¿Como mellorou a valoración sobre o rural e os alimentos a raíz do coronavirus?

O proxecto ‘Somos que comemos?’, promovido ao abeiro do campus de verán XuvenCiencia en Rede e cuxa mostra ronda xa os 1.000 usuarios, revela que as mulleres e as persoas de mediana idade son as que máis mudaron a súa percepción sobre o rural e a alimentación de proximidade logo da COVID-19

Publicidade
¿Como mellorou a valoración sobre o rural e os alimentos a raíz do coronavirus?

Os meses de confinamento e estado de alarma debidos á pandemia por COVID-19 incidiron na percepción da poboación de Galicia sobre os alimentos de proximidade obtidos de forma sostible e respecto do medio rural no que se producen, segundo constatan os resultados preliminares da enquisa lanzada polo proxecto ‘Somos o que comemos?’.

Esta iniciativa, promovida polas profesoras e investigadoras do Campus de Lugo da USC Marta López Alonso e Ruth Rodríguez Bermúdez no marco do Campus de Verán XuvenCiencia en Rede 2020, pretende estudar o impacto emocional, económico e no día a día das persoas que produciu a pandemia, ademais de coñecer como mudou “o desinterese xeral da sociedade polas industrias agroalimentarias do país, a alimentación ecolóxica e mesmo ante o abandono do medio rural”.

Os datos preliminares deste estudo, que xa suma preto de 1.000 participantes, indican que as mulleres e as persoas de mediana idade son os grupos demográficos que máis incrementaron a súa valoración despois da COVID-19.

Unha emerxencia que dilúe as diferenzas

“Antes da pandemia en función da idade tíñamos diferentes intereses, en moitos dos parámetros estudados, e agora esas diferenzas ante unha emerxencia diluíronse”, sinala Ruth Rodríguez Bermúdez logo de analizar as respostas recabadas nunha enquisa que aínda ten percorrido investigador, xa que o cuestionario segue aberto en liña.

“Atópanse diferenzas moi evidentes ao analizar por pares a mesma pregunta sobre as intencións e intereses antes e despois do confinamento por Covid-19”, comenta Rodríguez Bermúdez, ao tempo que precisa que as persoas constultadas podían cuantificar a súa valoración entre o 1, como pouco, ata o dez, como máximo”.

Sesgo de xénero

As diferenzas nas preferencias entre homes e mulleres tamén denontan certo sesgo de xénero, segundo precisa a investigadora da Facultade de Veterinaria, que, a tenor dos datos avaliados, advirte que “a pandemia provocada polo coronavirus alterou máis a preocupación da poboación feminina. De feito, despois da COVID-19 hai máis mulleres que se inclinan por comprar alimentos de proximidade e saudables”, indica Ruth Rodríguez Bermúdez, para quen cómpre ter en conta nestas diferenzas a perspectiva de xénero, xa que son as mulleres as que se ocupan en maior medida dos coidados, da saúde e de facer as compras e de preparar os alimentos para toda a familia.

Outro dos parámetros analizados no proxecto Somos o que comemos? garda relación coa idade da poboación. Rodríguez Bermúdez sinala neste senso que os grupos nos que se observa un cambio de opinión máis importante son os de 25 a 35 anos e, máis amplamente, de 25 a 54 anos. “Non é de estrañar tendo en conta outros estudos que fixemos nós antes: a xente moi maior xeralmente por temas culturais ten menos preocupación co tema da alimentación saudable. Asemade, a xente nova ou ben aínda son tan novos que non viven sós e non fan eles as compras de alimentación ou ben teñen os gastos diversificados (dependen dos pais, cos cartos que lles dan teñen que comer, comprar roupa, fotocopias, ocio, …), así que por idade non están moi preocupados pola comida aínda. Por outro lado, a mediana idade coincide co momento en que se teñen fillos menores de 18 anos, un feito que moitos investigadores asocian cunha maior preocupación por unha alimentación saudable”, relata.

Aprézase, de igual modo, unha diferenza importante entre homes e mulleres no que atinxe á intención de trasladarse a vivir ao medio rural desde o ámbito urbano. Se a variación nas preferencias dos homes é apenas perceptible entre antes e despois da actual crise sociosanitaria, as mulleres si que experimentan unha maior vontade de vivir nunha contorna rural tras experimentar as semanas de confinamento e estado de alarma. Ao igual que no referido á alimentación, tamén neste parámetro é preciso ter en conta a perspectiva de xénero, xa que diferentes informes sinalaron estes meses de atrás que as mulleres con teletraballo e con fillos soportaron a maior parte do estrés do confinamento.

As variables da idade

Unha análise polo miúdo das franxas de idade permite asemade observar que antes da COVID-19 existían maiores diferenzas para a maioría de parámetros estudados, dado que as persoas de mediana idade acostumaban estar máis preocupadas por estas cuestións. Trala pandemia do coronavirus, esas diferenzas dilúense ou incluso desaparecen por completo e todo apunta a que o comportamento social responde ao dun grupo máis homoxéneo en canto á preocupación polos aspectos alimentarios.

Rodríguez Bermúdez recoñece neste senso a necesidade de debullar máis os datos para determinar con máis precisión a incidencia real da existencia de menores á hora de amosar unha preocupación diferente antes e despois da pandemia. “É habitual que as mulleres e os adultos (homes ou mulleres) de mediana idade con fillos sexan os máis concienciados coa alimentación neste tipo de enquisas”, sinala.

Outras das variables advertidas nas respostas obtidas no marco do proxecto ‘Somos o que comemos?’ están relacionados co nivel de estudos das persoas que participaron na enquisa. “De primeiras si podemos dicir que hai moita diferenza en función do nivel de estudos. Os que máis valoran o rural despois da pandemia −os que cambiaron de comportamento− son as persoas que non teñen estudos ou con estudos primarios e os de Formación Profesional”, comenta a investigadora de Veterinaria da USC.

Aínda así, Ruth Rodríguez Bermúdez incide en que unha análise máis detallada dos resultados servirá para concretar por que isto é así. “Pode darse o caso que as persoas con outro nivel de estudos xa o valorasen antes do Covid-19 cunha puntuación moi alta e por iso a modificación non é tan evidente”.

As diferenzas tampouco son relevantes no que se refire a como a COVID-19 ten alterado a inquedanza pola contorna natural das persoas que responderon á enquisa deseñada por ‘Somos o que comemos?’. “Para o nivel de estudos, por exemplo, non hai semellanzas salientables, pero si que se ve que se preocupan máis as mulleres que os homes polo medio ambiente despois da pandemia”, resume Ruth Rodríguez Bermúdez.

Táboa 5 Táboa 4 Táboa 3 Táboa 2 Táboa 1 Intención de vivir no rural

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información