Como o portaenxerto inflúe sobre o viño: o caso da variedade Albariño

Un viñedo de ensaio instalado polo Evega en Ribadumia analizou os resultados agronómicos e enolóxicos obtidos con catro patróns distintos, cultivados en espaldeira

Publicidade
Como o portaenxerto inflúe sobre o viño: o caso da variedade Albariño

Plantación do campo de ensaio de portainxertos. // Foto cedida pola Evega.

Na Denominación de orixe Rías Baixas, a maior parte das plantacións de Albariño conduciánse en emparrado e o portainxerto máis empregado para este tipo de solos era o 196-17C e en menor medida o 110R. Nos últimos 20 anos, coa reestruturación do viñedo, incrementouse a superficie plantada en espaldeira, como un sistema máis adaptado á mecanización, pero non houbo esa mesma evolución no que a portainxertos se refire.  

“O portainxerto segue sendo o gran esquecido do viñedo. A elección do portainxerto para estas novas plantacións realízase  por tradición ou baseándose nas características teóricas dos mesmos, a falta de estudos particulares para cada zona de produción”, sinala Beatriz Castiñeiras, técnica da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).

“Encómiase ao terruño e a cepa, esquecendo que o portainxerto asegura o lazo entre os dous e que o seu uso na viticultura xurdiu como unha solución de loita biolóxica fronte á praga da filoxera e á resistencia a parásitos do solo e nematodos”, recorda Castiñeiras. 

Neste contexto, na Evega levaron a cabo un campo de ensaio nas Rías Baixas no que estudaron o efecto de 4 portainxertos sobre a variedade Albariño nun sistema de formación en espaldeira para coñecer a resposta agronómica e enolóxica do viñedo.

No ano 2007 realizaron a plantación do campo de ensaio con 4 clons de Albariño sobre 4 portainxertos (196-17C, 101-14MG, 3309C e SO4), sobre unha espaldeira simple cun marco de plantación de 2,50 x 1,20 metros, o que supón unhas 3.333 cepas por hectárea, con 3 repeticións por portainxerto e clon e 5 plantas por repetición.

Os resultados do estudo pretenden ser unha ferramenta para os viticultores de cara a elección do portaenxerto, de xeito que se amplie, con datos contrastados, o abanico de variedades de portainxertos a empregar nas novas plantacións

“Os resultados obtidos do estudo, pretenden ser unha ferramenta para os viticultores á hora de seleccionar o portainxerto para as súas novas plantacións en base a datos contrastados, de maneira que se amplíe o abanico de portainxertos empregados”, detallou Castiñeiras durante a presentación da experiencia nunha recente xornada técnica organizada pola Evega e Agacal.  “A diversidade varietal de portainxertos empregados en Galicia é moi estreita, e esta estratexia pode pór en risco a viñedos polas condicións ambientais, que se ven modificadas co cambio climático, e tamén pola evolución das pragas de solo para adaptarse a estas novas condicións”, explica a técnica.

A selección do portaenxerto

Castiñeiras lembra que á hora de seleccionar o portainxerto é preciso escoller o que mellor se adapte ás condicións edafoclimáticas nas que se vai a desenvolver, buscando que sexa afín á vinífera e se é posible, mellore as aptitudes propias da vinífera. Ademais, para unha decisión correcta, resulta imprescindible coñecer o tipo de solo da plantación, polo que se require unha análise física e química do terreo, xa que este adoita limitar as funcións do portainxerto.

“A elección do portainxerto é unha decisión clave que o viticultor ten que ter moi presente, posto que vai condicionar o éxito ou o fracaso da plantación, moderando o vigor, se o que se busca, é a obtención de viños de calidade”, detalla Castiñeiras.

Neste traballo de investigación, seleccionáronse catro portainxertos en base ás características e condicións edafoclimáticas da parcela, á afinidade coa variedade Albariño e ó vigor:

Portainxerto 196-17C, de vigor medio-alto, bo comportamento e desenvolvemento en solos acedos, resistente a solos secos e tolerante a terreos húmidos e compactos. Moi empregado na zona das Rías Baixas e outras zonas vitícolas de Galicia.

Portainxerto S04, de vigor medio alto, tolerante a solos húmidos e acedos, con baixa resistencia á seca . É unha opción que absorbe mal o magnesio e favorece o fenómeno de desecación de raspón. Seleccionárono neste estudo por ser empregado na zona, en solos frescos e en sistemas de emparrado.

Portainxerto 3309 C, de vigor medio, como alternativa apropiada para solos profundos, fértiles e permeables, que tamén se adapta a terreos soltos e acedos, con maior sensibilidade a terreos húmidos e moi secos e ás carencias de potasio. É un portainxerto que logra afinidade cun gran número de viníferas.

-Portainxerto 101-14MG, cun vigor moderado, é unha opción adecuada para solos soltos, tolerante ao exceso de humidade e a terreos compactos, pero sensible á seca.

Ademais dos portainxertos, na investigación da Evega, utilizáronse clons de Albariño con diferentes perfís procedentes da propia selección clonal do cultivar Albariño, presente na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia. “Para poder valorar a influencia do portainxerto sobre a variedade de Albariño, escolléronse clons con perfís diferentes, co obxectivo de establecer unha parcela policlonal, que representase o material vexetal que poden ter os viticultores nas súas plantacións”, especifica Castiñeiras.

Estableceron unha parcela policlonal, con clons de Albariño de diferentes perfís, para valorar a influencia do portainxerto

Optaron por empregar os clons A-57 e A-60, que teñen unha produción e formación de azucre alto e acidez por baixo da media. Tamén utilizaron o A-158, cunha produción media-baixa e unha formación de azucre e acidez alta. O estudo completárono co A-006, que ten unha produción e formación de azucre baixos e acidez alta.

Para avaliar o comportamento dos 4 portainxertos seleccionados, realizaron o estudo da fenoloxía e o estudo de parámetros de fertilidade. Así, analizaron a porcentaxe de xemas francas brotadas e número de acios por xema franca brotada. Analizaron tamén, parámetros agronómicos de produción (quilos por cepa, número de acios por cepa e peso do acio).

Referente ó desenvolvemento vexetativo, estudaron o peso de madeira de poda (quilos por cepa) e o equilibrio entre produción e vigor calculando o Indice de Ravaz. Para avaliar a calidade do mosto analizáronse os parámetros de grao alcohólico probable, pH, AT, acedos tartárico e málico, potasio e NFA.

Tamén realizaron microvinificacións na propia adega da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, para analizar os parámetros e calidade do viño resultante para cada un dos portainxertos obxecto de estudo. Finalmente, analizaron estatísticamente os datos estudados durante o período 2011 até 2016.

Os resultados obtidos

No estudo fenolóxico, o equipo de investigadores que participou na experiencia destacou que os portainxertos SO4 e 196-17C, conseguiron unha floración máis tardía e o portainxerto 3309C chegou ao envero máis atrasado que o resto dos portainxertos estudados. Mentres, o 101-14MG foi o portainxerto máis adiantado na floración e no envero.

“O ciclo da variedade sobre cada un dos portainxertos en estudo é importante á hora de seleccionar aqueles que consigan a maduración da variedade antes do inicio das choivas equinocciales de outono, que en Galicia se producen a partir de mediados de setembro e favorecen o desenvolvemento da Botrytis cinerea“, explica Castiñeiras.

En parámetros de produción, destacaron os resultados logrados co portainxerto 3.309C, cunha produción por cepa de 2,95 quilos, un rendemento de 9.821,30 quilos por hectárea, así como uns 33,16 acios por cepa, cun peso medio do acio de 115,15 gramos. Co 3309C obtiveron valores de produción por encima da media, cun incremento do 5%. Tamén logrou bos valores o portainxerto 101-14MG, cun incremento próximo ao 3%.

Os portainxertos 196-17C e SO4, en cambio, obteñen valores de produción por baixo da media. Referente ao peso do acio e ao número de acios por cepa, os portainxertos 101-14MG e 3309C obtiveron valores por encima da media.

En parámetros de fertilidade, as porcentaxes de xemas francas brotadas, lograron valores superiores cos portainxertos 101-14MG, 3309C e 196-17C, fronte ao índice de brotación co portainxerto SO4, que obtivo o valor de taxa de brotación máis baixo e inferior á media. O número de acios por xemas francas brotadas, mostrou valores superiores nos portainxertos 101-14MG e 3309C.

Na analíse do desenvolvemento vexetativo, co Indice de Ravaz, os portainjertos 3309C, SO4 e 101-14MG tiveron os valores máis altos, sendo os máis equilibrados a nivel de desenvolvemento vexetativo. Mentres, o portainxerto 196-17C presentou un valor máis baixo, como consecuencia dunha menor produción.

Outro dos aspectos que valoraron foi a calidade do mosto, aínda que non detectaron diferenzas significativas entre os distintos portainxertos, si observaron tendencias estables. Así, co portainxerto 101-14MG e o 196-17C lógranse mostos de maior gradación, con valores de acidez e málico por baixo da media. Co portainxerto 3309C conséguense mostos de menor gradación, menor acedo málico e valores de potasio, e mostos de maior acidez, acedo tartárico e NFA. O portainxerto SO4 obtén mostos de menor grao e NFA, valores altos de acidez, acedo málico e potasio.

Portainxerto máis equilibrado

Na comparativa, o portainxerto cun comportamento ‘máis equilibrado’ para unha plantación de Albariño, conducido sobre unha espaldeira simple, é o 101-14MG, tanto en parámetros de fertilidade, agronómicos e enolóxicos, como logrando mostos equilibrados.

Castiñeiras tamén destaca que na plantación, o portainxerto 196-17C, aínda que agronomicamente non se comporta de forma equilibrada, presentou unha boa taxa de brotación e a nivel enolóxico obtiveron mostos equilibrados.

O portainxerto SO4 resulta ser o menos aconsellable para un viñedo de Albariño sobre un sistema de formación en espaldeira

Co portainxerto 3309C, a nivel agronómico e de fertilidade, a variedade compórtase de forma estable e equilibrada, con todo enoloxicamente presenta mostos con menor concentración de azucre e valores máis altos de acidez. Entre a selección de portainxertos que estudaron na Evega, o portainxerto SO4 resulta ser o ‘menos aconsellable’ para utilizar sobre un sistema de formación en espaldeira. “Foi o menos estable e equilibrado tanto a nivel enolóxico como agronómico”, concreta a técnica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información