
En Galicia emprégase unha gran cantidade de plástico agrícola para os ensilados. Foto: Delagro S. Coop.
En Galicia utilízanse ao ano unhas 8.000 toneladas de plásticos agrícolas, empregados sobre todo en silos de millo, silos de herba e cultivos de horta. Dar un segundo uso a estes residuos permite cumprir cos mandatos de economía circular da UE e reducir a pegada de carbono das explotacións.
No lugar do Cebreiro, no municipio coruñés do Pino, atópase unha das plantas de reciclaxe de plástico agrícola máis avanzadas de Europa. Tecnoloxía e Reciclaxe de Materiais, S.L. (Tyrma), fundada no ano 2004, forma parte do grupo Polymer Loop, S.L., con plantas en España e Francia e que se converteu nunha das empresas referentes no mercado de reciclaxe de polietileno de baixa densidade, tanto a nivel nacional como internacional.
Tyrma forma parte do grupo de empresas Polymer Loop, con plantas en España e Francia
Ás instalacións do Pino, que están a ampliar a súa capacidade produtiva, chega plástico agrícola de todo o noroeste peninsular, así como de países como Francia e Bélxica. “Até agora reciclabamos entre 10.000 e 11.000 toneladas de plástico agrícola ao ano, pero cambiamos parte da maquinaria e pasaremos a reciclar unhas 14.000 toneladas. A cantidade de plástico que recibimos vai en aumento”, indica Eduardo Añón Rodríguez, que leva tres anos como responsable comercial da planta galega da empresa.
A planta conta cunha capacidade de reciclaxe de 20.000 toneladas de plástico film post-consumo ao ano, cunha produción final de 10.000 toneladas de granza
Tyrma inicia a súa actividade en Galicia no ano 2006, realizando desde entón un investimento total en equipos produtivos de 11 millóns de euros. Con 34.000 m2 de superficie e 4.200 m2 de naves, os emprazamentos industriais dispoñen de capacidade suficiente para futuras ampliacións e incrementos de capacidade produtiva.
A empresa conta cunha planta de tratamento de residuos plásticos, dividida en tres liñas de produción, atendendo á orixe e tipoloxía do residuo plástico a tratar: orixe agrícola, orixe industrial e orixe doméstica.
Plástico procedente de Francia e Bélxica

Balas de plástico agrícola procedente de ganderías de Francia e Bélxica nas instalacións de Tyrma en Touro (A Coruña).
Estímase que en toda Galicia se utilizan máis de 8.000 toneladas de plásticos agrícolas ao ano, das que se reciclan unhas 6.000. “Hai unhas 2.000 toneladas que non sabemos onde van parar e en Asturias pasa algo semellante”, indica.
En Galicia recíclase o 75% do plástico agrícola utilizado
Ademais das 6.000 toneladas procedentes de Galicia e outras 1.800 de Asturias e Cantabria, a planta do Pino recicla tamén plástico agrícola procedente doutros países, como por exemplo de Bélxica e Francia.
Hai moi poucas plantas en Europa onde se recicle plástico agrícola
Tyrma trata tamén nas súas instalacións outro tipo de plásticos, como os procedentes da planta de tratamento de residuos sólidos urbanos de Lousame, que dá servizo aos municipios da comarca do Barbanza. “O resto vén todo do estranxeiro”, indica Eduardo.
Poucas plantas de tratamento
A instalación industrial de Tyrma en Galicia é a única planta de reciclaxe de plástico agrícola do noroeste de España e dá emprego a 50 persoas de forma directa. Funciona os 365 días do ano con tres quendas de 8 horas.
Existen moi poucas instalacións deste tipo en toda Europa. “En poucos lugares se lle realiza ao plástico o tipo de tratamento que nós facemos aquí, nese sentido, somos uns avanzados desde o punto de vista tecnolóxico”, indica Eduardo.
Reciclar plástico agrícola é moi difícil e moi custoso
“Reciclar plástico agrícola é moi difícil e moi custoso e hai moi poucas plantas que sexan capaces de facelo. Hai moitas que o intentaron pero non o conseguiron”, asegura.
Proceso de reciclaxe
Na planta do Pino, o material reciclable chega a dúas naves diferentes, unha para plásticos agrícolas e outra para envases procedentes de Ecoembes. Unha vez tratados, os dous tipos de plástico xúntanse, e desa mestura sae a materia prima final, que leva agora mesmo un 40% de plástico agrícola e un 60% de envases. “É posible que a porcentaxe de plástico agrícola suba este ano e cheguemos a un 50%”, avanza.
O material utilizado para os ensilados é un plástico de boa calidade, polo que dá unha moi boa calidade ao produto final. “O plástico que se usa no norte de España é de moi boa calidade; o que vén de Francia é peor”, matiza Eduardo. A cor non inflúe á hora de reciclar o plástico.
A nosa actividade evita a emisión de 17.500 toneladas de CO2 cada ano
O material procedente das explotacións agropecuarias galegas chega a granel á planta de tratamento. Ao chegar á fábrica, o plástico agrícola é sometido en primeiro lugar a un proceso de triaxe para separar posibles materiais impropios non reciclables.
A continuación é triturado, lavado e secado antes de introducilo na extrusora para fabricar a granza, o nome que recibe o péllet a partir do cal se volve iniciar o proceso de fabricación de materiais.

Produto final do proceso de reciclaxe en Tyrma, co que se elaborarán novos produtos.
Destino final dos péllets
Na planta do Pino Tyrma só fabrica granza negra de polietileno de baixa densidade, cun volume final que rolda as 1.000 toneladas mensuais. En conxunto, sumadas as outras plantas de España e Francia do grupo, a compañía produce por riba de 3.200 toneladas mensuais deste material, o que a converte na empresa de toda Europa que máis produto deste tipo produce.
Tyrma é a empresa de Europa que máis polietileno de baixa densidade fabrica
Os clientes para a granza elaborada a partir de plásticos agrícolas, industriais e domésticos están compostos sobre todo por fabricantes de film ou bolsas de plástico que non estean en contacto con alimentos e fabricantes de tubaxes tamén de uso non alimentario. “Supóñen en torno ao 90% do mercado; pode haber outros usos pero son menores”, explica Eduardo.
Tyrma exporta os seus péllets reciclados a toda Europa e a outros destinos. “Nós vendemos a China en torno a un 5% do que fabricamos. É un mercado competitivo, porque cada vez o reciclaxe vai a máis”, asegura.
Separación e lavado
O principal problema á hora de reciclar o plástico de silo é que veña só plástico. É normal que o plástico veña sucio, con terra, auga ou restos de silo, pero non é normal que chegue con materiais impropios, como sacos de rafia, garrafas ou produtos químicos.
“Un dos maiores custos que supón reciclar o plástico é precisamente o triaxe, é dicir, separalo destes outros materiais impropios. Supón gastos de persoal e de tratamento, porque todo o que non se pode reciclar ten que ir a vertedoiro. E hoxe en día os vertedoiros están carísimos, e cada vez máis”, advirte.
Os maiores custos son os enerxéticos, a man de obra necesaria para o triaxe e o transporte da materia prima desde as explotacións
A empresa está a montar placas solares para reducir os seus custos enerxéticos e dispón dun avanzado sistema de depuración e tratamento da auga empregada no proceso de lavado, o que permite a súa recirculación para o aproveitamento produtivo, reducindo así o consumo de auga no proceso ao traballar exclusivamente con auga reciclada.
Minimizar os rexeitamentos
Do plástico de posconsumo doméstico, procedente do colector amarelo da recollida de residuos sólidos urbanos, hai unha fracción non aproveitable, indica o responsable comercial da planta.
“Temos que aproveitar aínda máis o plástico que xeramos. Hoxe en día o envase fabrícase en termos de márketing e non de sustentabilidade, e a UE aposta por estratexias de innovación que permitan buscar novas utilidades a estes residuos plásticos non reciclables a día de hoxe”, argumenta.

Plásticos de uso doméstico procedentes do contedor marelo, no que máis rexeitamentos hai pola composición dos mesmos
Plastic2Oil: aglomerado a partir de plástico reciclado
Involucrada nese obxectivo de “residuo cero”, Tyrma está inmersa actualmente en iniciativas de I+D que investigan novos usos a partir deses refugallos, liderando un proxecto para o desenvolvemento dun proceso industrial de produción de aglomerado a partir do aproveitamento dos materiais non reciclables. A intención é facer tamén un aceite de pirólise que poida ser utilizado como materia prima na industria petroquímica.
Tyrma busca novas solucións e procesos industriais que lle permitan reducir as súas actuais taxas de refugallo produtivo derivado do proceso de fabricación de granza
Plastic2Oil consiste no desenvolvemento dun proceso industrial novidoso para a produción de aglomerado a partir do aproveitamento do refugallo derivado da reciclaxe de plástico flexible. Deste procedemento tamén se desprenden residuos que, tratados con tecnoloxía pirolítica, derivan na xeración de aceite, un subproduto de alto valor estratéxico a nivel industrial.
O pasado 23 de abril de 2024, por resolución da Axencia Galega de Innovación (GAIN), o proxecto Plastic2Oil obtivo unha puntuación final de 82 puntos, converténdose na idea mellor valorada pola comisión de selección de proxectos. A actuación, financiada con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), durará ata 2026.
O proxecto Plastic2Oil busca producir aglomerado e aceite de pirólise para a industria petroquímica a partir dos nosos residuos de produción
“Cada vez se están ampliando máis as utilidades destes materiais reciclados, porque as normativas cada vez máis así o esixen. Cremos que é un sector no que hai moito futuro”, engade Eduardo. Entre os novos usos para este tipo de plástico reciclado estaría tamén o mobiliario urbano e incluso rodas para vehículos.
“Aquí aos gandeiros non lles custa nada tratar os seus plásticos agrícolas; iso non ocorre en casi ningún país de Europa”
O sistema de recollida e reciclaxe de plástico agrícola en Galicia non ten ningún custo para as explotacións. “O proceso aquí é o seguinte: o gandeiro compra o plástico, utilízao e logo transpórtao aos puntos de acopio a disposición, e é o Concello normalmente o que o recolle e corre con eses gastos”, detalla Eduardo.
“O plástico agrícola é un residuo que xera o gandeiro e que debe ser tratado. Están obrigados a entregar os plásticos de silo a un xestor autorizado, pero aquí non lles custa nada, porque ese custo asúmeno os Concellos. Hai moi poucos que repercuten ese custo ás explotacións, pero en moitos países de Europa as explotacións teñen que pagar por tratar os seus plásticos”, explica.
En Galicia, hoxe en día, ao gandeiro non lle está custando nada o reciclaxe porque quen asume eses custos son os Concellos
“O plástico de ensilar, como calquera outro residuo, hai que tratalo e hai dúas saídas actualmente: ou que vaian a vertedoiros, co custo que iso supón, ou que veñan a unha planta onde poidamos tratalo”, indica.
Os transportistas cóbranlles aos Concellos entre 70 e 90€ por tonelada de plástico recollido debido ao custo de transporte ata TYRMA. Ese plástico é despois tratado na planta de Tyrma a custo cero. “Nós nin pagamos polo plástico nin cobramos por tratalo”, aclara Eduardo.
Os xestores de residuos cóbranlles aos Concellos entre 70 e 90€ por tonelada de plástico recollido
“A outra opción que terían os Concellos sería enviar eses plásticos a vertedoiro, pero entón os gastos duplícanse, porque ademais de pagar polo transporte, como neste caso, terías que pagar os custos de vertedoiro, que se sitúan entre 80 e 150€ a tonelada en función do vertedoiro ao que vaias”, engade.
Por iso, di, “o sistema actual de reciclaxe do plástico agrícola é un proceso no que todos gañamos: o gandeiro porque non paga nada por tratar eses residuos, o Concello porque lle sae máis barato que enviar o plástico ao vertedoiro, e nós porque dispoñemos dun residuo que nos permite traballar e manter postos de traballo no rural.”
Recollida porta a porta ou en puntos de acopio
En Galicia, en función do concello, seguen distintos tipos de recollida de plásticos agrícolas. “A modalidade porta a porta, na que o xestor de residuos vai á explotación, recolle o plástico e tráeo directamente aquí, é o mellor sistema, porque o plástico chega moi limpo e tamén garante que o único que vén é plástico agrícola”, asegura o responsable da planta de O Pino.
A recollida porta a porta é o mellor sistema, pero tamén é o máis custoso
Aínda que se trata do mellor sistema para o reciclaxe de plásticos agrícolas, é o menos habitual, debido a que os seus custos son maiores. “Pode representar arredor do 15% do material recollido”, detalla o responsable de Tyrma.
A maioría do plástico reciclado nas súas instalacións procede de puntos de recollida fixos e, en menor medida, de acopios provisionais, “que tamén funcionan bastante ben pero son poucos”, indica.
O problema cos puntos de recollida, sobre todo nos fixos, é que non están vixiados e a xente bota de todo
No sistema de acopios provisionais, os Concellos dan aviso aos gandeiros (mediante bandos, por exemplo) para que leven os seus plásticos a determinados lugares en datas concretas.
“O problema cos puntos de recollida, sobre todo nos fixos, é que non están vixiados e a xente bota de todo, polo que en ocasións se converten en auténticos vertedoiros”, explica Eduardo. “Esas son cousas que os Concellos teñen que solucionar”, di.
Concienciar ao gandeiro
“O plástico ten que vir en boas condicións”, insiste Eduardo. Tyrma está a valorar distintas medidas. Unha delas podería ser trasladar o custo de envío a vertedoiro dos materiais que non poidan ser tratados. Outra, directamente non recepcionar plástico que non chegue en condicións axeitadas.
No caso de que cheguen outros materiais, a empresa valora trasladar ao transportista o custo de reciclaxe ou depósito en vertedoiro desas fraccións
“Déronse algunhas ocasións, poucas, pero algunhas si, porque nós somos unha empresa recicladora, non un vertedoiro”, argumenta o responsable da planta de O Pino. “A clave está en que os Concellos mentalicen aos gandeiros”, asegura.
Nova taxa á compra de plásticos agrícolas
Nos últimos meses barallouse a posibilidade, por parte dos fabricantes, da creación dun sistema semellante a Ecoembes a nivel europeo para o plástico agrícola, de maneira que se engadiría un sobrecusto en forma de taxa á venda do plástico para que con eses ingresos se xestionase o seu reciclaxe.
A intención de poñer unha taxa de reciclaxe na compra de plástico agrícola está parada polo de agora
Esta iniciativa está parada neste momento e suporía un forte encarecemento do produto. “O custo desa taxa que se pretendía impoñer era moi superior ao custo real do proceso de reciclaxe, xa que se falaba duns 200 € por tonelada cando o custo actual pode roldar os 80€ e non é asumido polos gandeiros”, asegura Eduardo.