Como mellorar a xestión dos xurros en granxas intensivas

A separación da fracción sólida dos puríns permite reducir a cantidade de nitróxeno e fósforo da parte líquida, o que facilita a súa aplicación no agro. Outras posibilidades consisten en sistemas de aireación das balsas e na creación de sistemas de rega

Como mellorar a xestión dos xurros en granxas intensivas

Separador de puríns. / Imaxe: Rosber.

A xestión dos xurros constitúe un dos principais problemas ós que se enfronta á gandeiría intensiva, sobre todo no caso do porcino, dada a súa carencia de terras onde aplicar os puríns. Unha granxa con 1.200 porcas pode gastar ata 19.000 euros ó ano no manexo dos seus xurros, segundo calcula Ramón Gea, de Mecánicas Segalés, unha firma catalana especializada no tratamento de puríns. Como abaratar ese custo?

A primeira vía pasa pola separación da parte sólida e líquida dos puríns. Para iso é preciso bombear os puríns ata un equipo de filtrado e contar cunha balsa na que almacenar a parte líquida resultante. Con ese tratamento conséguese unha dobre mellora. Por un lado, redúcese o volume da parte líquida nun 10-20%, máis en vacún, menos en porcino. Por outro lado, as maiores porcentaxes de nitróxeno e de fósforo quedan na parte sólida.

Ambas melloras permiten que se reduza o número de hectáreas precisas para aplicar os xurros. Seguindo co caso inicial e real da granxa de 1.200 porcas, ubicada en Cataluña, os seus propietarios precisaban nun inicio de 106 hectáreas para aplicar os puríns xerados pola granxa.

Ramón Gea, na charla en Cimag.

Ramón Gea, na charla en Cimag.

Para distribuílos, contaban con fincas nun radio de 2 a 35 quilómetros. A partir dos datos das fincas, estimouse un custo medio de aplicación de 3,09 euros por metro cúbico, incluíndo tempo do persoal, gasoil e amortizacións de tractor e cuba. O gasto total ascendía a 18.900 euros ó ano, segundo calcula Ramón Gea, que participou estes días nunha xornada sobre xestión sostible de puríns que organizou a empresa Rosber en Cimag – Gandagro.

Logo de separar a fracción sólida e líquida dos xurros, subía a cantidade de metros cúbicos precisos para acadar o tope anual de nitróxeno por hectárea (210 quilos en zonas non vulnerables, caso de toda Galicia, e 170 en zonas vulnerables). Esa circunstancia permitía aplicar os xurros en menos terras e reducir os custos a 16.500 euros.

Dixestión aerobia
Unha segunda vía para abaratar custos consistiu na instalación dun sistema de aireación na base das balsas de xurro. A aportación de aire favorece a acción de determinadas bacterias que contribúen a reducir a porcentaxe de nitróxeno en ata un 15%, segundo as estimacións de Ramón Gea. Con eses dous sistemas, separación sólida – líquida e aireación (dixestión aerobia), o custo de xestión baixou ata os 14.000 euros e as hectáreas precisas para aplicar os xurros ata 74.

En canto á xestión da parte sólida, Gea destaca exemplos nos que esa parte sólida se comercializa como esterco compostado, xerando ingresos para as granxas. “Hai xente que pensa, divido sólidos e líquidos e dun problema fago dous problemas. Non é así. Dun problema, sacas un produto que se valora e que se paga no mercado”, defende.

Sistemas de rega
Existen aínda máis posibilidades de xestión, como a creación de sistemas de rega en granxas que teñan fincas próximas. É unha alternativa que xa se ten aplicado con éxito en zonas do Levante como Almería ou Murcia. Tras o filtrado, a parte líquida dos puríns pasa a unha canle de decantación, na que a acción das algas continúa a reducir a porxentaxe de nitróxeno, e de aí entra directamente en sistemas de rega localizada.

En Galicia, tamén Coren inaugurou no 2016 unha planta no seu centro de selección xenética, en Quintela de Leirado (Ourense), seguindo unha lóxica similar de separación de puríns, redución do nitróxeno e utilización para regadío, neste caso en montes.

Plantas móbiles

Para que tipo de explotacións é viable a instalación dun equipo de separación de xurros? Ramón Gea sinala que as instalacións son adaptables en función do número de animais, se ben considera que son precisos un mínimo de 2.000 porcos en instalacións de cebo ou de 100 vacas. Para instalacións menores, grupos de gandeiros ou cooperativas poden traballar con plantas móbiles, que Gea asegura que xa están extendidas por moitas zonas de Europa.

O experto lembra tamén a conveniencia de batir os puríns para homoxeneizalos e evitar que teñan distintos contidos de nutrientes no fondo e na superficie. “O fósforo tende a irse ó fondo e o mesmo ocorre con parte do nitróxeno orgánico. Se o purín non é homoxéneo, pode deixar no campo zonas sen fertilizar e outras queimadas”, advirte.

Una idea sobre “Como mellorar a xestión dos xurros en granxas intensivas

  1. Juan Castro

    A separación da fase líquida e sólida do xurro, non é útil para as granxas de vacun galegas. Separar a materia orgánica como se fora algo malo, é un erro monumental. A MO do xurro e a que fixa o carbono no solo!!. a MO é o mais importante para a saude do solo que temos como aobono nas explotacions de vacún, o que non aportan os abonos minerais.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información