¿Como poden previr os viveiros de vide as enfermidades da madeira?

Unha enquisa a nivel europeo revela que a falta de medidas de prevención converte aos viveiros de vide en focos de propagación de enfermidades da madeira. O investigador David Gramaje ofrece unhas recomendacións para atallar esta situación

Publicidade
¿Como poden previr os viveiros de vide as enfermidades da madeira?

Viveiro de vide

Os viveiros de planta en Europa non cumpren en xeral as medidas recomendadas para previr as enfermidades da madeira, o que os converte, xunto a poda, nun foco de propagación destas patoloxías do viñedo, consideradas como a nova Filoxera do Século XXI. Estímase que ningún viveiro está libre de enfermidades da madeira, aínda que o grao de incidencia varía notablemente segundo o nivel de profesionalidade.

Así se desprende dos resultados dun estudo realizado a nivel europeo e que foi presentado este verán en Verín por David Gramaje Pérez, investigador do Instituto das Ciencias da Vide e do Viño (Icvv) da Rioxa, dentro das xornadas técnicas organizadas pola Evega co título “Previr e/ou curar. As enfermidades da madeira no viñedo a estudo”.

En concreto, o estudo realizado por David Gramaje xunto a Stefano Di Marco do Instituto de Biometeoroloxía de Bolonia (Italia), enmarcado dentro das actividades programadas pola Acción Europea COST FA1303 baixo o título “Sustainable control of grapevine trunk diseases” consistía nunha enquisa entre os viveiros a nivel europeo -participaron 146, dos que 32 foron españois- para coñecer o proceso de propagación de vide en Europa e identificar as prácticas que poidan ter un impacto na calidade do material vexetal

As conclusións son esclarecedoras:

-A protección das feridas de poda en campos de plantas nai é escasa: soamente a realiza o 63% dos viveiros.

-Non se realiza unha limpeza regular dos útiles de poda en plantas nai: realízaa o 53,4% dos viveiros enquisados.

-A duración do proceso de hidratación do material vexetal é excesiva: no 48,6% dos casos realízase durante máis de 24 horas.

-As plantas enxertadas almacénanse en frío durante períodos excesivos de tempo: un 39% almacénaas entre 4 e 6 meses e un 32,9% durante máis de 6 meses.

-As plantas enxertadas déixanse durante longos períodos de tempo (41,1% durante máis de 20 días) con temperaturas elevadas (un 44,5% déixaas a máis de 28ºC) nas cámaras para a formación do callo e enraizamiento.

-O 88,4% dos viveiros utiliza funxicidas para previr as enfermidades da madeira.

-Soamente o 29,6% dos viveiros utiliza termoterapia con auga quente, unha técnica considera hoxe en día como unha das máis eficaces e sustentables para previr no viveiro as enfermidades fúnxicas da madeira. Nos viveiros que utilizan este método un 47,5% faino antes do enxerto, un 17,5% ao final do proceso de propagación e un 35% dos viveiros enquisados que aplican termoterapia faino en ambos os momentos.

Recomendacións para previr as enfermidades da madeira en viveiro

Debemos distinguir dúas fases: o campo de plantas nai e o que é proceso viveirístico.

En canto ao primeiro, as medidas de prevención das enfermidades da madeira no campo que se deben seguir son as seguintes:

– Establecemento de novas plantacións libres de patóxenos fúnxicos da madeira.

– Débense protexer as feridas de poda en plantas nai con novos funxicidas e/ou axentes de biocontrol autorizados, ou polo menos utilizar un mástic impermeable para cortes de poda.

-Limpar os útiles de poda entre plantas, retirar e queimar os restos de poda.

– Realizar un procesamento rápido das estaquiñas desde a súa recolección en campo ata a entrada no proceso viveirístico.

-Reducir o tempo medio de substitución das plantas nai de portaenxerto: máximo de 15 anos.

-Usar material vexetal de alta calidade fitosanitaria: grosor adecuado do patrón, distribución regular das raíces na circunferencia do callo, zona do enxerto sen roturas e unha cobertura uniforme con cera.

-En canto ao tipo de condución, están a realizarse diversos estudos sen resultados concluíntes ata a data. De todos os xeitos, na mesa redonda celebrada dentro destas xornadas técnicas houbo coincidencia entre os expertos en que os sistemas tradicionais, en especial o vaso, ofrece máis garantías fitosanitarias que os modernos, tipo guyot.

-Débese prestar atención ao sistema de rega: por goteo mellor que por manta ou por aspersión.

En canto ao proceso viveirístico propiamente dito, as medidas de prevención das enfermidades da madeira son as seguintes:

-Prestar especial atención á limpeza de:
Tesoiras e máquinas de enxerto
Cámaras de almacenamento en frío
Tanques de hidratación (antes, durante e ao final)
Instalacións

-Tratamento das plantas en viveiro mediante termoterapia con auga quente, novos funxicidas e/ou axentes de biocontrol autorizados. En canto á primeira, aínda moi minoritaria entre os viveiros españois, realízase mediante un hidratado durante unha hora da planta; a continuación mergúllase en auga a 53 graos durante 30 minutos e despois déixase arrefriar durante unha hora nun tanque con auga a temperatura ambiente.

Actualmente non existe ningún funxicida autorizado en España que sexa eficaz

Respecto ao control químico, existen moi poucos funxicidas autorizados en Europa para o control das enfermidades da madeira en vide (soamente en Alemaña está autorizado o Quinosol ou Sulfato de hidroxiquinoleina). No caso de España, actualmente non existe ningún funxicida autorizado que sexa eficaz. Hai uns anos estaba autorizado a Carbendazima, para tratar a enfermidade de Petri; en Portugal utilizábase Cyprodinil + Fludioxinil para o pé negro e o decaemento por Botryosphaeria con bos resultados.

En canto aos axentes de control biolóxico autorizados en Europa para o control das enfermidades da madeira en viveiros de vide son en Italia a Trichoderma asperellum + T. gamsii (Remedier®) e en Portugal está en proceso de autorización a Trichoderma atroviride (Esquive®).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información