Pouco a pouco o sector produtor comeza a adaptarse á nova realidade motivada pola crise sanitaria do coronavirus. As explotacións tratan de manter o ritmo de traballo habitual, aínda que adoptando medidas de carácter preventivo para cumprir no posible as recomendacións das autoridades.
No segundo día logo da entrada en vigor do estado de alarma para o conxunto do territorio español, a maior parte das ganderías galegas está a notar pouco as restricións impostas, pois quedan excluídas como primeiro chanzo do sistema de produción de alimentos.
Con todo, o seu funcionamento diario vese condicionado polas limitacións ao movimento de persoas e as recomendacións de que unicamente se leven a cabo aquelas actividades que sexan imprescindibles.
Aumentar as distancias entre os traballadores
Aínda que non existe nin por parte do Ministerio de Agricultura nin por parte da Consellería do Medio Rural un protocolo que conteña recomendacións específicas a seguir por parte das granxas para evitar o contaxio, son moitas as explotacións que decidiron variar as rutinas de traballo habituais para evitar o contacto entre os traballadores ou ampliar as distancias o máximo posible en lugares como a sala de muxido.
“De momento non nos afectou practicamente nada. De subministros ata o de agora estamos servidos, de todas maneiras as comerciais avisáronnos de que podía haber cambios nos próximos días. Como prevención nós o que facemos é que non traballamos xuntos, nos turnos cada un está só”, explica Francisco Javier, da gandería Casa Devesa, de Monforte.
Como prevención nós o que facemos é que non traballamos xuntos, nos turnos cada un está só (Francisco Javier, gandería Casa Devesa de Monforte)
Gandería Varela, de Castro de Rei, xa funcionaba antes do coronavirus con rutinas de traballo individual, onde cada empregado ten unhas tarefas específicas. “Aquí as distancias entre persoas son grandes e agora acabouse iso de falar un a carón do outro pero polo demais todo normal”, detalla Gabriel.
“De momento nós facemos vida normal pero recomendámoslle aos traballadores o uso de luvas e manter a distancia de seguridade”, conta pola súa banda Román, veterinario responsable de Prolesa SAT, unha das máis grandes da provincia de Lugo, con 10 empregados, onde extremaron as precaucións nas zonas comúns.
A falta de recomendacións específicas claras dirixidas ao sector agrogandeiro e en concreto ao traballo nas explotacións fai que as medidas adoptadas varíen duns casos a outros en función do criterio dos seus propietarios e traballadores. “Aquí o recolledor do leite pon luvas coma sempre, xa o facía antes, e nós non adoptamos ningunha medida especial”, conta pola súa parte Moisés, de SAT As Pandas de Vilalba.
Evitar o contacto co leiteiro
Moitos gandeiros non coinciden habitualmente nos horarios cos recolledores do leite ou cos que subministran o penso, pero unha das medidas xeralizadas está a ser non manter contacto directo con eles.
“Nós intentamos que o ritmo da granxa siga con normalidade, os subministros básicos seguen funcionando e outros temas ou traballos na explotación deixámolos en stand by. Procuramos comunicarnos todo vía telefónica cos camioneiros (penso, leite, etc), non mantemos contacto ningún nin conversa en persoa con eles, todo vía móbil, e xa eles por precaución poñen luvas e mascariña”, explica Marcos, de Lebón SC de Samos.
O que me parece triste é que non valoren o noso traballo, e máis nesta situación (Miguel, SAT O Liñar de Sarria)
“Máis alá de lavar con máis frecuencia as mans e de seguir todos os consellos que recomendan as autoridades sanitarias para o conxunto da poboación intentamos desinfectar e ser máis coidadosos na limpeza da sala de muxido e a leitería. Naturleite enviounos un comunicado dicindo que van aumentar a produción e que están tomando as máximas precaucións posibles para seguir mantendo a cadea de produción e o venres chamei a Progando e dixéronme que ían seguir servindo igual”, explica Miguel, de SAT O Liñar, de Sarria, que engade: “o que me parece triste é que non valoren o noso traballo, e máis nesta situación”.
Os fabricantes de pensos están mantendo a subministración con normalidade, o mesmo que as empresas de abonos, que están servindo o fertilizante nas explotacións e aos distintos clientes sen problema de ningún tipo.
Só servizos imprescindibles
Os servizos de carácter técnico, sen embargo, están a reducir ao mínimo as visitas ás granxas. “Servizos que non son urxentes mandáronnos aviso de que quedaban suspendidos até que todo isto se normalizara”, indica Pablo, de Gandería Xuíz de Bóveda.
As empresas de robots e salas de muxido só atenden avarías e gardas urxentes, pero están suspendendo as visitas que realizan ás explotacións para mantementos ordinarios nas instalacións.
Tamén as empresas que comercializan seme están a facer só as visitas imprescindibles. “O recheo de nitróxeno nos tanques estamolo facendo, pero seme só estamos servindo pedidos”, explica Noel Balsa, de Global Genetics.
O mantemento de sistemas de muxido redúcese unicamente ás avarías e as empresas de seme só rechean nitróxeno e sirven os pedidos
Nutrólogos ou outro tipo de técnicos fan tamén teletraballo. “En vez de ter visitas estamos comentando por teléfono ou outros medios as incidencias cos técnicos habituais”, conta Juanjo, de Gandería Barbeiro, con instalacións nos concellos de Alfoz e Ribadeo. “No noso caso ao ter varias explotacións evitamos sobre todo o contacto entre o persoal das distintas granxas. Eu normalmente visítoas todos os días e desde o sábado só estou na de Alfoz e coas outras falamos ou mandámonos información. Hoxe irei a Ribadeo para facer a revisión de reprodución e nada máis”, indica.
Africor Lugo mantivo onte o control leiteiro coas visitas dos controladores ás explotacións
Hai sen embargo outros servizos que se manteñen polo momento. O luns Africor Lugo, encargada de efectuar o control leiteiro ou o programa de apareamentos en numerosas explotacións, funcionou con normalidade aínda que non se descarta que a situación poida cambiar nos vindeiros días e que haxa que suspender por exemplo as visitas dos controladores ás granxas.
Moitos veterinarios só atenden urxencias
No caso dos veterinarios, aínda que pola súa consideración como persoal de saúde pública, ao igual que os médicos, deben seguir operativos, moitos tamén decidiron establecer restricións e limitarse a atender casos urxentes. “O veterinario que vén por aquí dixo que só sairían a atender as urxencias”, conta Sergio, da gandería A Lagoa Serabel SC de Xermade.
Non hai ningunha recomendación nin por parte de Medio Rural nin por parte dos Colexios Veterinarios sobre que sevizos deben atenderse e cales non, o que impide que haxa un criterio único entre os profesionais.
Non hai unha directriz de Medio Rural ou do Colexio de Veterinarios sobre que casos se deben atender e cales non
“No grupo de veterinarios do que eu formo parte decidimos non ir inseminar, por exemplo. Hai cuestións que poden agardar. Non é urxente facer o control reprodutivo pero si atender cuestións como cesáreas, enfermidades ou hemorraxias. Pero é unha decisión individual de cada quen, polo que o criterio pode ser dispar”, recoñece un veterinario que traballa na zona sur de Lugo, que considera que “no caso de facer visitas que tivesen carácter urxente habería que extremar as medidas de prevención e ir ás explotacións con mascariña, pero non as hai nin hai maneira de conseguilas”, asegura.
No caso das ADS, non se están a facer os sangrados rutinarios ao gando, pero si que se segue actuando nas novas incorporacións de animais ou nos casos de que xurdan casos sospeitosos ou problemas con enfermidades infecciosas.
A subministración de medicamentos está garantida
A subministración de medicamentos veterinarios está garantida polo momento e non se aprecia ningún tipo de desabastecemento nas tendas de fitosanitarios e material veterinario, que permanecen abertas, o mesmo que as farmacias.
Algunhas remitiron aos seus clientes un protocolo a seguir por parte dos gandeiros para cando acudan a elas a retirar algún tipo de produto, como por exemplo, a mensaxe enviada pola cooperativa Aira, que fai fincapé en aspectos como a limitación do aforo, o mantemento das distancias de seguridade ou o uso obrigatorio de luvas tanto para o persoal que atende como para os clientes.
Aira proporciona luvas na entrada das súas tendas de uso obrigatorio tanto para traballadores como para clientes
Limitacións ao movemento nas estradas
“Nós mantemos a distancia entre os empregados e fixémoslles un xustificante aos traballadores para que poidan vir en caso de que os pare a Garda Civil nos controis que están facendo nas estradas”, explica Jose, de SAT Ladeira do Páramo, que agarda que as restricións á mobilidade polas estradas non afecte á circulación de tractores e camións cando comeze a campaña de ensilado da herba.
As empresas de servizos agrícolas están traballando tamén con relativa normalidade e sen impedimentos á circulación á espera de que empecen os traballos de ensilado de herba e posteriormente de sementeira do millo. “Na nosa empresa seguimos traballando, tomamos medidas como non levar a ninguén na cabina dos tractores e das máquinas nin falar cos clientes en persoa, só por teléfono, levar a comida da casa e pouco máis”, conta un empregado da empresa de traballos agrícolas e forestais Marcos Otero.
Fixémoslles un xustificante aos traballadores para que poidan vir en caso de que os pare a Guardia Civil nos controis que están facendo nas estradas (Jose, SAT Ladeira do Páramo)
Os controis nas estradas tamén están a afectar aos tratantes de gando. “Só pode ir unha persoa en cada camión, pero ás veces son necesarias dúas persoas para cargar ou descargar os animais”, indica Enrique Otero, presidente da Asociación Galega de Empresarios Tratantes, que explica que o domingo a el parouno unha patrulla da Garda Civil por este motivo aínda que unha vez explicado que unha persoa soa non podería facerse cargo de mover o gando con seguridade non lles puxeron impedimento algún a continuar.
Con todo, Enrique recomenda aos asociados que sigan no posible as recomendacións das autoridades e “se para certas entregas ou recollidas de gando chega cunha persoa que non vaian dúas”, do mesmo xeito que pide responsabilidade aos condutores cando transporten gando vivo respectando o límite de horas e os descansos, con independencia de que fose decretado un levantamento do tacógrafo no caso de transporte de mercadorías básicas.