Como reducir o uso de antibióticos nas granxas de porcino?

O investigador Lorenzo Fraile achega algunhas claves para optimizar o uso de antimicrobianos no día a día das ganderías porcinas. A implicación de gandeiros, veterinarios e a Administración é fundamental para reducir o uso destes tratamentos e a aparición de patóxenos resistentes

Como reducir o uso de antibióticos nas granxas de porcino?

Lorenzo Fraile, durante a súa participación nas Xornadas de Porcino celebradas en Silleda (Pontevedra).

Nos últimos anos o uso de antibióticos nas granxas estivo no punto de mira, en parte polo risco que a utilización destes medicamentos pode supoñer na aparición de patóxenos resistentes e as consecuencias que ten non só para o sector gandeiro, senón para a sociedade en xeral. Aínda que parece que son os antibióticos para uso humano os que maior contribución tiveron na aparición de patóxenos resistentes, búscase no sector gandeiro un aliado na loita desta problemática.

As recomendacións específicas para un uso prudente dos antibióticos impulsadas desde Europa en 2015 foi un dos pasos significativos nesta liña. Pouco despois, no 2019 implantaríase a normativa que regula este uso e que entrou en vigor a principios deste mesmo ano. No caso de España, a aplicación desta normativa atópase aínda pendente de transposición e a publicación no Boletín Oficial do Estado, unha vez se responda ás alegacións presentadas por Colexios de Veterinarios e distintas asociacións. “O obxectivo que perseguen as novas normativas europeas que acoutan o uso de antibióticos é tratar o menor número de animais e evitar tratamentos colectivos sistemáticos”, explicaba o doutor en Veterinaria e profesor agregado da Universidade de Lleida, Lorenzo Fraile, durante a súa participación no XXIV Monográfico de gando porcino, celebrado en Silleda (Pontevedra) recentemente.

As novas normativas europeas que acoutan o uso de antibióticos buscan tratar o menor número de animais e evitar tratamentos colectivos sistemáticos

Con cada vez máis limitacións ao uso de antimicrobianos, o sector porcino busca estratexias para adaptarse sen que a rendibilidade das granxas e a saúde dos animais se vexa comprometida. Fraile sinalou algunhas das claves para trazar estratexias de éxito no control e uso dos antimicrobianos, así como iniciativas que xa se puxeron en marcha para optimizar os tratamentos e conseguir un uso máis eficaz dos antibióticos. Aínda que se busca reducir o seu uso, Fraile lembra que “os antimicrobianos son unha ferramenta fundamental para unha produción eficiente, sostible e rendible economicamente”.

Uso prudente de antibióticos: responsabilidade compartida

O novo marco xurídico europeo procura un uso prudente dos antimicrobianos, é dicir, buscan evitar o uso rutineiro destes tratamentos. “Débese abordar o uso dos antimicrobianos en cada situación e o veterinario será o último responsable que debe xustificar esta decisión”, puntualiza Fraile. Ademais, o uso profiláctico de antimicrobianos, é dicir, como método preventivo, está prohibido a efectos prácticos no porcino.

Pero, como conseguir un uso prudente de antimicrobianos? Fraile apunta neste sentido na importancia que ten a implicación dos diferentes axentes do sector para conseguir este ‘uso prudente’ de antibióticos. Así, o investigador incide na necesidade de que veterinarios, gandeiros e a Administración participen dunha maneira activa, como única vía para conseguir este uso prudente. O experto, apuntou en Silleda as responsabilidades que cada parte do sector debe levar a cabo:

-Veterinarios:

Para lograr un uso prudente dos antimicrobianos, os veterinarios deben realizar un diagnóstico preciso, tanto en base ao caso clínico que presenta o animal como utilizando datos epidemiolóxicos.

Tamén é necesario que os profesionais coñezan a sensibilidade dos microorganismos implicados e os produtos rexistrados para o seu tratamento. Ademais, son os veterinarios os que deben evitar o uso dos antimicrobianos fóra de etiqueta e sen cambiar medicamentos entre especies.

Ademais, Fraile incide na importancia de que os veterinarios proporcionen datos de consumo ás autoridades para que se poidan manter actualizados os rexistros, así como describir os efectos adversos dos medicamentos.

Así, no día a día, para lograr un uso máis prudente, os veterinarios deben prestar atención tamén ás medidas de prevención, á alimentación e o benestar na granxa. As medidas médicas preventivas, como a inmunización dos animais son fundamentais. “O veterinario debe valorar as vacinas dispoñibles no mercado e ser moi crítico coas autovacinas, tendo moi presentes que unha autovacina é un produto medicamentoso e que debe esixírselle as mesmas garantías que ás vacinas comerciais en canto a seguridade e eficacia”, apunta o investigador. Ademais, deberá prestar especial atención aos axentes que poidan causar as enfermidades.

-Gandeiros:

Pola súa banda, os gandeiros teñen un papel moi importante para conseguir unha utilización prudente dos antibióticos. En boa parte dos casos, os gandeiros encárganse de administrar o medicamento, polo que proporcionar a dose adecuada e cumprir de forma estrita a duración do tratamento indicado polo veterinario contribúe en gran medida a un uso prudente dos medicamentos. “Un 25% do uso prudente dun antibiótico é responsabilidade do gandeiro”, comenta o investigador.

“Un 25% do uso prudente dun antibiótico é responsabilidade do gandeiro”

Por outra banda, os granxeiros tamén poden contribuír a mellorar a eficacia dos tratamentos, xa que tamén poden describir os efectos adversos que detecten, o que axuda a ter constancia deles e revisar o medicamento ou a súa utilización en determinados casos. “Ao ano adoitan recibirse no Ministerio unhas 400 notificacións de efectos adversos. É un número moi baixo en referencia ao uso dos antibióticos e ás comunicacións que se reciben noutros sectores como o das mascotas, onde os donos de cans e gatos adoitan ser proactivos na comunicación destes efectos adversos”, concreta o investigador.

Nas granxas de porcino, o gandeiro tamén contribúe a reducir o uso de antibióticos se mantén en óptimas condicións os factores ambientais que poden provocar enfermidades. Garantir unhas instalacións adecuadas, adoptando medidas de hixiene, desinfección e un manexo adecuado son medidas do día a día que permiten reducir os riscos. Así, levar a cabo accións de bioseguridade externa e interna, reducir as densidades da granxa ou practicar un manexo de todo dentro e todo fóra contribúe a reducir os riscos. “Prácticas como analizar as porcas cando se compran é unha boa medida para evitar a entrada de enfermidades na granxa”, explica o investigador.

-Administración

O investigador tamén sinala a importancia de que as Administracións teñan un papel activo na xestión e control do sector, tanto de granxas como de profesionais, de maneira que se contribúa a fomentar as boas prácticas. “Necesitamos que as Administracións exerzan de árbitros no sector e que penalicen os comportamentos inadecuados para conseguir un uso máis axustado dos antimicrobianos”, puntualiza.

En busca dun uso máis eficaz dos antibióticos

Á marxe das prácticas que tanto veterinarios, como gandeiros e Administración deben levar a cabo, Fraile insiste na importancia de afrontar outros desafíos para conseguir un uso prudente e eficaz dos antibióticos no sector.

En primeiro lugar, apunta á necesidade de revisar en profundidade os programas de medicina preventiva para o control de enfermidades bacterianas. Neste sentido, recomenda prestar atención ao uso de vacinas. “A utilización de vacinas pode ser un gran aliado. Na avicultura vacínase moito e é dos sectores nos que menos se trata, a pesar diso, o 10% das camadas téñense que medicar”, apunta. Tamén incide en vixiar as medidas preventivas ambientais ou os antimicrobianos utilizados en prevención para optimizar as prácticas preventivas.

Por outra banda, Lorenzo Fraile tamén insiste en que debería prestarse atención aos propios tratamentos antimicrobianos empregados hoxe en día, tanto aos inxectables, como aos administrados no penso ou na auga bebida. “Necesitamos comprobar que estamos a aplicar correctamente os tratamentos antimicrobianos”, sinala o experto.

Outro dos eixos nos que o experto recomenda centrar esforzos é en integrar a monitorización da sensibilidade dos microorganismos que se deben tratar con antimicrobianos. Para isto, o veterinario debe tomar mostras, de maneira que poida identificar o patóxeno e así ter máis información para tratar. Neste sentido, Fraile propón traballar esta identificación con probas cuantitativas, a concentración mínima inhibitoria, que fronte a outras técnicas é máis reproducible entre laboratorios e axuda a predicir mellor o tratamento máis adecuado. A utilización destas análises permite unha selección de antimicrobianos a utilizar en base a criterios epidemiolóxicos.

Neste sentido, a Axencia Española do Medicamento (AEMPS) propúxose crear unha rede de laboratorios veterinarios para que se traballe con este método dun modo homoxéneo. Así, cos datos solicitados confecionarase un mapa epidemiolóxico a nivel nacional, que xa están en marcha e que permitirá ter máis información dispoñible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información