Como prepararse para reducir os danos da vespa velutina na colmea?

Unha experiencia realizada no CFEA de Sergude en colaboración coa Asociación Apícola de Galicia amosa varias estratexias que contribúen a loitar contra a vespa velutina e minimizar as consecuencias nos apiarios

Como prepararse para reducir os danos da vespa velutina na colmea?

Participantes no campo de demostración de técnicas de manexo das colmenas fronte á vespa velutina.

Combater a incidencia da vespa velutina nos apiarios estase convertendo nun piar fundamental para o devir de moitos apicultores galegos nos últimos anos. Aínda que non existen solucións que garantan a protección total das colmeas fronte a esta ameaza, hai diferentes propostas que poden contribuír a reducir a presenza de velutinas e os danos que causan nos apiarios.

O campo de demostración de técnicas e manexo da colmea contra a vespa velutina que se levou a cabo en meses pasados dentro da programación do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (CFEA), en Boqueixón (A Coruña), afondou nalgunhas das claves para atallar a praga sobre os apiarios. “Os obxectivos do campo de demostración eran amosar ós apicultores un plan de actuación integral para loitar contra a vespa velutina e minimizar as consecuencias da súa presenza nos apiarios”, explican dende o equipo do centro que coordinou a actividade.

Outro dos aspectos claves nesta loita contra a vespa velutina é o manexo das trampas, ferramentas indispensables para reducir os seus efectos na colmea nos meses de maior actividade do insecto asiático. Neste taller abordaron tamén o manexo das arpas, para proporcionar ó apicultor algunhas claves a ter en conta para mellorar o uso destes sistemas.

Decisións axeitadas

Á marxe de contar con ferramentas coma as trampas, que axuden na loita contra a velutina, unha das claves está en tomar as decisións axeitadas para colaborar coas abellas na loita que fan contra as velutinas. “Buscabamos amosarlle ó apicultor aspectos claves nos que fixarse para descifrar a situación da colmea coa fin de que teña un criterio propio e coñecemento de todo o que observa para tomar as decisións axeitadas no momento oportuno”, detallan.

Así, un dos indicadores fundamentais para valorar a situación de estrés que hai na colmea é a posta de cría que ten a colmea. “Se non hai postas significa que a colmea ten tanto estrés pola velutina que non está entrando alimentación foránea, o que leva a que pase case un mes sen rexeneración activa”, explica Javier Seijo, técnico da Agrupación Apícola de Galicia que se encargou de impartir o curso, que contou con 15 participantes.

No caso desta experiencia, realizada nas instalacións do propio centro, onde instalaron 10 colmeas novas, a presión da velutina foi moi intensa. “Chegamos a contabilizar unhas 40 velutinas asediando á colmea, unha cantidade moi elevada que só vira noutras zonas de Galicia coma a Mariña lucense ou en Tomiño (Pontevedra), pero que non era moi habitual na zona de Santiago”, detalla o técnico da Agrupación Apícola.

Colmeas-CFEA-Sergude-Campo-de-demostracion-Velutina-

O apiario instalouse nas dependencias do CFEA de Sergude.

Nos primeiros meses, case ata mediados de agosto, as abellas conseguiron sobrepoñerse ó ataque da velutina e manter a defensa das colmeas. A partires de mediados do mes de agosto, cando xa se instalaron trampas e as arpas, a presión centrouse na entrada e nos intentos de entrar á colmea.

Tres estratexias na loita contra a velutina

“A loita contra a vespa velutina é unha conxunción de técnicas de manexo das colmeas e de métodos de control da presenza desta no apiario”, explican os organizadores da experiencia. Neste senso non abonda coa colocación de trampas, senón que é preciso extremar os coidados que se fan da colmea, como a alimentación ou os tratamentos sanitarios, para lograr colmeas máis fortes que consigan sobrepoñerse á presión da vespa velutina.

“A mellor estratexia para loitar contra a vespa velutina é procurar que as colmeas estean fortes”

“A mellor estratexia para loitar contra a vespa velutina é procurar que as colmeas estean fortes, con abellas en boas condicións e suficientes reservas de alimento, tanto de pole coma de mel”, explican os organizadores do curso. Así, definen tres estratexias para conseguir colmeas fortes e que axudan á súa supervivencia: os tratamentos sanitarios, a alimentación de reforzo, e as trampas.

-Alimentación de reforzo.

Posto que a vespa velutina limita as posibilidades de alimentación das abellas, proporcionarlle alimento é un dos aspectos claves para garantir a supervivencia da colmea. “A alimentación complementaria é fundamental para aquelas colmeas que non están o suficientemente fortes para defenderse de ataques da velutina”, apuntan.

“É moi importante que a alimentación de reforzo se adapte ás necesidades da colmea. Non hai unha receta única”

A alimentación de reforzo, dependendo da zona e do ano, colocarase entre os meses de agosto e setembro, cando aínda hai unha incidencia importante de vespa. “É moi importante que esta alimentación se adapte ás necesidades da colmea, non hai unha receta única”, explica Seijo.

Así, unhas colmeas precisarán máis de alimento líquido ou de tostas protéicas. A escolla dun tipo ou outro de alimentación estará determinado polas reservas de alimento que teñan e pola cantidade de cría nese momento. “Se hai moita cría óptase pola torta e se non, comézase con alimento líquido para favorecer a posta e despois apórtase torta”, detalla o técnico.

Javier-Seijo-Campo-de-demostracion-Velutina-CFEA-Sergude

Javier Seijo, técnico da Agrupación Apícola, amosou ós participantes como elaborar alimento axeitado para a colmena.

Á hora de proporcionar tortas pode escollerse entre varias alternativas. “O mellor é que a torta estea feita a base de polen, que é a proteína que lle falta e coa que alimentan a cría”, apunta Seijo. De non poder acceder a polen fresco recollido de forma directa, hai xa tortas protéicas comercias coas que alimentar ás abellas. Ademais, pode elaborarse unha torta cunha mestura de ingredientes que recorda ó pan que elaboran as abellas para alimentar á cría. A torta prepárase con fariña de soia, lévedo de cervexa, azúcares, aceite de millo refinado e limón.

-Medidas contra a vespa velutina

Inicialmente, no campo de traballo contaban empregar tanto arpas como mallas de protección, aínda que polas propias características do apiario optaron por empregar só arpas eléctricas e trampas de descarga nas proximidades das colmeas. O técnico apunta a que o emprego de sistemas como as arpas se volve indispensable cando a presenza de velutina é moi elevada. “A desactivación das arpas, polo motivo que sexa fai que a presenza da vespa aumente os ataques se centren na entrada e incluso cheguen a penetrar na colmea, o que xera un maior debilitamento”, detalla Seijo.

Estes elementos de trampeo axudan a que as abellas poidan desplazarse algo máis lonxe a por alimento, pero non elimina por completo a presenza de velutinas nas proximidades dos apiarios.

-Mellorar o estado sanitario da colmea

Para axudar á colmea a resistir mellor ante a vespa velutina é fundamental mellorar a súa saúde. O tratamento de enfermidades como a varroase, que arrastran dende hai anos os apiarios, resulta vital contra a ameaza. “A varroa convértese no mellor aliado da vespa velutina, xa que é o factor fundamental de debilitamento das colmeas, que logo son presas fáciles”, comentan dende a organización. Insisten na importancia de aplicar tratamentos sanitarios axeitados para conseguir que na primavera e no verán a colmea estea sa e forte.

Estes tres elementos conforman un plan de actuación integral que poden levar a cabo os apicultores para conseguir reducir as perdas tanto de mel como de colmeas nos seus apiarios. “Por si soas, ningunha das estratexias garante mellor control fronte á vespa velutina. Só un manexo integral das mesmas ofrece os mellores resultados nesta loita”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información