros aproveitamentos do monte, máis alá da madeira. Estas son algunhas das cuestións que se establecen no borrador:

    Cortiza
    Só se poderá facer a extracción do 20 de xuño ó 30 de agosto de cada ano, a fin de evitar danos nas árbores. O primeiro descortizamento só se poderá facer en sobreiras cunha circunferencia sobre a casca maior a 60 centímetros á altura do peito. Para o segundo, haberá que esperar polo menos 9 anos desde o primeiro.

    Pastos
    Os propietarios que queiran regular permisos e prohibicións deberán comunicalo ó Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo. Nos montes veciñais, acordaranse en asemblea xeral. En todo caso, o aproveitamento dos pastos deberá realizarse de xeito compatible coa conservación do potencial produtivo do monte e coas actuacións de rexeneración de arborado.

    En terreos queimados, con carácter xeral non se poderá pastorear ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos do lume. Pódense regular excepcións se se acredita que hai ganderías na zona sen outras alternativas, pero esas excepcións nunca se farán sobre superficies arboradas nin en parroquias catalogadas como de alta actividade incendiaria.

    Aproveitamento micolóxico

    A recollida para consumo propio de ata 2 quilos de cogumelos por persoa e día será libre, salvo que a persoa titular do monte regule o acoutamento da recollida, o que deberá comunicar á Administración e sinalizar axeitadamente no monte.

    Resina

    O periodo hábil para o resinado será de xaneiro a novembro. As solicitudes de autorización poderán tramitarse desde o 1 de setembro do ano anterior.

    Os aproveitamentos de resinas e cortizas que estean no Plan de Ordenación dun Monte só precisarán dunha declaración responsable, en tanto o resto de aproveitamentos estará suxeito a autorización de Medio Rural.

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información