Como mellorar o balance de minerais nas dietas de vacas leiteiras?

Alejandro Castillo deu nas Xornadas Técnicas de Seragro unha serie de consellos ás explotacións para lograr unha maior eficiencia nas formulación das racións, en base á súa experiencia nos últimos 20 anos en ganderías de California

Alejandro Castillo, durante su intervención en las Jornadas organizadas por Seragro (Foto: Jose Luis Miguez)

Alejandro Castillo, durante a súa intervención nas Xornadas organizadas por Seragro (Foto: Jose Luis Miguez)

Desde fai 20 anos, as racións para vacas leiteiras empezaron a ter en conta os balances de nutrintes, onde os minerais xogan un papel fundamental, ao mesmo nivel que outros elementos como a proteína, a enerxía ou as vitaminas.

Cantidades inaxeitadas de minerais na dieta dos animais pode afectar á súa eficiencia produtiva. “Pero cando falamos de cantidades inadecuadas, pode ser tanto por defecto como por exceso”, puntualiza Alejandro Castillo, experto nutricionista e profesor na Universidade de California, que participou nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro, onde achegou unha serie de consellos para mellorar o balance de minerais nas explotacións lácteas.

Debemos ser máis precisos e eficientes nas nosas dietas para cubrir as necesidades de animais que son cada vez máis produtivos

“O resultado de manexar ben os minerais na dieta non só se ve no aforro económico na ración, senón sobre todo na resposta produtiva dos animais, que mellora de maneira impresionante”, afirma Alejandro. “Debemos ser máis precisos e eficientes nas nosas dietas para cubrir as necesidades de animais que son cada vez máis produtivos”, defende.

A importancia dos minerais

Aínda que se avanzou moito nos últimos anos no estudo dos principais minerais e os seus efectos sobre os animais produtores de leite, é un campo con elementos aínda por investigar.

“Os microminerales son aínda grandes descoñecidos na nutrición das vacas leiteiras e hai unha serie de factores que aínda non podemos controlar, porque descoñecemos o cálculo dos requirimentos de minerais dos microorganismos de rumen, que segue sendo unha materia pendente, cal é o consumo do sistema inmune ou os efectos do estrés sobre a absorción de minerais”, admite este experto.

Hoxe en día segue sendo unha materia pendente o cálculo dos requirimentos de minerais dos microorganismos de rumen

As vacas leiteiras que consomen inadecuadas cantidades de nutrintes esenciais poden sufrir problemas de saúde e reducir a produción de leite e a súa eficiencia reprodutiva.

O cálculo de requirimentos minerais actual ten en conta as necesidades dos animais (TAR) e as achegas da dieta (TAS) mediante un software que realiza un balance para así corrixir as deficiencias mediante suplementos incorporados á ración como premesturas.

Na actualidade a maioría dos programas de nutrición animal baséanse na metodoloxía proposta polo sistema oficial de EEUU

A absorción dos minerais depende de distintos factores relacionados co animal (idade, peso vivo, produción, estado fisiolóxico) e a dieta (forraxes, concentrados, auga de bebida). “Pero habitualmente as dietas formúlanse para que a inxesta de minerais exceda o requirimento dos animais”, explica Alejandro.

Sobrealimentar é contraproducente

A sobrealimentación de minerais pode incrementar os custos de alimentación e mesmo ser contraproducente, ben polos seus efectos adversos sobre os microorganismos ruminais, ben porque o exceso dun mineral pode bloquear a absorción doutro por antagonismo entre eles, o que obriga a “gastar diñeiro en correxilo”.

“O axuste dos antagonismos obriga a incrementar o mineral afectado na mesma proporción na que a súa absorción ser ve reducida pola presenza doutro mineral en exceso. Os niveis de potasio nas dietas son un 30% máis altos dos requirimentos dos animais. Aí teriamos un espazo para mellorar a eficiencia”, detalla.

Os niveis de potasio nas dietas son un 30% máis altos dos requirimentos dos animais. Aí teriamos un espazo para mellorar a eficiencia

Pero a maiores, esta sobrealimentación ten efectos prexudiciais sobre o medio ambiente. “Unha maior excreción de minerais a través das feces e os ouriños podería ter efectos negativos sobre o chan”, afirma Alejandro.

Racións para lotes homoxéneos

O habitual á hora da formulación de dietas con minerais é traballar cunha “marxe de seguridade” do 20%, é dicir, que a presenza de minerais sexa un 20% superior ás necesidades medias do grupo de animais para o que se formula, para que deste xeito esa mesma ración sexa capaz de cubrir tamén os requirimentos dos animais máis produtivos do grupo.

Por iso, para poder axustar mellor a ración, este experto recomenda reducir o máximo posible a disparidade de individuos que forman ese grupo. É moi importante eliminar os animais menos eficientes para axustar ben o balance, de maneira que permita cubrir os requirimentos nutricionais das vacas máis produtivas. “Unha vaca que dá 15 litros non paga o que come e distorsiona a media”, asegura Alejandro.

Unha vaca que dá 15 litros non paga o que come e distorsiona a media

Outra medida efectiva pasaría por distribuír ás vacas da explotación en lotes o máis homoxéneos posibles, por criterios como produción de leite, e aplicar aos distintos grupos de animais alimentación diferenciada a través de varias racións. “Se temos unha soa dieta para todo o rabaño, a dispersión é moito maior que se temos tres dietas en función das necesidades nutricionais de cada grupo de animais, a precisión na nutrición mellora”, asegura.

A eficiencia produtiva dunha granxa mellora un 8% se temos máis dunha ración

Isto comporta un aforro de diñeiro e mellores resultados produtivos. “Hai unha clara relación directa entre o número de dietas dunha gandería e a produción media de leite desa gandería. A eficiencia produtiva mellora un 8% con máis dunha ración, é algo que é moi importante desde o punto de vista económico”, afirma este experto.

Hai 20 anos en California o 40% das ganderías facía unha soa ración e non tiña nutrólogo. Co paso dos anos a situación cambiou por completo e hoxe a gran maioría contan con asesoramento nutricional e confeccionan polo menos tres racións: unha dieta para as vacas recentemente paridas (ata os 21-28 días postparto), outra para o lote de alta produción e outra para o grupo de baixa produción ou fin de lactación. “Iso é o máis común hoxe en California”, explica Alejandro.

A idade do animal é un factor determinante á hora da absorción dos minerais

Dependendo da idade cambia a biodispoñibilidade dos minerais. As vacas vellas dixiren menos os minerais, polo que sempre hai que aumentar máis a cantidade de minerais en animais de varias lactacións a respecto dun lote de xovencas primeirizas, por exemplo.

Niveis máximos tolerables

As dietas normalmente teñen algún mineral en exceso. Os máis típicos son o potasio, o sodio, o xofre ou o ferro. Pero estes excesos deben ser analizados en función de dous criterios: os niveis máximos tolerables e os antagonismos ou incompatibilidade entre minerais.

Á hora de balancear, debemos ter en conta os niveis máximos tolerables de minerais e os antagonismos entre minerais incompatibles

O nivel máximo tolerable dun mineral é a maior dose que se pode dar a unha vaca sen causar efectos adversos sobre ese animal. Por exemplo, os niveis máximos tolerables de calcio son de 1,5%. “Se un se pasa desa proporción empezamos a ter problemas, por exemplo unha redución de consumo”, explica Alejandro.

Analizamos algunhas racións de ganderías en Galicia e tiñan niveis de ferro por encima dos recomendados

No caso do fósforo, o nivel máximo tolerable é do 0,7%. A partir desa cantidade descende a produción de leite e hai afectacións sobre o magnesio. O límite do potasio estaría no 2%. “É importante controlar o exceso de potasio na vaca preparto para evitar a hipocalcemia ou síndrome da vaca caída por falta de calcio no postparto”, indica. Para outros minerais, os niveis máximos serían: 3% de sal; 0,3% de xofre; 500 ppm de ferro; 40 ppm de cobre; 5 ppm de selenio.

O antagonismo entre o potasio e o magnesio é o máis estudado en vacas de leite

Algúns dos exemplos máis comúns de antagonismos entre minerais danse entre o potasio e o magnesio; o xofre e o selenio; e o cobre co molibdeno e co xofre. Hai tamén relación negativa entre calcio e fósforo ou entre fósforo e magnesio.

“O requirimento de magnesio para unha vaca de 30 litros é de 41 gramos por día. Cando o potasio está nun nivel normal (1% da ración) a dixestibilidade do magnesio é do 25% (10 gramos dos 41 inxeridos chegan ao sangue), pero se duplicamos o nivel de potasio ao 2%, a dixestibilidade do magnesio cae á metade”, explica Alejandro.

“Para corrixir esta situación, o que facemos é subir o magnesio ao nivel do exceso de potasio para que desta forma poida haber un nivel de magnesio aceptable a nivel plasmático. Por iso, por cada 1% de exceso de potasio debemos agregar 18 gramos máis de magnesio”, indica.

“Hai que ter en conta a agua de bebida, pero en Galicia é realmente de moi boa calidade”

Alejandro recomendou a todas as ganderías facer unha análise da auga. “Débese incluír unha análise da auga de bebida nos balances de minerais porque cando provén de pozos ou captacións normalmente contén materiais disoltos ou outras partículas”, asegura este experto.

Se os resultados das analíticas indican que os niveis de sólidos totais da auga están por baixo de 1 gramo por litro de auga poderían non ser tidos en conta. “Nese caso eu non lle daría importancia, porque significa que esa auga está perfecta. Por encima desa cantidade, xa habería que contemplalos porque unha vaca no verán nunha situación extrema pode chegar a tomar 150 litros de auga, polo que estaría a tomar 150 gramos de minerais, o que xa ten certa importancia”, argumenta.

Con niveis de sólidos totais por baixo de 1 gramo por litro, a auga está perfecta

Tras analizar os resultados de varias mostras de auga de ganderías en Galicia Alejandro conclúe que “a auga aquí é realmente boa, de moi boa calidade”. A respecto das forraxes, recomenda analizalas durante un período de entre 3 e 5 anos consecutivos para ter datos fiables cos que poder traballar á hora de formular as racións. “Iso significa diñeiro para as ganderías porque esas análises ás veces son caras, pero o retorno económico de balancear correctamente os minerais é moi superior”, defende.

Un gran salto na capacidade analítica

Nos últimos 30 anos creceu de maneira substancial a capacidade analítica, algo que permitiu avanzar en precisión e maior rapidez á hora de balancear as racións para vacas leiteiras. “Cando eu empecei a formular, ás veces un mandaba unha mostra a un laboratorio dun silo de millo para facer un perfil mineral e cando chegaban os resultados o silo xa se acabara. Non había capacidade analítica, era todo a ollo. Sen embargo, os laboratorios actuais permítennos ter resultados sobre calidade de forraxes en 24 horas”, compara.

A produción de leite evolucionou máis rápido que a información sobre minerais

“Fai 30 ou 40 anos non había un esquema de suplementación animal como existe hoxe. Nese momento os suplementos incluían o 100% dos requirimentos nutricionais da vaca ata que nos demos conta de que estabamos sobrealimentando mal. A gran posibilidade que temos hoxe é que temos unha capacidade analítica incrible, podemos enviar ao laboratorio unha mostra de silo hoxe e mañá ter os resultados para balancear a ración en base a eles. Isto permítenos ir cubrindo en tempo real a demanda de requirimento das vacas”, insiste.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información