Como se pode aumentar a sustentabilidade dunha granxa coa alimentación e a mellora xenética?

A mellora da calidade do forraxe, o axuste do nivel de proteína na dieta e o emprego de aditivos alimentarios poden contribuír en reducir as emisións entre un 10% e un 30%. Ademais, a mellora xenética pode axudar aos animais a convivir mellor co cambio climático

Como se pode aumentar a sustentabilidade dunha granxa coa alimentación e a mellora xenética?

A alimentación de calidade e a mellora xenética poden reducir o impacto climático da produción leiteira

A dieta dos animais de vacún de leite é un instrumento axustable capaz de reducir as emisións de metano a través dunha mellor dixestión de forraxes de calidade, con niveis axustados de proteína e fósforo. A elección dos ingredientes axeitados e a regulación do emprego de subprodutos da industria agroalimentaria poden supoñer un avance na redución do impacto medioambiental da produción leiteira. Así o explican os investigadores do Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) David Yáñez y Óscar González, que detallan sus argumentos en un capítulo de la monografía El sector lácteo en España, publicado por Cajamar.

Por outra banda, a mellora xenética ten un papel importante de cara a sustentabilidade. Ao igual que ata o momento se avanzou nos cruzamentos para que os animais teñan maior lonxevidade e deter o deterioro da funcionalidade da vaca polos niveis de produción, cómpre seguir traballando para enfrontarse ao cambio climático, xerando unha maior tolerancia nas granxas ao estrés polo aumento das temperaturas, ou mellorando a eficiencia alimentaria nas razas leiteiras.

Alimentación e sustentabilidade
Unha parte sustancial do impacto ambiental da gandería leiteira está vencellada a diferentes aspectos relacionados coa alimentación dos animais. O punto de encontro entre estes dous fitos está na produción de materias primas para a fabricación de pensos ou cultivo de forraxes, no aproveitamento dixestivo dos alimentos, así como no manexo das dexeccións, e na xestión do pastoreo, segundo detallan David Yáñez e Óscar González, investigadores do CSIC, en ‘Alimentación y mejora genética de vacuno lechero’.

Fonte: 'El sector lácteo en España'

Distintas fontes de emisións de GEI asociadas á alimentación de vacún de leite

Así mesmo, os investigadores do CSIC fan referencia a que “en España pódense considerar dous tipos de explotacións leiteiras de vacún; aquelas nas que o gando está totalmente estabulado cunha alimentación controlada baseada nun 50-60% de forraxes e un 50-40% de concentrados, e unha minoría nas que un 25%, aproximadamente, do total da dieta provén do pastoreo co suplemento de ensilado de herba ou millo e concentrado”. Deste xeito, aínda que “as emisións que ocorren na granxa son xeralmente superiores nos sistemas que inclúen pastoreo, nos estabulados nos que os insumos externos son altos, aumentan proporcionalmente aquelas emisións que proveñen de fóra da explotación”, explican Yáñez e González.

Entón, que estratexias alimenticias existen de cara a mitigación dos GEI?

Factores das emisións na alimentación
En ‘Alimentación y mejora genética de vacuno lechero’ faise fincapé en catro factores principais da dieta deste tipo de gando, nos que tres están encamiñados a reducir as emisións directas: a calidade da ración, a modulación microbiota ruminal mediante aditivos nutricionais e o axuste das necesidades de nitróxeno. Un cuarto factor céntrase na diminución das emisións indirectas, pola incorporación de alimentos cunha pegada de carbono reducida.

  • Deste xeito, a importancia da calidade nutritiva da ración está relacionada directamente coa fermentación entérica. O factor principal que determina a produción do metano no rume é a dixeribilidade da materia; a medida que esta é maior, menor enerxía se perde en forma de metano. Así, o emprego dun silo de herba de calidade excelente supón unha redución da perda de enerxía en forma de metano, que ronda o 3,8%, mentres que un silo de calidade quinta supera o 7% de perda, seguindo os datos publicados por Yáñez e González. Polo tanto, a clave reside no emprego de forraxes con alta dixeribilidade e adecuada fibra que permitan rumiar sen comprometer a saúde da vaca ou o contido da súa produción.
  • Fonte: 'El sector lácteo en España'

    Relación entre dixeribilidade de dieta e enerxía bruta dunha vaca

    En España, o porcentaxe de perda de enerxía bruta en forma de metano oscila entre o 4,69% para as dietas máis dixeribles, ao 7,58% para aquelas de peor calidade

  • En canto á modulación microbiota ruminal, contémplase o emprego de aditivos na dieta. Estes aditivos conteñen extractos de diferente natureza, como flavonoides, taninos ou saponinas, aos que os investigadores do CSIC Yáñez e González se refiren como aditivos fitoxénicos, amosando que “algúns deles amosaron a capacidade de reducir entre un 5% e un 15% a produción de metano no rume”. A pesar destes resultados, salientan que “estas reducións non van acompañadas de melloras na produtividade ou a eficiencia dixestiva animal”.
  • Un último punto importante da alimentación ao que fai alusión en ‘Alimentación y mejora genética de vacuno lechero’ é o axuste das necesidades de nitróxeno a través da regulación de proteína dietética. No estudo ‘Emisiones y huella de carbono en las explotaciones lecheras en Galicia’ observouse que “a variable mellor relacionada coa pegada de carbono dun litro de leite no conxunto de explotacións foi a eficiencia de utilización do nitróxeno da dieta”, interpretan os investigadores do CSIC.

Deste modo, “a redución do aporte de proteína bruta do 17% ao 15% e do aporte de fósforo do 0,44% ao 0,34% non inflúe na inxesta, na fermentación ruminal, ou na produción leiteira, polo que outra das estratexias é reducir os niveis de proteína na dieta para diminuír a excreción de nitróxeno e fósforo”, amplían Yáñez e González. Cómpre engadir, que esta estratexia depende de certos factores como a velocidade á que se degrada o alimento do rume.

Mellora xenética

Unha estratexia de selección de gando ligada ó cambio climático pasa por lograr unha mellor adaptación e eficiencia dos animais nun novo contexto. Ata o de agora, os cruzamentos enfocáranse a conseguir melloras de produción e saúde, pero tamén se puxo de manifesto a necesidade de incluír a sustentabilidade medioambiental entre os obxectivos de selección de vacún leiteiro.

Propoñen introducir novos criterios de selección xenética, como a eficiencia alimentaria ou a tolerancia ó estrés por calor

“Concretamente, un programa de mellora xenética consta dunha serie de etapas que son comúns a todas as especies gandeiras en cada tipo de produción, como é o caso do vacún de leite; seguen certas particularidades, como definir os obxectivos de selección, recoller información sobre os caracteres de interese, avaliar xenéticamente aos animais da poboación, e deseñar os apareamentos para a diseminación de xenes”, resaltan os investigadores Yáñez e González.

Fonte: 'El sector lácteo en España'

Caracteres de selección de vacún leiteiro en diferentes países

Os caracteres de lonxevidade, fertilidade e resistencia a enfermidades son lentos debido ás baixas características hereditarias dos animais. A mellora destes supón un aumento da sustentabilidade de forma indirecta, pero é necesario introducir novos parámetros ante o cambio climático, o cal fai necesario “facer unha selección directa para reducir a pegada de carbono da gandería e mellorar a adaptación da poboación leiteira a unhas temperaturas globais en aumento; para isto hai que introducir caracteres directamente relacionados coa sustentabilidade, entre eles, a eficiencia alimentaria ou a tolerancia ao estrés por calor”, avanzan Yáñez e González.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información