O novo ciclo da Política Agrícola Común (PAC), que arranca o 1 de xaneiro, presenta en principio boas perspectivas para as granxas de leite. Detallamos a continuación a análise que fai Edelmiro López, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago. López coordinou nos últimos anos un equipo técnico que asesorou á Consellería do Medio Rural no proceso de elaboración do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 e explicou nas últimas xornadas técnicas organizadas por Seragro os cambios principais que se prevén para o vacún de leite.
“Para os produtores de leite van aumentar de xeito importante os pagos asociados”, destaca Edelmiro. “Penso que se vai manter ou vai aumentar moderadamente o montante global das axudas directas ás explotacións leiteiras galegas, pero vai haber unha redistribución de fondos das máis grandes cara as medianas”, detalla.
Vai haber unha redistribución de fondos das granxas máis grandes cara as medianas
A PAC 2023-2027 segue estando formada por tres tipos de medidas: axudas directas ás explotacións, fondos de desenvolvemento rural e medidas de regulación de mercado. “Non hai novidades substanciais na nova PAC sobre a regulación dos mercados a respecto do que hai hoxe, si nas axudas directas, pero no caso do sector leiteiro tan ou máis importantes son os fondos do segundo pilar para financiar investimentos das explotacións (plans de mellora, maquinaria en común, etc.)”, afirma.
Como quedan as ganderías de leite galegas de cara ao período que se abre o vindeiro 1 de xaneiro?. Edelmiro ve “oportunidades de mellora no incremento das axudas asociadas e a axuda redistributiva, as novas axudas agroambientais e a potencial ampliación da Superficie agraria con dereitos de axuda”. En canto a posibles sombras, sinala o “impacto desfavorable da converxencia da axuda básica dentro das novas rexións PAC e a incógnita do grao de aplicación que van lograr os eco-reximes”.
A PAC non vai desaparecer pero vai estar moi condicionada por aspectos ambientais a partir de 2028
E recomenda ás explotacións que aproveiten o período actual para facer unha transición cara un modelo menos intensivo, xa que a medio e longo prazo tira a seguinte conclusión: “Estamos ante unha reforma da PAC de transición, que só vai durar 5 anos e con moitas incertidumes a partir de 2028. A PAC non vai desaparecer pero vai estar moi condicionada por aspectos ambientais derivados do Pacto Verde Europeo. A coxuntura actual pode levar a moderar o ritmo dos cambios, pero non o horizonte”.
Incremento do 30% nos pagos asociados ata 150 vacas
No período 2023-2027 auméntase a axuda para vacún de leite, que pasa de 93,5 millóns de euros anuais a 122 millóns para o conxunto do Estado, o que vai provocar un aumento da axuda por vaca, que vai pasar de 128 a 158€, cun 15% máis en zonas declaradas de montaña.
Cobrarase o 100% da axuda nas primeiras 150 vacas e o 50% de 151 a 725 vacas, o que supón incrementar o tamaño das granxas con percepción máxima fixado neste momento (100% da axuda nas primeiras 75 vacas e 50% por enriba desa cifra) e, polo tanto, un debilitamento da modulación da axuda en función do tamaño da explotación.
Maiores esixencias ambientais para as explotacións
A entrada en vigor da PAC 2023-2027 leva xa aparellado un reforzamento dos requisitos ambientais que as explotacións deberán cumprir con carácter obrigatorio para poder cobrar as axudas.
“A PAC 2023-2027 vai subir o nivel de esixencia ambiental para todas as explotacións e establece mecanismos para retribuír ás que vaian máis alá do esixido a través dos eco-reximes e das axudas agroambientais do segundo pilar”, explica Edelmiro.
Deste xeito, a nova PAC vai supoñer, con carácter xeral, un incremento das esixencias ambientais. Aspectos voluntarios até agora incluídos no do pago verde, como a diversificación de cultivos, o mantemento das superficies de pastos permanentes e a adicación dunha porcentaxe mínima de superficies de interese ecolóxico, pasan a formar parte da condicionalidade reforzada como norma obrigatoria a cumprir, e a maiores o Goberno español decidiu incluír un aspecto máis.
Os 3 requisitos do antigo pago verde voluntario (a rotación de cultivos, o mantemento dos pastos permanentes e as superficies sen cultivar de interese ambiental) pasan a ser de obrigado cumprimento
“A maiores do antigo pago verde (greening), España quixo ir de alumno aplicado e introduciu un novo requisito na condicionalidade, o cumprimento das normas de Nutrición Sostible de Solos, que non sería de obrigado cumprimento por parte da Comisión até 2025, pero que aquí se vai adiantar xa a 2023, en canto se aprobe o novo Decreto que está en tramitación”, explica Edelmiro.
A incógnita dos eco-reximes
A maiores dos aspectos medioambientais obrigatorios, están unha serie de medidas de cumprimento voluntario: os eco-reximes do primeiro Pilar e as medidas agroambientais do segundo Pilar, que son similares en canto ás prácticas e obxectivos. “A diferenza entre ambos é que os eco-reximes son de pago anual e as medidas agroambientais esixen permanencia a máis longo prazo (5 anos)”, detalla.
Para os eco-reximes vai haber 1.100 millóns de euros anuais a repartir entre os agricultores e gandeiros no conxunto de España. A contía prefixada para cada un deles está estimada en función do número de solicitantes, polo que podería haber variacións importantes debido a unha menor demanda nos primeiros anos. Por iso, Edelmiro recomenda ás explotacións “que os soliciten” porque “as cantidades a percibir poderían ser sensiblemente maiores”.
As axudas agroambientais do segundo Pilar son compatibles co cobro dos eco-reximes, agás na rotación de cultivos
Establécense 7 prácticas posibles a escoller para o cobro destas axudas, distribuídas por tipo de superficie, o que dá lugar aos 9 eco-reximes resultantes. Un total de 8 destes 9 eco-reximes están dentro da modalidade de pago compensatorio, o que significa que os van poder cobrar incluso produtores que non teñan dereitos de pago da axuda básica e van poder cobralos pola totalidade da superficie que cumpra con esa práctica.
A maiores dos eco-reximes, estarían as axudas agroambientais do segundo Pilar, que son compatibles na maioría dos casos, agás entre as prácticas de rotación de cultivos e sementeira directa dos eco-reximes e as axudas agroambientais de cultivos sostibles, con niveis de esixencia e tamén importes a cobrar sensiblemente diferentes (65€/ha no caso dos eco-reximes e 150€/ha para as axudas agroambientais).
No caso da axuda agroambiental de rotación de cultivos, non se podería volver botar millo na mesma parcela ao ano seguinte; cando no eco-rexime si
A rotación, no caso da axuda agroambiental, é máis esixente, posto que é unha rotación a tres anos (millo-raigrás-cereais ou oleaxinosas), cando no eco-rexime permítese a rotación anual millo-raigrás (cun 10% de especies mellorantes). É dicir, no caso da axuda ambiental, até o terceiro ano non se podería volver a botar millo na mesma parcela, mentres que no eco-rexime poderíase repetir ao ano seguinte. Ademais, no caso do eco-rexime de rotación de cultivos poden variar as parcelas onde se realiza esta práctica cada ano, mentres que na axuda agroambiental non, teñen que ser fixas durante os 5 anos.
“O cobro das axudas agroambientais por cultivos sostibles forraxeiros está concebido para que as explotacións de leite vaian diversificando os seus cultivos para aminorar así o monocultivo de millo forraxeiro”, asegura Edelmiro, mentres que o eco-rexime estaría pensado para que non queden as fincas do millo baleiras no inverno.
Axuda redistributiva
A chamada axuda redistributiva aplícase por primeira vez nesta ocasión en España porque a normativa europea obriga a adicar o 10% dos fondos a un pago destas características, pero xa era posible no período 2014-2020.
“A axuda redistributiva, relevante desde o punto de vista social, estaba xa contemplada no Regulamento da anterior PAC e moitos países xa a aplicaron no período anterior, por exemplo Francia, pero España decidiu non facelo até agora”, conta o profesor da USC.
A axuda redistributiva beneficiará ás medianas explotacións
Con todo, esta nova axuda redistributiva vai ter un efecto limitado sobre as explotacións. “O Goberno central non quixo mover moito os marcos nin na redistribución de pagos entre comunidades nin entre explotacións. Desde as primeiras intencións iniciais até o resultado final notouse a presión por manter o statu quo das comunidades máis beneficiadas pola percepción das axudas directas, que son as comunidades do centro e sur de España”, asegura.
Nova rexionalización das axudas
A axuda redistributiva, pasa a ser obrigatoria, pero non se vai facer a nivel de todo o Estado, desde as explotacións que máis cobran ás que menos cobran, senón dentro de cada unha das 20 rexións PAC españolas, “establecéndose un esquema de dobre umbral que está pensado para favorecer ás medianas explotacións, non ás pequenas”, matiza Edelmiro. “Galicia pode saír gañando uns 3 millóns de euros por esta vía, pero podían ter sido 8 se a redistribución fora a nivel de todo o Estado”, engade.
No caso galego pásase das 7 rexións PAC actuais a 5 e no caso español de 50 a 20. “Temos novos compañeiros de viaxe nestas novas rexións nas que estamos incluídos con outras zonas do Estado con condicións teoricamente similares e vai haber unha converxencia do valor dos dereitos dentro da mesma rexión”, explica o profesor da USC.
Van saír gañando as superficies de pastos e van saír perdendo as terras de cultivo, polo que as explotacións máis intensivas van notar un impacto desfavorable
Da análise de como saen as explotacións galegas nesta converxencia dentro da rexión na que van estar incluídas, Edelmiro afirma que “os cambios importantes van estar nas zonas gandeiras da metade norte de Galicia, onde van saír gañando as superficies de pastos e van saír perdendo as terras de cultivo, polo que o impacto desfavorable desta converxencia da axuda básica dentro das novas rexións PAC vano notar sobre todo as explotacións máis intensivas”, asegura.
Posibilidade de aumentar a superficie con dereitos
As axudas directas son un complemento relevante para as explotacións galegas pero en termos comparativos Galicia é, xunto a Canarias, a comunidade autónoma onde teñen un menor peso sobre a renda agraria. A PAC representa aquí o 11% dos ingresos das explotacións, que é a metade do que representa no resto do Estado.
“Iso ten que ver coa reducida superficie agraria que temos con dereitos da PAC, pero a maiores só temos dereitos históricos de percepción sobre o 60% desa superficie, cando no conxunto do Estado é do 80%”, detalla Edelmiro.
Na nova regulación da Reserva Nacional ábrese a vía para que as explotacións que incorporen superficie vía Banco de Terras ou polígonos agroforestais teñan acceso a novos dereitos. “Para min esta é unha cuestión esencial a medio prazo, pero está vinculada á aplicación que alcance a nova Lei de Recuperación da Terra Agraria aprobada pola Xunta”, asegura.
“É un período de transición. Con toda probabilidade a PAC post 2027 terá máis elementos do Pacto Verde”
A nova PAC “foi un parto difícil”, define Edelmiro. Este proceso de reforma longo e complexo fixo tamén que se retrasase a súa entrada en vigor. Estaba prevista para o ano 2021, pero o tempo que se tardou en aprobar o Regulamento (4 anos) foi o que obrigou a asignar un período transitorio de 2 anos, 2021 e 2022, no que se aplicaron as normas da vella PAC para repartir os cartos xa establecidos na nova PAC, que entrará finalmente en vigor o vindeiro 1 de xaneiro.
Polo tanto, considera Edelmiro, “trátase dunha reforma da PAC de transición, cunha vida de só 5 anos, e con toda probabilidade a PAC post 2027 terá máis elementos do Pacto Verde, aínda que o actual contexto económico pode modular o ritmo dos cambios e a velocidade de aplicación e implantación, porque o dilema actual é como acompasar os obxectivos a medio e longo prazo (Pacto Verde, Estratexia da Granxa á Mesa e de Biodiversidade) coa situación actual provocada pola guerra de Ucraína e a crise enerxética e inflacionaria”, asegura.
O Pacto Verde europeo marca un camiño a medio e longo prazo que non ten volta atrás
De cara a prepararse para cumprir coas novas esixencias que se aveciñan na PAC en materia ambiental a partir de 2028, Edelmiro recomenda ás explotacións que aproveiten o actual período para acometer unha serie de cambios estruturais na súa maneira de producir. “As medidas da PAC 2023-2027 poden axudar a impulsar cambios nas explotacións lácteas galegas que en calquera caso son necesarios, como son reducir o consumo enerxético e a dependencia doutros insumos externos, a ampliación da base territorial ou a mellora da eficiencia, tanto técnica como sobre todo económica”, conclúe.
Que ecoesquemas lle interesan máis a unha gandería de vacún de leite en Galicia?