Como previr a flavescencia dourada en Galicia

A detección temperá da enfermidade resulta clave para evitar a súa expansión na comunidade

Publicidade

A presenza no norte de Portugal da flavescencia dourada, unha grave enfermidade do viñedo que non ten cura, obriga en Galicia a extremar as precaucións. O Instituto Galego de Calidade Alimentaria, conxuntamente coa Estación Vitícola de Galicia (Evega), está a divulgar entre os viticultores información con recomendacións para previr as infeccións.

En tanto a enfermidade non chegue a Galicia, as principais cuestións a considerar son a plantación de material san certificado, o control do insecto vector da enfermidade, o ‘Scaphoideus titanus’ e vixilar a aparición de síntomas no viñedo.

Síntomas
Un dos mellores intres para detectar a flavescencia é o final do verán. Non hai un síntoma específico único e ademais parte dos síntomas poden atribuírse a outras enfermidades, polo que haberá que atender á conxunción de sinais no viñedo.

Nun encontro do proxecto Winetwork, celebrado este verán en Sergude (Boqueixón), François-Michel Bernard, do Instituto Francés da Vide e do Viño (IFV), subliñou tres síntomas que, xuntos, son característicos:

– Decoloración amarela ou avermellada das follas.
– Enrolamento das follas cara adentro, que se tornan quebradizas. Perda de cor dos nervios da folla.
– Vidras verdes ao final da tempada. Cómpre valorar se a póla non lignificou, mantendo a flexibilidade e cor da súa primeira etapa.

En caso de que os tres síntomas se rexistren no viñedo, a infección por flavescencia dourada considérase segura. As partes sintomáticas poden estar agachadas no viñedo, polo que o viticultor debe prestar atención ós posibles síntomas. De existir dúbidas, cómpre que o viticultor advirta ós servizos oficiais ou a súa organización ou cooperativa, a fin de que se recollan mostras para a súa análise.

Manexo
A experiencia no manexo da flavescencia dourada noutras rexións revela a importancia dun control temperá do problema. Se non se arrancan as cepas infectadas e non se aplican tratamentos insecticidas contra o insecto vector, a incidencia da flavescencia dourada pode medrar entre 10 e 40 veces no ciclo de cultivo seguinte.

A transmisión da enfermidade prodúcese por un insecto chupador, o ‘Scaphoideus titanus’, que se contamina do fitoplasma da flavescencia succionándoo dunha planta infectada e que o transmite a outras plantas sás. O periodo de actuación do insecto vai de maio a outubro. O fitoplasma non contamina os ovos, polo que a seguinte xeración de insectos, ó ano seguinte, non será problemática nun inicio, sempre que se eliminen do viñedo todos os pés infectados.

Imaxe aumentada do 'Scaphoideus titanus'. / Areeiro.

Imaxe aumentada do ‘Scaphoideus titanus’. / Areeiro.

Para o control das poboacións de ‘Scaphoideus titanus’, recoméndase a aplicación dun tratamento a principios – mediados de xuño e un segundo tratamento 2-3 semanas máis tarde. Desde finais de xuño, tamén é recomendable a colocación de trampas adhesivas amarelas. Se se observase nas seguintes semanas unha alta presenza de individuos adultos nas trampas, sería preciso un terceiro tratamento.

En Galicia, detectouse por primeira vez o insecto no ano 2007, nunha trampa instalada no concello de Crecente, na comarca do Condado, en Pontevedra. Desde entón, estase a detectar todos os anos nesta comarca pontevedresa e tamén se ten detectado na veciña do Rosal, segundo as prospeccións que fai a Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Polo de agora, nunca se atopou en Galicia un insecto contaminado co fitoplasma da flavescencia, pero recoméndase igualmente o seu control como método preventivo de infeccións.

Máis información
Díptico informativo do proxecto Winetwork sobre a flavescencia dourada (Pdf).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información