A Xunta de Galicia pon en marcha para o próximo curso 2019/20 o novo ciclo formativo de grao medio de técnico en produción agroecolóxica, un sector cunha crecente demanda e con boas perspectivas de mercado.
Este ciclo, de 2000 horas de duración, permitirá ás persoas que o cursen incrementar as súas posibilidades de emprego traballando no ámbito da produción ecolóxica nos sectores hortícola, frutícola, gandeiro, de produción de planta, xardinaría, etc.
O ciclo, que terá unha duración de 2.000 horas lectivas, impartirase en modalidade ordinaria no CFEA Pedro Murias (Ribadeo), con dous anos de duración. Ademais, haberá tamén unha oferta polo réxime de persoas adultas no CFEA de Sergude (Boqueixón), co obxectivo de que tamén poidan recibir clases aquelas persoas xa incorporadas ao mundo laboral.
Velaquí algunhas características do ciclo:
–Os centros dispoñen de tódolos medios técnicos precisos para unha formación integral. No caso do CFEA Pedro Murias contan cunha aula de informática, unha biblioteca, un laboratorio, unha nave-taller e unha aula de transformación de lácteos. Conta ademais con 14 ha de terreo repartidas entre unha unidade de vacún de carne de raza Rubia Galega e unha sección de horta. No caso de Sergude contan cunha superficie de 95 ha, un internado, laboratorio, invernadoiro, explotación gandeira, aula de informática, parque de maquinaria e taller, campos de ensaio e demostración, entre outras instalacións.
-O enfoque deste ciclo será práctico, buscando que o alumnado acade uns coñecementos teóricos pero ao mesmo tempo que saían da escola cuns coñecementos prácticos adquiridos que lles permita desenvolver as súas profesións con total seguridade xa desde o comezo.
-O equipo docente estará composto por persoal do CFEA Pedro Murias e do CFEA de Sergude. Entre eles enxeñeiros agrónomos, agrícolas e veterinarios. Tamén se contará para coa colaboracións de expertos externos.
–Nos dous centros existe a posibilidade de internado e servizo de comedor. O centro de Ribadeo conta con 35 prazas de aloxamento, e o alumnado podería, se así o require na matrícula, dispor do servizo de xantar a mediodía. No caso do centro de Boqueixón tamén conta con prazas de internado e servizo de comidas.
Prazos para matricularse:
Máis información:
-Matrícula en réxime ordinario (Ciclo completo): CFEA Pedro Murias. A Granxa, 1. Ribadeo (Lugo). Telf. 982 82 85 52 ou no mail cfearibadeo@xunta.gal
-Matrícula en réxime de persoas adultas (Por módulos): CFEA Sergude. Boqueixón, (A Coruña). Telf. 881 86 73 25 ou no mail ceca.sergude@edu.xunta.es