Como mellorar a saúde do ubre co manexo das camas?

A investigadora Sandra Godden analiza distintas opcións para as camas do gando co obxectivo de reducir os riscos de infeccións nos ubres. A experta avalía a eficacia de materiais tan dispares como a area e os sólidos de esterco reciclados

Como mellorar a saúde do ubre co manexo das camas?

A cama do gando é un dos focos de risco para enfermidades endémicas da granxa como os mamites ambientais. Un manexo acertado pode ser clave para reducir a incidencia de patoloxías nos animais. “É importante prestar atención á cama xa que pasarán entre 12 a 14 horas ao día deitadas nesta zona”, lembra a veterinaria e investigadora da Universidade de Minnesota (Estados Unidos), Sandra Godden.

A experta analizou os riscos que supoñen para a saúde do ubre algunhas das opcións máis populares das camas nas IX Xornadas de Vacún de Leite, celebradas en Talavera de la Reina (Toledo). As sesións estiveron organizadas pola firma Servet Talavera, cuxo director técnico é Luís Miguel Jiménez; e contaron con distintos expertos internacionais.

“Hai distintos tipos de cama que proporcionan unha boa saúde do ubre, a pesar de ter inicialmente unha elevada carga bacteriana”

Á hora de expor estratexias para mellorar a saúde do ubre, Godden toma o reconto bacteriano da cama (RBC) como un dos indicadores básicos, do mesmo xeito que xa fixeron numerosos estudos que evidencian esta relación. “Se o reconto bacteriano aumenta tamén se incrementa o risco de infección, pero aínda así hai moitos máis valores a ter en conta xa que hai distintos tipos de cama que ofrecen bos resultados en canto a saúde, a pesar de ter inicialmente unha elevada carga bacteriana”, detalla a experta.

A elección do material

Unha das primeiras cuestións a valorar no manexo da cama é a elección do material, xa que duns a outros a carga bacteriana pode variar moito. Entre as opcións máis populares atópanse as camas de area nova, area reciclada, serraduras, palla ou sólidos de esterco reciclados, que foron tamén as estudadas pola experta.

“Xeralmente, a area virxe é a mellor opción para a saúde do ubre e os sólidos de estiércol a peor”

Unha comparativa entre estes tipos de cama concreta que os recontos coliformes máis baixos atópanse nas camas de area nova, mentres que os máis altos pertencen ás camas de sólidos de esterco. “Xeralmente, a area virxe é a mellor opción para a saúde do ubre e os sólidos de esterco a peor”, comenta a investigadora.

Con todo, Godden recoñece que hai unha tremenda variación entre os resultados dos rabaños na saúde do ubre, aínda que utilicen o mesmo tipo de camas. “Non tódolos rabaños que usan sólidos reciclados para as súas camas teñen un alto reconto bacteriano ou unha pobre saúde do ubre, e o mesmo ocorre coas gandarías que utilizan camas de area: non todas teñen bos resultados. Hai outros factores que inflúen ademais da elección do tipo de material”, apunta Godden.

Así, aínda que para reducir o risco para a saúde do ubre debe optarse por camas inorgánicas, a elección do material de cama non é o único factor determinante para evitar afeccións.

Conservación da cama

A conservación e manexo que se realiza da cama é outra das claves para reducir riscos e mellorar a saúde do ubre. Unha adecuada manipulación e conservación do material da cama pode variar os resultados sanitarios da gandaría. “O incremento de materia seca na cama está asociado con niveis de recontos bacterianos máis baixos e con mellor saúde para o ubre”, apunta Godden.

No caso das camas con sólidos de esterco, a veterinaria concreta que un 35% de materia seca provocaría un reconto de coliformes alto, mentres que se se incrementa a valores superiores a un 65% de materia seca, o risco e a presenza de bacterias redúcese ata situarse en menos dun 25%.

“A humidade ambiental pode impedir que se chegue a lograr unha boa cama seca con sólidos reciclados de esterco”

Para conseguir elevar a cantidade de materia seca nestas camas a base de esterco reciclado, moi populares nas rexións máis calorosas de Estados Unidos e con presenza tamén en España e mesmo nalgunhas granxas galegas, o proceso de tratamento do esterco é fundamental. “A humidade ambiental pode impedir que se chegue a lograr unha boa cama seca, como ocorre nas gandarías do noroeste de Estados Unidos”, indica a experta.

Con todo, aínda con cautela xa que se trata dunha investigación cunha mostra moi pequena, Godden apunta que o secado mecánico con aire quente dos restos de esterco pode ser unha opción a ter en conta para as gandarías que teñen maiores dificultades para lograr garantir a materia seca. Os primeiros resultados amosan que as granxas que utilizaron este sistema de secado non só conseguiron incrementar a cantidade de materia seca senón que a incidencia de mastite clínica pasou dun 13%, en gandarías con sólidos reciclados secados con outros métodos, a un 3% nas granxas que optaron polo secado mecánico con aire quente.

As camas de area deben ter máis dun 95% de materia seca

Do mesmo xeito que cos sólidos reciclados, Godden tamén determina que nas camas de area, tanto nova como usada, é fundamental ter controlada a cantidade de materia seca e orgánica. A investigadora apunta que neste caso a cantidade de materia seca debe superar o 95% e no caso da materia orgánica é recomendable que se sitúe por baixo do 1,5%.

O tratamento que recibe a area antes de chegar a utilizarse na cama condicionará os resultados sanitarios. Así, a area que foi lavada e que se almacena baixo cuberta é máis seca e consegue uns mellores resultados. Da mesma maneira que ocorre cos sólidos de esterco reciclados, a reciclaxe de area, unha práctica que se utiliza en grandes gandaría americanas, pode ser unha opción máis viable se se opta por sistemas mecanizados para o seu lavado e secado.

Outro dos aspectos sobre os que Godden incorre é a utilización de desinfectantes na cama. A investigadora constata que o emprego de calcarias combinadas coas camas de area ou outros materiais para activar o Ph e reducir o reconto bacteriano ten un efecto limitado. “Os desinfectantes teñen unha eficacia dun día polo que deben engadirse diariamente para conseguir resultados”, apunta. Con todo, a experta reflexiona sobre as consecuencias que o uso destes desinfectantes poden provocar no Ph do solo. “Necesitamos contar con máis estudos sobre as variacións que provoca o uso destes desinfectantes tanto no solo como na saúde do ubre da vaca”, apunta.

A limpeza dos corredores e o tamaño adecuado dos cubículos contribúe a ter camas máis secas.

Claves do mantemento da cama

A investigadora tamén achegou algunhas claves para optimizar o manexo da cama nas granxas con estabulación libre en cubículos, co fin de mellorar as condicións da cama e reducir os riscos. Godden apuntou que se trata de pautas sinxelas que axudan a lograr baixar o reconto bacteriano e mellorar a saúde do ubre.

-Engadir con frecuencia, preferiblemente unha vez ao día, cama orgánica fresca aos cubículos. “Hai que ter presente que a carga bacteriana aumenta nada máis empezar a utilizalo material, polo que engadir produto novo baixa esa carga e reduce os riscos”, indica Godden.

-Corrixir deseño e dimensións dos cubículos para evitar que as vacas ouriñen e defequen neles, en lugar de facelo nos corredores.

-Retirar a cama húmida do terzo posterior polo menos 2 veces ao día. “Moitos optan por facer estas limpezas da cama antes do muxido”, apunta.

-Limpar os corredores polo menos 2 ou 3 veces ao día.

-Evitar a acumulación de auga e esterco nos corredores. “A limpeza das zonas de acceso ás camas reduce a cantidade de materia orgánica que as vacas levan ás propias camas nas pezuñas e que contribúe a baixar o reconto bacteriano”, detalla.

-Evitar o hacinamento dos animais, xa que isto tamén provoca que os corredores terminen máis sucios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información