Como o interior de Galicia superou á costa norte en produción de eucalipto?

Falamos con dúas empresas madeireiras da zona centro da comunidade, Maderas Carril e Forestal Gonzar, para coñecer as claves do liderado en cortas de eucalipto do distrito forestal Santiago – Meseta interior. Elevados crecementos e menores custos de aproveitamento son dous dos factores

Publicidade
Como o interior de Galicia superou á costa norte en produción de eucalipto?

O distrito forestal Santiago – Meseta interior fíxose nos últimos anos co liderado en cortas de eucalipto, sobrepasando os tradicionais graneiros da especie, a Mariña lucense, Ferrolterra – Ortegal e as Mariñas coruñesas.

O eucalipto é xa a especie predominante nas cortas no distrito forestal III Santiago-Meseta Interior. Do total de 1,46 millóns de metros cúbicos de madeira cortada o ano pasado, 1,2 millóns foron de eucalipto e 0,23 de piñeiro, cunha pequena parte de frondosas.

O incremento de cortas de eucalipto do distrito Santiago-Meseta Interior está a servir para compensar o descenso nas comarcas da Mariña e Ferrolterra

O incremento da capacidade de subministro de eucalipto está a trasladarse ao interior de Galicia. Así, nos últimos cinco anos, mentres o volume de cortas de eucalipto descendía un 20% no distrito forestal de Ferrol e un 14% na Mariña Lucense, incrementábase nun 25% no de Santiago-Meseta Interior e un 46% no distrito IX Lugo-Sarria.

cortas de eucalipto 2025 por concellos

Os concellos con maior volume de corta de eucalipto están situados no terzo norte de Galicia, nomeadamente na provincia da Coruña: Ortigueira (158.185 metros cúbicos) foi o concello co maior volume de cortas no ano 2025, seguido de O Pino, Oza-Cesuras, Ordes e Santa Comba.

Falamos con dúas empresas forestais que traballan no distrito onde máis madeira de eucalipto se corta de toda a comunidade: Maderas Carril, de Arzúa, e con Forestal Gonzar, de O Pino. Coa súa axuda analizamos os factores que están a facer do distrito forestal III Santiago-Meseta Interior o de máis produción de eucalipto de Galicia.

Revalorización do monte grazas ao nitens

Gerardo Pintor é o responsable de Forestal Gonzar, do Pino, que traballa nos concellos de O Pino, Trazo e Tordoia, chegando tamén a Negreira e Santa Comba. “Traballamos maioritariamente eucalipto, piñeiro xa non queda moito que apañar na nosa zona, aquí o 90% é eucalipto, case todo nitens, só queda algo de glóbulus en zonas onde non houbo concentración parcelaria”, di.

O monte revalorizouse en toda esta zona desde que se empezou a plantar nitens porque se empezou a facer xestión forestal

“O monte revalorizouse en toda esta zona desde que se empezou a plantar nitens, sobre todo naqueles lugares nos que hai concentración. Antes estábase ao que daba o monte, pero coas plantacións forestais de nitens comezou a xerar rendas para o propietario”, asegura.  

Altos rendementos por hectárea e ano

Unha procesadora de Forestal Gonzar, do Pino, traballando nun monte de eucalipto

Unha procesadora de Forestal Gonzar, do Pino, traballando nun monte de eucalipto

Con turnos de corta de 10-12 anos, os rendementos poden situarse entre as 22 e as 25 toneladas/ferrado (539 metros cadrados nesta zona), producindo uns ingresos duns 800€ por ferrado para o propietario, o que equivale a uns 15.000€/ha.

A produtividade é alta, de máis de 350 toneladas/ha en 11 anos

Son uns rendementos “que non dan as vacas”, asegura Miguel Carril, de Maderas Carril, de Arzúa, e “o traballo non é o mesmo”, di. Tres cuartas partes do que corta a súa empresa é eucalipto, unha parte importante para Navigator.

Monte concentrado

Miguel pon o foco nas concentracións parcelarias levadas a cabo nos concellos que forman parte do distrito forestal como unha das claves para a súa alta produtividade madeireira. “En Arzúa, no Pino, en Mesía e en Frades está practicamente todo aparcelado. En Touro un pouco menos, igual que en Santiago, que non estarán concentrados ao 100%, pero si ao 80%”, calcula.

Aquí hai grandes propietarios, con máis de 100 hectáreas, e a maioría das fincas son compradas

Iso fai que, polo xeral, as fincas sexan grandes e con mellores accesos. “Cambia moito a forma do traballo e o rendemento das máquinas no monte. Non ten nada que ver con outras zonas”, afirma Miguel, que traballa por toda Galicia. “Hoxe practicamente non é viable ter fincas de menos dunha hectárea; as parcelas pequenas non son rendibles”, asegura.

Plantacións coidadas e abonadas

Outro factor que destaca desta zona é o coidado do monte. “A xente aquí inviste moito no monte, elixe a mellor planta, abona moito e coida as plantacións, buscando sacar un rendemento moi alto, porque o terreo aquí é moi caro e se o queres amortizar, porque a maioría das fincas son compradas, tes que obter un rendemento alto delas”, di.

No resto de Galicia non se abona como se abona aquí, por iso non hai os mesmos crecementos

“No resto de Galicia non se abona como se abona aquí, por iso non hai os mesmos crecementos. Aquí fanse dous abonados, un no momento de plantar e outro aos 3 anos”, aclara Miguel, que pon o foco nos tratamentos culturais para asegurar uns crecementos elevados. “Na zona de Palas de Rei e Monterroso tamén abonan así e o eucalipto tamén medra ben”, di.

Turnos de corta máis reducidos

O eucalipto nitens atopa en comarcas do interior, como a de Santiago ou Arzúa na Coruña ou A Terra Chá e A Ulloa en Lugo, condicións óptimas para o seu crecemento. Resistente ás xeadas, o frío do inverno das zonas do interior incentiva o seu medre e a resistencia aos fungos, en tanto nas comarcas costeiras, onde até a chegada da mycosfarella o rei foi o glóbulus, os rendementos son menores e os turnos de corta alónganse.

O frío do inverno favorece o crecemento do eucalipto nitens

Así, mentres en lugares como Abadín ou A Pastoriza as parcelas de nitens poden cortarse aos 12-14 anos, nos concellos costeiros da Mariña, por exemplo, fan falla 16-18 anos para obter produtividades semellantes.

Na comarca de Santiago os turnos de corta son mesmo inferiores aos a Terra Chá, cortándose montes aos 11 anos e mesmo con menos de 10. “Hai fincas que se cortan con 9 anos”, asegura Miguel. “Aquí as fincas son planas e o solo moi produtivo”, destaca.

Menores custos de corta e saca

Carga de madeira en monte por parte de Madeiras Carril.

Carga de madeira en monte por parte de Madeiras Carril.

A orografía tamén incide nos custos de aproveitamento, que coa suba do combustible convertéronse nun factor determinante para a rendibilidade dos montes e as rendas finais aos propietarios.

Os custos de corta e saca en comarcas como A Terra Chá sitúanse uns 4 euros por baixo dos da Mariña ou Ferrolterra e nas comarcas do interior da Coruña onde hai concentración parcelaria e fincas máis grandes ese diferencial é incluso máis grande.

Pode haber tranquilamente entre 4 e 8 euros de diferenza nos custos de corta e saca entre unha finca grande e outra pequena

“Aquí hai parcelas de 30, 50, 80 ou 100 ferrados xuntos nunha peza nas zonas concentradas, fronte a montes de 5 ferrados onde non hai concentración. Traballar unha zona ou outra non ten nada que ver e o prezo que podes ofrecer ao propietario tampouco, porque o rendemento das máquinas é moi diferente”, razoa Gerardo.

Unha procesadora de Forestal Gonzar traballando 8 horas nun monte grande pode apear unhas 150 toneladas de madeira no día ou mesmo máis (“nós traballamos todo con corteza porque vai todo para Ence normalmente”, aclara Gerardo), mentres que en parcelas pequenas o rendemento pode baixar até as 70 toneladas.

Iso tradúcese en entre 4 e 8 euros de diferenza nos custos de corta e saca entre unha finca grande e outra pequena, dependendo tamén de outros factores, como onde estea o apeadeiro ou se o tráiler pode chegar a cargar a pé de monte.

Mellores prezos de venda da madeira para o propietario que na costa

ARZUA Maderas Carril 2Todos estes factores inflúen no prezo final da madeira que cobra o propietario forestal, que se move no entorno dos 38 euros máis IVE para o nitens sen casca que se está a cortar na zona de Arzúa ou O Pino, un diferencial respecto a outras zonas de Galicia de ate 8 euros en tonelada, debido a que se trata de parcelas de maior tamaño e con menores dificultades orográficas, o que facilita o rendemento das máquinas no monte e garante lotes de madeira máis grandes en volume ás empresas forestais.

O prezo do eucalipto fixado por Ence en Navia e Pontevedra baixou esta primavera un euro coincidindo co estalido da guerra en Oriente Medio, pero indo cara o interior de Lugo e A Coruña (comarcas da Terra Chá, A Ulloa ou Arzúa), onde as cortas de nitens gañan protagonismo ano tras ano, o prezo mantívose.

O nitens sen casca estase a pagar no interior da Coruña e Lugo neste momento a 38 euros máis IVE, moi por enriba do que se paga na costa

De feito, Ence está a pechar nestes momentos contratos de compra de madeira (nitens pelado) na comarca da Ulloa, en montes mecanizables e de fácil acceso, a 40 euros (prezo a cobrar polo propietario, co 12% de IVE e descontada xa a retención do 2%), un prezo uns 10 euros superior ao que se está a ofertar na Mariña polo nitens sen pelar que vai para Navia.  

Moratoria para novas plantacións

Na zona onde traballa Forestal Gonzar os seus clientes son todo particulares e Gerardo asegura que a decisión da Xunta de prorrogar a moratoria ao eucalipto non causou grandes prexuizos. “Xa había moito plantado, polo que non afecta tanto coma nas zonas onde non tiñan aínda eucalipto, pero afectar, sempre afecta”, recoñece.

Pola súa banda, Miguel recoñece que “unha parte das fincas plantadas podían servir para a agricultura” pero considera que “vai contra a propiedade privada que a Xunta obrigue ao propietario a alugar esas fincas a unha explotación gandeira”.

Suba do gasóleo e problemas de man de obra

Gerardo e Miguel coinciden en que a suba do gasóleo e outros custos e a falta de man de obra son dous dos problemas máis importantes aos que se enfrontan empresas como as súas neste momento.

Maderas Carril moveu o ano pasado 320.000 toneladas de madeira, o 75% eucalipto

“O gasóleo subiu entre un 25 e un 30%, o prezo da maquinaria un 10% e a hora de taller pasou de 40 e 60 euros”, relata Miguel, que optou por contratar a dous mecánicos en plantilla e mercar unha furgoneta-taller para estar cuberto ante as avarías e non ter maquinaria parada.

“Nós operamos en toda Galicia e bastante en Castela e León, onde temos dous equipos traballando neste momento. Somos 38 traballadores e temos 10 procesadoras, 4 taladoras, 8 autocargadores, 14 camións, 20 furgonetas, un bulldozer e 3 góndolas”, enumera.

Son investimentos elevados, xa que unha procesadora custa uns 300.000 euros, unha taladora 250.000, un autocargador entre 300.000 e 500.000 euros e un camión uns 180.000. “Pero á man non queda xa quen o faga”, asegura Gerardo.

Interese de Altri por asentarse na zona
A intención de Altri de instalar a súa fábrica de celulosa e lyocell en Palas de Rei sorprendeu, pero ao mesmo tempo chamou a atención sobre unha realidade da produción forestal galega que até hai pouco pasaba practicamente desapercibida: o liderado crecente das comarcas de Santiago, Ordes e A Ulloa nas cortas de eucalipto.

A proposta da pasteira portuguesa respondía así a unha dinámica clara nos últimos anos e buscaba a cercanía á materia prima.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información