Mellorar a taxa de preñez nas explotacións de vacún de leite é imprescindible para manter a rendibilidade das ganderías. Unha necesidade aínda máis importante á vista da evolución das taxas de concepción durante os últimos 40 anos, nos que se veu observando un descenso continuado neste índice.
Así, se nos anos 70 a taxa de concepción en vacas de leite situábase nunha media do 53%, nos anos 90 baixou a un 35% e no 2000 ao 30%. Segundo os datos da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), a media da taxa de concepción en vacas no noso país está neste momento ao redor do 24% e en xovencas a taxa de concepción sitúase en torno ao 45 %.
Por aclarar algúns conceptos, lembremos que a taxa de concepción é o número de preñeces dividido entre número de inseminacións, é o que adoitamos chamar fertilidade e é un dato importante, pero se non se inseminan suficientes vacas non achega moito.
Por outra banda, a taxa de inseminación é o número de inseminacións que facemos do total que poderiamos facer. Mellórase con maior detección de celos, pero tamén con máis sincronizacións.
Taxa de preñez, o índice máis importante, é unha combinación da taxa de concepción e da taxa de inseminación. O ideal é 20 ou máis. Proba da súa importancia é que un punto de taxa de preñez son uns 20 euros por vaca.
Así, pasar de 15 a 20 supón uns 100 euros por vaca e ano, e de 15 a 25 representa uns 200 euros.
Porcentaxe de xestación acumulada con 15% e 20% de taxa de preñez segundo os días en leite:
Ademais, é necesario lembrar que unha parte importante das eliminacións nunha gandería seguen sendo debidas á infertilidade. Desta forma, as taxas de preñez habituais de 15% levan unha porcentaxe de ao redor dun 50% de eliminacións debidas a infertilidade. Pola contra, as boas taxas de preñez como un 20-25 levan entre un 15 e un 30 % de eliminación debida a infertilidade.
Factores que inflúen na taxa de concepción:
Existen unha serie de factores que inflúen na taxa de concepción e sobre os que o gandeiro ten maior ou menor grao de actuación. Podemos englobalos dentro de 4 grandes grupos:
– Fertilidade propia da vaca: xenética, saúde, alimentación, etc
– Fertilidade do seme: fertilidade do touro, manexo do seme, etc
– Momento da inseminación
– Calidade da inseminación: esta debe ser limpa, atraumática, pasado o cuello uterino, cunha correcta desconxelación, (35° C, 45 segundos) e un mantemento e inseminación artificial en menos de 15 minutos.
Algúns dos factores máis importantes que afectan á fertilidade propia da vaca son:
-Cetose. Os problemas relacionados co balance enerxético negativo e a cetose son dos que máis importancia teñen. Demostrouse que as vacas que non sofren balance enerxético negativo e manteñen e mesmo gañan peso no posparto son unha poboación cunha fertilidade incriblemente alta que pasa desapercibida ao analizar os datos en conxunto.
As vacas que manteñen e mesmo gañan peso no posparto teñen alta fertilidade.
– Enfermidades infecciosas. Existe unha serie de enfermidades infecciosas con impacto na reprodución que debemos ter baixo control.
-Niveis de calcio posparto. Estímase que o 50% das vacas teñen hipocalcemia subclínica, e aínda que isto ocorre só nas primeiras 48- 72 horas, afecta aos glóbulos brancos e predispón a metrite.
-Urea en leite. Reflicte un exceso de proteína relativo ou absoluto na
ración. O nivel alto de urea provoca niveis altos de urea no útero e dana o seme e os embrións. Os valores normais de urea deben situarse entre 250-300 mg/L
-Densidade de poboación. En xeral non debemos exceder o 100% de ocupación e mesmo nas vacas en transición debemos estar por baixo.
-Confort. Pódese medir polo Índice de Cow confort (CCI), que é a proporción de vacas que están deitadas do total de vacas nos cubículos. O obxectivo é que sexa maior do 85%. Outra forma de medilo é mediante o Índice de uso de cubículos (SUI), que é a proporción de vacas que están deitadas do total de vacas que non están a comer. O obxectivo que se supere o 75%.
-Estrés por calor. Incide tamén nunha menor fertilidade.
-Metrite. Entre as súas consecuencias están unha menor produción de leite, atraso en días abertos (de 20 a 40 días) e mesmo infertilidade total, o que leva á eliminación do animal.
-Mamite. O compoñente inflamatorio das mastite baixa tamén as taxas de concepción. Así, unha mamite subclínica diminúe a fertilidade entre un 14 e un 20%. E un episodio de mastite clínica entre 10 días antes e 30 días
despois da inseminación diminúe nun 23% a fertilidade.
Impacto de problemas de saúde na taxa de concepción:
Tratamentos para aumentar as taxas de inseminación e taxas de concepción
Pódese aumentar a taxa de inseminación nunha vaca ben sexa por detección de celo natural, inducilo mediante un tratamento con prostaglandina (PG) ou mediante o sistema Ovsynch ou GPG. Pero ademais, para alcanzar unha boa taxa de inseminación e aumentar a taxa de concepción, pódese recorrer a protocolos de fertilidade que engaden elementos ao Ovsynch ou GPG, como son a presincronización, o dispositivo de proxesterona PRID Delta ou o uso de dúas prostaglandinas
As xovencas, as grandes esquecidas
Aínda que se adoita pensar máis nas vacas adultas, é moi importante ter en conta que aproximadamente un 30% das xestacións necesarias para unha explotación van proceder das xovencas. En explotacións nas que un terzo aproximado das vacas en muxido durante un ano son vacas que tiveron o seu primeiro parto ese ano, as xovencas, animais extremadamente fértiles, constitúen unha oportunidade de xerar as xestacións necesarias. Por iso, cando falamos de mellorar a eficiencia reprodutiva nunha explotación debemos incluír no programa tamén ás xovencas.
Existe un protocolo de inseminación a tempo fixo que dá uns resultados excelentes en xovencas, coa mesma taxa de concepción dos celos naturais, pero que ten a vantaxe de poder facerse cando o desexamos, polo que se llo facemos ao 100% das xovencas ao chegar ao desenvolvemento mínimo para reprodución (130 cm de altura á cruz) elimina a dispersión das primeiras inseminacións, o cal dispara a eficiencia reprodutiva das xovencas.
O protocolo é o Cosynch de 5 días + proxesterona e é cada vez máis usado polos gandeiros que necesitan aumentar a súa taxa de inseminación mantendo unha taxa de concepción boa.
Por que é tan importante aumentar a taxa de preñez nas vacas?
Cando aumentamos a eficiencia reprodutiva nunha gandería de vacún de leite logramos:
1) Máis leite: Por cada 30 días abertos que baixemos, baixamos uns 15 días en leite = 1 litro por vaca e día.
2) Mellor taxa de eliminación.
3) Mellor metabolismo. O risco de cetose aumenta canto maior é o intervalo entre partos.
Consideracións finais:
– Para ter éxito cos programas de reprodución deben realizarse nunha explotación con bos índices de saúde, alimentación controlada por un nutrólogo, bo manexo das vacas, do seme, da inseminación e un bo cumprimento dos protocolos de tratamento.
– As exploracións dos animais e a supervisión do programa deberán ser realizados por un veterinario, e o uso de medicamentos para o control da reprodución debe ser realizado sempre baixo prescrición e control por parte do veterinario. O veterinario é a persoa ideal para o control destes programas.