Como poden contribuír as explotacións gandeiras a incrementar a biodiversidade?

Dúas explotacións de produción de cabrito e cordeiro de Lugo son as primeiras de Galicia en sumarse a un proxecto de custodia do territorio. É unha iniciativa que afianza un compromiso coa contorna que levan anos fraguando e que agora formalizan cun acordo a dez anos

Como poden contribuír as explotacións gandeiras a incrementar a biodiversidade?

La Cabreta, é unha das primeiras ganderías que asina o convenio de custodia do territorio en Galicia. / Imaxe: Joan Alibés.

As explotacións La Cabreta e Veiga de Luaces, situadas no concello de Pol, en Lugo, levan anos especializadas na cría de cabrito e cordeiro de calidade e apostando por medidas respectuosas co medio. Agora decidiron dar un paso máis cun acordo de custodia do territorio, que están a piques de formalizar, pero do que xa teñen algúns resultados.

Son as primeiras ganderías en formalizar este acordo en Galicia, tal e como explica Martiño Cabana, técnico da Asociación Galega de Custodia do Territorio. Porén non son os primeiros pasos que dan xuntos. A colaboración entre a asociación e estas explotacións comezou hai xa cinco anos e agora comeza a dar os seus froitos. “Este acordo fai que sexas consciente de que a explotación está incluída nun espazo natural, unha contorna que existe e importa”, recoñece Joan Alibés, propietario de La Cabreta, unha das explotacións participantes.

Este acordo de custodia é un documento que sela o compromiso de continuar desenvolvendo prácticas que favorezan a biodiversidade a longo prazo, en concreto por dez anos. Un traballo conxunto no que os gandeiros comprométense a levar a cabo nas súas explotacións accións que melloren o seu entorno. Namentres, dende a asociación amósanlles as pautas e actuacións que poden seguir para preservar a diversidade de especies na zona e sumar valor á explotación, ó asentarse en prácticas sostibles co medio, cada vez máis apreciadas e demandadas polos consumidores.

Actuacións para favorecer a biodiversidade

Ó longo destes anos leváronse a cabo distintas accións nestas dúas explotacións, que xa tiñan unha fonda conciencia medioambiental, asentadas en prácticas non intensificadas e industrializadas. Así, nestes casos xa partían dun manexo sostible e este programa permitiulles potenciar esas rutinas respectuosas. As actuacións que se propuxeron e desenvolveron son diversas e á par de favorecer o medio, tamén supuxeron melloras significativas para as explotacións:

  • Creación e recuperación de charcas de rega

As charcas son unha das actuacións que máis efectos visibles aportan tanto ó medio, posto que favorecen a presencia de anfibios e insectos; como ós gandeiros, proporcionándolle espazos para que os seus animais beban sen necesidade de carrexar a auga. Ámbalas explotacións contan xa con charcas. Precisamente, a recuperación dunha charca cuberta pola maleza nos terreos de Veiga de Luaces hai catro anos foi unha das primeiras actuacións realizadas.

Unha das charcas construídas nos terreos da gandeiría La Cabreta. Joan Alibés.

Unha das charcas construídas nos terreos da gandería La Cabreta. Joan Alibés.

Por outro lado, en La Cabreta, ó non contar con ningunha charca, levouse a cabo o ano pasado a creación dunha na que tamén se incluíu un bebedoiro para o gando.

“Estas pozas de rega eran un hábitat moi común hai anos pero que coa gandaría moderna foron quedando relegadas. Son un lugar idóneo de reprodución de anfibios e, pese a súa importancia, non contan con ningunha medida de protección específica”, explica Martiño Cabana.

  • Restauración de muros

A restauración de antigos muros serve para proporcionar refuxios para os anfibios, á par que ofrece un sistema de peche para o gandeiro. Neste caso, procedeuse xa á recuperación dun valo na explotación de Veiga de Luaces e está pendente de continuarse con esta labor.

Non se contemplan actuacións desta índole en La Cabreta, posto que se asenta nunha zona onde a concentración parcelaria eliminou boa parte destes peches. Estes espazos son un hábitat específico para refuxios con zonas frescas para píntegas e réptiles.

A restauración destes muros ofrece refuxios para anfibios e réptiles ou especies vulnerables como o caracol de Quimper

Ademais, localizouse nesta zona o caracol de Quimper -propio da Bretaña francesa, da costa atlántica e de Galicia-, que na actualidade se atopa nunha situación de vulnerabilidade. Así, a recuperación destes espazos ofrécelle un hábitat adecuado que contribúe a preservalo.

  • Podas para favorecer a diversidade vexetal

Procedeuse xa a unha poda selectiva para favorecer a diversidade da cuberta vexetal. Estas podas permiten que, tanto nas pradarías de sega coma nas dedicadas a pasto, afloren plantas e herbas máis diversas debido a existencia tanto de zonas de sol como de sombra. Este acordo incide tamén na necesidade de evitar un sobrepastoreo que esgote a terra.

“Os prados de sega típicos de hai 30 ou 40 anos eran moi variados con especies como a árnica ou as orquídeas que están a desaparecer. Os prados están cada vez máis intensificados, encamiñados a producións homoxéneas como raigrás e con pouca diversidade de especies”, detalla Cabana.

Nestas zonas, a mera existencia deste tipo de pradeiras é tamén positivo ó ser unha alternativa ó avance de plantacións homoxéneas, sobre todo de eucalipto, así como ó abandono do campo, que mingua tamén a diversidade de especies.

  • Refuxios para as aves e os morcegos

Tanto as podas controladas de árbores como a colocación de refuxios e caixas niños favorecen a presenza de aves e morcegos, cuxa presenza nunha zona moitas veces está limitada pola falta de árbores que se lles axusten para estas labores.

Unha proposta para distintas explotacións

Estas dúas explotacións que subscriben agora o acordo de custodia do territorio son moi diferentes, con modelos ben distintos de traballar, aínda que as dúas comparten intereses por unha produción sostible.

La Cabreta aséntase nunha zona homoxeneizada tras un proceso de transformación parcelaria e con apenas estruturas tradicionais que é preciso construír. Namentres, en Veiga de Luaces as directrices do acordo están máis enfocadas á recuperación de técnicas e espazos tradicionais que favorecen a diversidade e que aínda se conservan.

Tanto para os promotores do acordo como para os propios gandeiros este modelo de custodia do territorio pode ser aplicable a outras explotacións que teñan esa vontade ecolóxica, independentemente do modelo no que estean asentadas.

“Hai moitas explotacións sensibles que xa están demostrando co seu xeito de traballar que poderían participar na custodia do territorio”

“Estas son as primeiras pero xa estivemos colaborando en tarefas de diversificación das pradeiras noutra explotación en Rábade. Hai moitas explotacións sensibles, que xa están demostrando co seu xeito de traballar, ofrecendo produtos de calidade, co compromiso de non intensificar a súa produción, co manexo que están a facer… que poderían participar nesta custodia do territorio. Nestes casos poderiamos ofrecerlle pautas para mellorar en aspectos que moitas veces descoñecen, pero son explotacións que xa amosaron unha gran sensibilidade co territorio”, expón Martiño Cabana.

Pequenos xestos que suman

Aínda que este proxecto contou con financiación por parte da Fundación Biodiversidade, “o obxectivo é propoñer técnicas e melloras para favorecer a biodiversidade que poidan ser asumibles polos propios gandeiros, por iso nos centramos en medidas sinxelas e que tampouco supoñan unha gran inversión”, concreta Cabana. Se ben, estas actuacións poderían optar a subvencións se se levan a cabo, por exemplo, en terreos da Rede Natura, puntualiza o técnico.

Polo de agora desbotan apostar por un selo que identifique estas producións respectuosas co medio e apostan por trasladar o seu compromiso dun xeito directo ós seus clientes, posto que o consideran unha forma máis eficaz de garantir que chegue o consumidor.

Sobre a mesa tamén está a posibilidade de ampliar esta custodia do territorio á explotación forestal do monte, unha proposta que consideran “moi interesante” pero que polo de agora non ven viable. “Nese caso non está fallando o produtor, senón o mercado e deberían ser as administracións as que fagan fronte á que é a peor degradación do territorio dos últimos anos tanto de Galicia como do norte de España e boa parte de Portugal: o eucalipto, un auténtico deserto verde”, sentencia Cabana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información