O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) ten a disposición das persoas interesadas unhas recomendacións que é preciso ter en conta para previr os ataques da Vespa Velutina, especialmente activa durante estes meses de verán, así como tamén indicacións para actuar en caso de picadas desta especie.
Aínda que a publicación está feita para o sector forestal, xa que nos montes cada vez é máis frecuente a presenza de niños desta avespa invasora, as recomendacións do ISSGA son trasladables a calquera actividade.
Velaquí os pasos que se deben seguir:
1) Antes de empezar os traballos:
-Realiza un recoñecemento exhaustivo da parcela (árbores,chan, muros, etc.) e comproba que non existen niños de velutina na zona.
-Ten en conta que os niños que están no medio das silveiras ou entre o mato adoitan ser máis difíciles de detectar.
2) Se atopas un niño de velutina:
-Non te achegues a menos de 5 metros do niño.
-Non lles provoques danos; non o golpees nin molestes as velutinas. Lembra que normalmente só atacan ao verse ou sentirse atacadas.
-Non cortes polo pé unha árbore que conteña un niño, ou ben que poida afectar na súa caída a outra árbore que o albergue.
-En operacións de rozadura, non roces silveiras ou matos que conteñan niños.
-Avisa a todos os compañeiros de traballo da presenza do niño e sinaliza a zona.
-Chama ao 012 e comunícao para que o retiren.
3) Como actuar no caso dun ataque:
-Se te atacan, foxe o máis rápido posible e busca un refuxio (vehículos, edificacións, arbustos, cultivos densos como o millo, etc…).
-Mentres escapas, procura evitar que as velutinas te ataquen nas áreas máis sensibles da cara, como pode ser a zona dos ollos. Tamén teñen tendencia a picar na parte de atrás do pescozo, polo que se recomenda protexer esta zona coas mans ou coa roupa.
-Non tentes eliminar as velutinas nin axitar os teus brazos para espantalas. As velutinas son atraídas polos movementos bruscos e as que son esmagadas emiten un cheiro que atrae máis velutinas.
-Se ves que alguén é atacado por velutinas, non te achegues para axudalo. Chama ao número de emerxencias (112) onde te informarán de como debes actuar e avisarán aos medios de emerxencia para que se trasladen ao lugar se é preciso.
Lembra: As persoas alérxicas deben levar sempre consigo a medicación necesaria para administrarse en caso de picaduras.
Máis información