Como o monte veciñal de Meira repensou a súa gandería de cabras para facela viable

A comunidade de montes de Meira, en Moaña (Pontevedra), introduciu no 2016 un rabaño de 120 animais, pero as esixencias do seu manexo diario impedían a rendibilidade da iniciativa. Para solucionalo, optaron agora por limitar o pastoreo das cabras a peches fixos

Como o monte veciñal de Meira repensou a súa gandería de cabras para facela viable

Os montes veciñais de Meira de Moaña con gando cabrún nos seus montes

A comunidade de montes de Meira (Moaña) replanteouse o seu proxecto de pastoreo con cabras tras ver que os custos de mantemento eran difíciles de asumir. A iniciativa arrancara hai 5 anos co pastoreo diario dunhas 120 cabras. Co paso do tempo, a comunidade chegou a ter 170 cabezas aproximadamente. Para o seu manexo, chegaron a contratar a tres persoas, pois nos inicios, as cabras pastoreábanse a diario por diferentes partes dentro das máis de 400 hectáreas que abarca este monte veciñal.

Os animais rotábanse polas diferentes zonas do territorio para ir limpando os matos que se dan. A penas existían peches, polo que, todas as noites as cabras tiñan que volver a unha nave construída pola comunidade. Tal e como especifica Javier Fernández, presidente da Comunidade de montes de Meira, “as cabras teñen moita utilidade pero cun peche nada máis como tiñamos antes, requirían moitos recursos de tempo e man de obra”.

A inversión desde un principio foi cuantiosa, e segundo especifica Jesús Collazo, membro da directiva da Comunidade , “á nosa inversión sumóuselle a man de obra do traballo diario de tres persoas, ademais dos gastos de mantemento dos animais porque cómpre ter en conta que non é un monte que lle dea unha alimentación completa ao gando”. Por este motivo, víronse na obriga de cambiar o formato desta iniciativa para buscar a continuidade do proxecto con menores gastos.

“Arrancamos cunha inversión para a nave duns 150.000 euros e con gastos de man de obra de tres persoas, e non era viable” (Jesús Collazo)

“Tivemos que dar un pequeno paso marcha atrás porque tiñamos tres traballadores e moitos gastos, e isto ten que estar acompañado dalgún rendemento económico”, explica Collazo. Tras vender unha parte da explotación, aproximadamente unhas 100 cabezas, a un particular ourensán, “a idea é continuar co proxecto introducindo máis peches, esa démonos conta que era a clave”, detalla o presidente. Nestes momentos contan cunhas 50 cabras divididas en dous peches, un de 15 hectáreas, outro de 12 ha, aos que incorporarán un máis de 6 hectáreas.

Jesús Collazo e Javier Fernández coinciden en que “o proxecto segue sendo unha boa idea pola labor que fan as cabras no monte e pola súa utilidade nun terreo tan extenso”, pero “teñen que reducir gasto para ‘case empatar’ os custos a cero”. Así mesmo, entre os seus obxectivos futuros están o aumento de cabezas baixo a premisa de “darlles un coidado especial, dándolle prioridade aos coidados veterinarios e a súa saúde para tratalas como se foran persoas”, avanzan.

Instalacións e axudas
“Os inicios foron totalmente sobre a nosa responsabilidade, non recibimos axuda de ninguén”, confirma Javier Fernández. Naquel ano, a Xunta concedía axudas á compra de cabezas de gando, pero “xusto cando arrancamos nós, quitaron este tipo de subvencións”, detalla Collazo. Daquela, unha axuda que tiveran por parte de Medio Rural fora para colaborar nun dos peches que tiñan pensado.

Agora, “a Consellería vai colaborar facendo un novo peche, e vainos facer un refuxio de ‘tres paredes’ cuberto para que os animais non teñan que ir todos os días a unha nave, e que en caso de temporal, teñan un lugar onde resgardarse”, adiante Fernández. Da mesma maneira, aclara que “este ano van saír unhas axudas para o mantemento de razas autóctonas, neste caso de cabra galega, as cales intentaremos solicitar”. “Este proxecto hai que readaptalo a outra forma de funcionar para continuar tendo un bo complemento nos nosos montes”, conclúe Javier Fernández.

Cabras pastoreando nas beiras dunha pista forestal da comunidade de montes.

Cabras pastoreando nas beiras dunha pista forestal da comunidade de montes.

“Estaremos atentos a unhas novas axudas que van saír o próximo ano para o mantemento de razas autóctonas” (Javier Fernández)

“Este proxecto hai que readaptalo a outra forma de funcionar para continuar tendo un bo complemento aos nosos montes”, conclúe Javier Fernández.

‘Cabras bombeiras’ no monte veciñal de Meira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información