Como repartir os cartos dos parques eólicos entre a veciñanza: o caso de Muras

A Serra do Xistral foi un dos primeiros emprazamentos escollidos para instalar aeroxeradores na nosa comunidade e Muras é o concello galego que máis muíños de vento ten, tanto que tocan a máis dun por cada dous veciños. Analizamos co seu alcalde, Manuel Requeijo, a estratexia que seguen para facer á poboación local partícipe dos ingresos eólicos

Na Serra do Xistral os cabalos axudan a manter limpo o monte no que foron instalados os muíños de vento

Na Serra do Xistral os cabalos axudan a manter limpos os montes nos que foron instalados os muíños de vento

Despois de anos medio parada, unha nova febre do ouro (neste caso do vento) percorre Galicia, con múltiples proxectos en marcha para instalar novos aeroxeradores en moitos daqueles montes que aínda non os teñen. Non hai máis que ver o mapa do Rexistro Eólico da Xunta para comprobar como a maioría de serras quedarían inzadas de muíños. Con eles, a dicotomía entre enerxía limpa e impacto ambiental volve xurdir con forza, mais tamén o debate da rendibilidade económica e social da explotación (hai quen di expolio) deses recursos.

En Galicia hai na actualidade máis de 170 parques eólicos, con 3.800 megawatios instalados, o que a converten na cuarta comunidade en potencia eólica e a segunda en xeración de enerxía procedente do vento. Pero nos dous últimos anos presentáronse, segundo expuxo recentemente nun debate na Cadena Ser Paula Uría, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, outros tantos novos proxectos, que se atopan en distintas fases de tramitación (medio cento en exposición pública) e que sumarían en total outros 6.800 megawatios. É dicir, de chegar todos a bo porto, nesta década o número de parques podería duplicarse e a potencia actual instalada multiplicarse por tres, o que representa unha oportunidade de xerar maiores rendas para o rural galego.

Galicia acumulaba no 2010 un total de 3.200 megawatios eólicos, equivalentes a tres centrais nucleares, pero na última década case non se crearon novos parques polo parón no sector eólico na comunidade

Os beneficios que recibe agora o rural da tarta eólica son limitados. Os propietarios perciben de media entre o 1,1 e o 2,4% do total da facturación dos parques, segundo un informe publicado no 2019 polo Observatorio Eólico de Galicia, un organismo constituído a tres bandas entre a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Vigo e a Fundación Isla Couto.

As empresas recollen nos seus contratos distintas modalidades de pago aos donos dos montes onde se instalan os aeroxeradores: unha porcentaxe da produción eléctrica (una media dun 1,5% os primeiros anos e un 4% os seguintes); por superficie ocupada (de 0,03 a 0,61 euros o metro cuadrado anual); ou por potencia instalada (de 2.000 a 3.000 euros por megavatio).

Se se teñen en conta tamén os impostos municipais (IAE, IBI, imposto de construción, etc.) que reciben os Concellos e os ingresos derivados dos parques eólicos municipais, o negocio eólico deixa no rural galego un 5% da facturación dos parques, segundo estimacións do Observatorio Eólico de Galicia.

A empresa pública norueguesa Statkraft pretende entrar en Galicia con tres macroproxectos en Rebordechao, Prada e Barxas, no límite entre León e Ourense e con liñas de evacuación por territorio galego

Alén do debate sobre a contía das rendas que xeran aos propietarios dos terreos onde se instalan os muíños de vento, en moitos casos comunidades de montes, e dos ingresos que van parar para as arcas municipais en forma de impostos, o debate estaría tamén en como socializar eses beneficios económicos entre a poboación local, por teren asimesmo que sufrir os prexuizos e condicionantes que provocan os aeroxeradores.

Medio muíño de vento per cápita

Vista dos parques eólicos na Serra do Xistral, en Muras, desde o alto do Cadramón

Vista dos parques eólicos na Serra do Xistral, en Muras, desde o alto do Cadramón

Con 164 km cadrados, Muras, o concello galego con máis aeroxeradores, é tamén un dos máis despoboados de Galicia. Tocan a máis dun muíño de vento por cada dous veciños. É un dos concellos galegos con máis parques eólicos (20 en total) e contan tamén cun modelo propio a nivel municipal que busca repartir os ingresos dos aeroxeradores entre a veciñanza, facéndoa partícipe das contías económicas que todos os anos deixan nas arcas municipais.

O Concello, cun goberno bipartito desde o ano 2015, adica unha parte dos recursos municipais que xeran os 381 aeroxeradores instalados no termo municipal ao pago da factura da luz ás familias, negocios e explotacións gandeiras. Comezaron hai 5 anos subvencionando a enerxía eléctrica aos fogares como un xeito de minimizar a suba do recibo que comezaban a aplicar as compañías eléctricas, as mesmas que teñen os parques eólicos en lugares coma Muras.

Nos 164 km cadrados do termo municipal viven 680 veciños e hai instalados 381 aeroxeradores

“É unha axuda de 300 a 600 euros anuais, en función do consumo e de criterios de renda, que lles damos ás unidades familiares censadas no municipio para pagar a factura da luz. Serve para paliar o aumento abusivo e inxusto dos prezos da enerxía e para eliminar a pobreza enerxética e pretende que a riqueza que xeran os muiños instalados no concello revirta dun xeito directo sobre as persoas que viven no territorio, todo iso cos cartos que reportan os propios muíños de vento. Este é tamén un incentivo importante para que novas familias se asenten en Muras”, razoa o alcalde, Manuel Requeijo.

O Concello saca unha convocatoria de axudas para o pago da factura da luz de até 600 euros ao ano por unidade de convivencia e 1.500 euros para explotacións agrogandeiras, autónomos e pemes

Nas bases do ano pasado incorporaron unha nova liña de axudas destinada aos autónomos, pequenas empresas ou explotacións agropecuarias radicadas no municipio. A medida tenta paliar os efectos da crise provocada polo coronavirus na actividade produtiva e comercial cunha contía fixa de 1.500€ e servir tamén de incentivo para atraer novas iniciativas e negocios.

25 anos de parques eólicos no Xistral

O Xistral é un dos lugares de Galicia con maior concentración de parques eólicos. Só no concello de Muras hai 20

O Xistral é un dos lugares de Galicia con maior concentración de parques eólicos. Só no concello de Muras hai 20

Os primeiros parques eólicos comezaron a instalarse na Serra do Xistral nos anos noventa. Os partidarios dos muíños de vento argumentan supostos beneficios en materia de creación de riqueza e postos de traballo, pero malia contar cun importante número de aeroxeradores nos seus montes, Muras perdeu no último medio século o 80% da súa poboación, mantendo na actualidade só 680 veciños censados. E iso que no último ano logrou reverter a tendencia das últimas tres décadas, as mesmas que levan os muíños de vento instalados, e gañar por primeira vez habitantes.

O dinamismo económico que xeran a nivel local os parques eólicos é bastante escaso e os postos de traballo creados desaparecen unha vez construídos

“O dinamismo económico que xeran a nivel local os parques eólicos é bastante escaso. Os postos de traballo que hai en Muras vinculados aos aeroxeradores poido contalos cunha man, son 4 ou 5 empregos, e tampouco se crean actividades asociadas á produción eólica. Os postos de traballo que se crean cando se fai a obra civil son empregos momentáneos, o mesmo que pasa coa hospedaxe e as casas de comidas. Agora as empresas de mantemento só pasan por aquí de cando en vez, destrozan as vías municipais pero non deixan riqueza nin son un elemento dinamizador da economía da zona”, asegura o alcalde da localidade.

As empresas eólicas mercaron en propiedade as fincas aos veciños a prezos de entre 30 e 100 pesetas o metro cadrado polo que a día de hoxe non perciben renda algunha pola súa instalación

Os 20 parques que hai en Muras pertencen a distintas empresas. A que máis ten é Acciona, pero tamén os hai propiedade de Endesa, Iberdrola ou Norvento. Os primeiros datan de 1994 e 1995. Manuel tiña daquela 20 anos e lembra perfectamente o acontecido. “Era unha negociación cos veciños totalmente desinformados e coa Administración actuando en connivencia coas empresas, coa ameaza da expropiación sobrevoando nas negociacións. Eu tamén o vivín. A miña familia tiña un pinar dunha hectárea no alto da Gañidoira onde se instalou un daqueles primeiros parques. Pagárase a 100 pesetas o metro cadrado, en total foran uns 7.000 euros”, conta.

Era unha negociación cos veciños totalmente desinformados e coa Administración actuando en connivencia coas empresas

O feito de que se pecharan contratos de compra-venda cos veciños a prezos baixos fixo que as empresas propietarias dos muíños de vento se fixesen cos terreos en propiedade e evitasen ter que seguir pagando na actualidade unha renda anual aos donos das fincas onde se instalaron os aeroxeradores. Por iso, di Manuel, “o revertir na comunidade foi moi pequeno”.

Aeroxeradores en Rede Natura

O movemento ecoloxista concentrouse nos últimos meses en contra do parque eólico do Monte Oribio, entre Samos e Triacastela, igual que nos anos 90 o fixera no Xistral

O movemento ecoloxista concentrouse nos últimos meses en contra do parque eólico do Monte Oribio, entre Samos e Triacastela, paralizado polo TSXG, igual que nos anos 90 o fixera sen éxito no Xistral

Unha terceira parte do territorio do termo municipal de Muras está dentro da Rede Natura 2000, unha porcentaxe que se duplicaría en caso de levarse a cabo a ampliación de espazos naturais protexidos proposta pola Xunta e que se atopa en stand by.

En Rede Natura xa non se poden construir novos parques eólicos, máis alá da repotenciación dos existentes

A normativa impide a día de hoxe instalar novos parques en Rede Natura (só se pode repotenciar os xa existentes), pero cando as compañías eólicas se fixaron a mediados dos anos 90 na Serra do Xistral para instalar os seus muíños de vento non encontraron impedimento, malia as protestas do movemento ecoloxista galego, que alertaba da súa afectación sobre hábitats prioritarios como as turbeiras de cobertor máis importantes de Europa occidental.

A lexislación impediu ás empresas eólicas mercar os terreos ás Comunidades de Montes contrariamente ao que fixeron en Muras cos que eran de propiedade particular

Pero aquelas voces en contra da instalación dos eólicos na Serra do Xistral non foron tidas en conta e os montes de parroquias como as de O Viveiró, Silán e A Balsa acabaron inzados de muíños, malia atopárense hoxe en Rede Natura. Neses tres casos a propiedade dos terreos onde se atopan segue sendo veciñal, mediante un contrato de aluguer ás empresas donas dos muíños, pois a lexislación impide a venda de terreos propiedade de Comunidades de Montes.

Son os únicos casos en Muras nos que os veciños reciben unha compensación anual pola ocupación dos seus terreos, aínda que con contías limitadas. O máis habitual son os pagos por megawatio instalado ou mesmo arrendamentos por metro cadrado. No caso de non chegar a acordos cos veciños, as empresas promotoras sempre teñen a posibilidade de expropiación, polo que os importes dos contratos poucas veces pasan, no caso dos montes comunais do Viveiró, Silán e A Balsa dos 1.500 euros por muíño.

A Serra do Xistral estreou a produción eólica en Galicia nos anos 90. Hoxe os principais cumios da comunidade están xa ocupados por aeroxeradores, que se dirixen agora a outeiros máis baixos

Ao igual que o Xistral, os principais cumios da comunidade galega xa están ocupados por aeroxeradores. Por iso as solicitudes para novos parques van dirixidas en moitos casos a outeiros máis baixos, máis perto tamén dos núcleos de poboación, podendo autorizarse a súa instalación mesmo a tan só 200 metros de vivendas illadas, malia os ruídos e molestias que xeran.

“Os veciños quéixansenos do impacto paisaxístico, visual e acústico que provocan os muíños, sobre todo cando arrincan e cando paran, tendo en conta ademais que algúns están ao lado das vivendas, a non máis de 200 ou 300 metros de distancia”, di o alcalde.

Novos parques de menos de tres muíños para non pagar canon

Distribución do número de aeroxeradores por concellos en 2017. Muras, en violeta, é o que máis ten. / Observatorio Eólico de Galicia

Distribución do número de aeroxeradores por concellos en 2017. Muras, en cor violeta, é o que máis ten. / Elaborado polo Observatorio Eólico de Galicia a partir da BISEEGA

O feito de que Muras teña boa parte do seu territorio en Rede Natura e moitos dos montes estean xa ocupados con muíños de vento condiciona a ubicación de novos parques eólicos no municipio. Sempre se falou en Galicia das sospeitas de que as empresas promotoras parcelaban os parques en anacos para resolver a tramitación a nivel autonómico e non ter que presentar a documentación ao Ministerio, competente para as autorizacións de parques con máis de 50 aeroxeradores.

Nós só nos enteramos cando está a exposición pública, non se nos informa nin se nos ten en conta antes

Pero hai outra razón para o fraccionamento. “Por menos de 3 muíños non se paga canon”, explica o alcalde de Muras. Que o Concello teña constancia, hai presentadas solicitudes para a instalación de 4 novos parques eólicos no municipio, aínda que poderían ser máis. “Nós só nos enteramos cando está a exposición pública, non se nos informa nin se nos ten en conta antes”, quéixase Manuel.

Agardemos que non se fraccionen os parques, porque por debaixo de 3 muíños xa non se paga canon

Das solicitudes de novos parques presentadas, polo menos unha delas contaría con só dous aeroxeradores. “Agardemos que non se estean a fraccionar os parques para non pagar o canon”, advirte o rexedor. Isto suporía saltarse a obriga de tributación, aínda que a potencia total, con só tres aeroxeradores fose a equivalente a un parque con 15 dos antigos, posto que a potencia dos novos muíños supera os 3 megawatios, cando a dos primeiros que se puxeron en Muras é de 0,6.

O 45% do orzamento municipal procede do vento

O Canon Eólico, establecido a través da aprobación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, é un tributo autonómico que grava os impactos ambientais negativos dos parques eólicos na paisaxe e que se establece en función do número de aeroxeradores (no tramo máis elevado, cando os parques teñen máis de 15 muíños, a cota tributaria sitúase en 5.900€ por unidade).

A Xunta recada anualmente a través deste imposto uns 22 millóns de euros, cos que nutre o Fondo de Compensación Ambiental. Un terzo dos cartos repártese, de xeito proporcional, entre os Concellos que conten con aeroxeradores ou liñas de evacuación de electricidade no seu territorio. Estes ingresos están destinados a actuacións que revistan natureza produtiva xeradora de emprego, conservación da biodiversidade ou utilización recreativa dos recursos naturais.

Muras non conta con ningún parque eólico singular, isto é, de titularidade municipal

O Concello de Muras, ao ser o que máis parques ten, tamén é o que máis fondos recibe do Fondo de Compensación Ambiental. En concreto, sumando aos cartos que lle chegan do Canon Eólico autonómico os ingresos propios por tributación municipal dos parques (IAE e IBI), a contía anual que deixan os 381 muíños de vento nas arcas municipais é de 800.000 euros, o que representa o 45% do orzamento total do Concello. “O lóxico é que eses cartos revirtan nas comunidades locais, e máis cando sabemos como foi no seu momento a negociación das empresas cos propietarios”, razoa o alcalde.

O Concello reparte 95.000 euros dos ingresos eólicos entre as familias, explotacións agrogandeiras e negocios do municipio en forma de subvencións sobre o recibo da luz

Por iso buscaron unha fórmula para tratar de compensar dalgunha maneira a todos os veciños cos cartos que deixan no Concello os aeroxeradores instalados. “Era de xustiza que eses beneficios redundaran na veciñanza e vimos que as axudas ao pago do recibo da luz era o xeito que mellor encaixaba dentro do que podiamos facer nós a nivel municipal”, explica Manuel.

Esas subvencións, que na última convocatoria acadaron os 95.000 euros, despois de que o Concello se vise obrigado a incrementar a partida desde os 80.000 euros iniciais (o 10% dos ingresos xerados polos parques eólicos) ante a boa acollida por parte dos veciños e o número de solicitudes presentadas, saen dos fondos propios do Concello porque “directamente os ingresos dos eólicos non os podemos adicar a subvencións”, tal como establece o Fondo de Compensación Ambiental, recoñece o alcalde.

Buscamos a xustiza social, reducir a pobreza enerxética e frear o despoboamento rural

Muras non é o único concello de Galicia con parques eólicos, pero si o único que buscou un xeito de participación directa dos veciños nos ingresos eólicos. Outros Concellos da contorna do de Muras, como
Abadín, Ourol, O Valadouro ou As Pontes están tamén entre os que máis parques teñen de toda Galicia, así como tamén Ortigueira, Dumbría e Mazaricos na provincia da Coruña ou Lalín e Forcarei na de Pontevedra. Así pois, por que non se estableceron medidas similares noutros Concellos? “É cuestión de vontade política e convicción para facelo. Ti, como alcalde, podes gastar os cartos nestas cousas ou noutras. Nós buscabamos a xustiza social, reducir a pobreza enerxética e frear o despoboamento rural”, defende o rexedor murense.

Informar e asesorar aos veciños

Pero hai tamén outra faceta na que os Concellos poden ter un papel relevante á hora de buscar un reparto xusto do negocio eólico, a de informar e asesorar aos veciños no proceso de negociación coas compañías que instalan os parques. “Temos asinado un convenio co Observatorio Eólico de Galicia para a realización de estudos e asesoramento aos veciños”, conta o alcalde de Muras.

O feito de que un terzo do territorio de Muras sexa Rede Natura e que boa parte dos montes estean xa ocupados con muíños condiciona a ubicación de novos parques

“Avogamos por un proceso de participación dos veciños a través dun modelo eólico diferente e levamos traballado bastante no Concello a nivel formativo da xente, porque pensamos que ten que haber unha participación activa de todos os intervintes, incluídos os Concellos e os veciños. A enerxía eólica está ben, pero hai que medir onde se pon e como se pon. Non discuto que Galicia sexa unha potencia eólica pero esa riqueza ten que ser repartida, os que están no territorio sofren as consecuencias pero non obteñen os beneficios. O que reciben os veciños de Muras en comparación co diñeiro que xera cada muíño é insignificante”, conclúe o rexedor da localidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información