O nematodo do piñeiro é un verme microscópico que trae de cabeza a propietarios forestais e serradoiros da zona sur de Pontevedra. No 2010 rexistrouse nas Neves un primeiro caso da praga e no 2016, cando o sector esperaba que a praga se declarase erradicada, xurdiu un segundo caso en Salvaterra do Miño, a 3 quilómetros do primeiro. Como conter ao nematodo?. Unha investigación realizada en Castela e León demostra que un dos métodos a considerar é o trampeo intensivo do insecto vector da praga, o ‘Monochamus galloprovincialis’.
O trampeo elimina case por completo ao ‘Monochamus’ se se aplica cunha densidade axeitada. Os ensaios de campo realizados en Castela e León sobre un área contigua de máis de 200 hectáreas avaliaron a eficacia de distintas densidades de trampeo na captura do ‘Monochamus galloprovincialis’. O traballo, realizado pola enxeñeira de montes Estela Sánchez Husillos no marco da súa tese doutoral, concluíu que con 0,8 trampas por hectárea eliminábanse ata o 95% dos insectos vectores presentes, que se estimaron en 82 por hectárea.
O 99% dos ‘Monochamus galloprovincialis’ desprázase un máximo de 3,1 quilómetros desde o seu punto de orixe
Ese esforzo de trampeo, 0,8 unidades por hectárea, resulta dunha intensidade tal que o invalida para grandes franxas de territorio, pero si constitúe unha opción viable para as zonas máis ‘quentes’. En Galicia, os puntos conflitivos sitúanse ao redor dos dous casos confirmados das Neves e Salvaterra do Miño, que distan entre si 3 quilómetros.
A Xunta mantén zonas de vixilancia intensiva nun radio de 3 quilómetros ao redor de ámbolos casos. Esa é, aproximadamente, a distancia que se calcula que poden percorrer os ‘Monochamus galloprovincialis’. A investigación de Estela Sánchez cifrou a maior distancia de voo para os adultos en 3,1 quilómetros, aínda que calcúlase que un 50% dos ‘Monochamus’ non se vai dispersar máis de 500 metros do seu enclave de orixe. No extremo contrario, os máis viaxeiros, ao redor dun 0,6%, afastaranse ata 5 quilómetros.
Trampeos en Galicia
No 2016, no radio de 3 quilómetros ao redor dun dos casos, a Xunta colocou 175 trampas, o que representa 0,1 trampas por hectárea. Con esa densidade de trampeo, no ensaio de campo realizado en Castela e León capturaban só ao 20% dos insectos vectores. Se ben eses datos non son extrapolables a Galicia, poñen sobre a mesa a opción dunha intensificación do trampeo como vía efectiva para capturar unha maior porcentaxe de ‘Monochamus galloprovincialis’.
A Xunta colocou 0,1 trampas por hectárea nunha zona de vixilancia intensiva. Con esa densidade, capturará presumiblemente só un 20% dos insectos vectores
A estratexia de trampeo, acompañada da eliminación de pés mortos e decaídos, máis susceptibles de recibir a praga, cobra especial importancia á vista das conclusións da última auditoría europea sobre a xestión do control do nematodo en Galicia.
O informe dos auditores decántase pola hipótese de que resulta probable que o novo caso do 2016 sexa unha continuación do brote do 2010, non un caso novo chegado de Portugal, país no que a praga estendeuse na última década como unha mancha de aceite por toda a xeografía.
Actividade humana
A expansión meteórica da praga en Portugal ilustra tamén a necesidade de controlar outra das vías de expansión do nematodo, a actividade humana. En Galicia, na área demarcada das Neves, que comprende un radio de 20 quilómetros en torno ao primeiro caso, efectúanse controis periódicos sobre a madeira que entra e sae, a fin de que todo o material leve a correspondente certificación fitosanitaria que garante que foi tratado e que non contén nematodo.